Portada
Boletin Amigos da Terra xuño 2009
Assunto: Boletin Amigos da Terra xuño 2009
Data de Envio: 2009-07-10 12:27:26
Edição N #: 3
Conteúdo:
Amigos da Terra

Boletín informativo de Amigos da Terra - xuño 2009


Neste boletín:



INFO XERAL

Campaña “ Axuda a vivir, doa sangue e planta unha árbore”

DoaSangue

Amigos da Terra xunto co Centro de Transfusión de sangue de Galicia e Voz Natura, estamos levando a cabo durante esta semana e por noveno ano consecutivo na cidade de Ourense, a campaña: “Axuda a vivir, doa sangue e planta unha árbore”, campaña que o ano pasado acadou unha participación de 280 persoas.

Esta iniciativa xurdiu no ano 2000 froito de dúas grandes preocupacións que vivimos na actualidade, os incendios forestais e a necesidade de doazóns de sangue para os hospitais. Máis información sobre a campaña.

 

Golpe de Estado en Honduras

Dende Amigos da Terra quixemos solidarizarnos coa poboación de Honduras demostrándolles o noso respaldo dende Galicia, por iso,  e como traballamos no terreo, quixemos amosar o noso apoio aos nosos socios e socias locais secundando a iniciativa de Amigos da Terra Internacional de enviar un e-mail ou unha carta á Embaixada de Honduras para protestar e esixir a defensa da democracia e o regreso do presidente electo, así como a defensa dos dereitos da poboación hondureña.

Así que, animádevos a presionar!

 

Alternalia 2009

Alternalia

Un ano máis, Amigos da Terra participou na mostra de bioconstrución, enerxías renovables e ecoloxía Alternalia, que se celebrou na localidade pontevedresa de Moaña a finais do mes de xuño.

Nesta ocasión, ademais da mesa informativa, centrada sobre todo en difundir o centro de As Corcerizas como un exemplo real de bioconstrución e aplicación das enerxías renovables, o domingo tivemos a oportunidade de realizar un obradoiro de bioconstrución,

"Pensamento crítico, solucións prácticas”, no  que mostramos á xente diferentes técnicas para facer a súa vivenda máis sostible.


VI xornadas de Educación Ambiental
Santiago de Compostela acolleu o pasado mes de xuño as VI Xornadas Galegas de Educación Ambiental.

Nesta edición, estiveron orientadas a resituar os problemas ambientais do século XXI, intercambiar experiencias e así mesmo, debater os avances acadados en Galicia e no Estado español neste eido. Neste senso, Amigos da Terra, participou cunha comunicación sobre As Corcerizas.

 

Día Mundial do Medio Ambiente

DiaMedioAmbiente



Este ano, decidimos celebrar o Día Mundial do Medio Ambiente na cidade de Vigo.

Como actividade na rúa realizamos o “Test da pegada do carbono”, co que pretendíamos que a xente reflexionase sobre a necesidade de mudar moitos dos seus hábitos cotiás prexudiciais para o medio, por outros máis respectuosos co planeta.

 

 

 

AS CORCERIZAS

Curso práctico de Bioconstrución e Autoconstrución
Os fundamentos teóricos levaranse a cabo a través de actividades de participación e debate, seguido de aplicacións prácticas sobre o terreo, experimentando diferentes técnicas e posibilidades utilizadas na Bioconstrución. Contaremos coa colaboración e experiencia da REDE DE PERMACULTURA IBÉRICA NODO NOROESTE.

Datas: 20-23 de agosto 2009


Información sobre o curso e inscricións

 

Actividades de verán
O albergue de As Corcerizas inicia a súa tempada de verán, cunha oferta de actividades do 13 ao 19 de xullo. Ademais, para os/as socios/as e voluntarios/as de Amigos da Terra levaranse a cabo nesas datas unhas xornadas de encontro e voluntariado.

Información das actividades


No mes de Xuño celebráronse as últimas actividades do 2009 de 2 programas activos durante toda a primavera:

 

Programa escolar Sentir, Coñecer, Actuar

As xornadas máis solicitadas foron as adicadas a cambio climático, centradas na problemática enerxética e as posibles solucións para desacelerar o proceso.

No curso 2009-2010 colaboraremos co departamento de Educación do Concello de Ourense para desenvolver este programa cos I.E.S. da cidade.

 

Programa Naturalmente Galiza

090606_NG_015

 

Desenvolveuse durante 4 fins de semana, do que puideron disfrutar e coñecer novos recursos 88 persoas de diferentes partes de Galicia.

 

 

 

 

 

 

 

Visitas ao equipamento:
O equipo de FAIMEVI, Fundación Axencia Intermunicipal da Enerxía de Vigo, visitou As Corcerizas cunha valoración moi positiva.

Persoal da SGEA, Sociedade Galega de Educación Ambiental, en relación á actualización de datos da rede de equipamentos galegos e ao traballo que se está levando a cabo pola profesionalización da Educación Ambiental.

 

Campamentos de verán
SCA2009

Campamento de fin de curso co colexio Isidro Parga de Oleiros, durante 4 días.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Publicacións

Acaba de saír publicado un artigo sobre o proxecto educativo de As Corcerizas con escolares no Monográfico de Cuadernos de Pedagogía, coordinado por Susana Calvo: Utopías que se transforman en realidades.

 

ASESORÍA XURÍDICA

Malos tratos na canceira de O Carballiño

O 3 de xuño, Amigos da Terra foi chamado a declarar ao xulgado de O Carballiño en relación ao caso dos malos tratos con resultado de morte de más de 80 cans. A xuíza tomounos declaración e estase á espera de que, logo das dilixencias de investigación, dea paso á apertura do xuízo oral. Mentres tanto, as denuncias sobre a continuidade dos malos tratos séguense sucedendo.

É por iso que un grupo de voluntarios/as da asociación, decidiu subir a votar unha ollada de vez en cando en horario de apertura ao público (martes e xoves de 16 a 18h.).

Se queres participar neste grupo para vixiar o benestar dos cans da canceira, ponte en contacto con xuridico@amigosdaterra.net.

 

Verquido ao río Barbaña

Sen dúbida algunha, o maior atentado ecolóxico do último mes, producido neste caso na cidade de Ourense, foi o verquido ao río Barbaña. Os alarmantes resultados ecolóxicos foron, máis de 17.000 especies piscícolas mortas e máis dun 80% da flora do río desaparecida. Ademais, estase a investigar canta desta flora e fauna posúe unha especial protección.

O verquido, cuxa orixe estase a investigar pola Fiscalía de Ourense, estivo composto de sustancias químicas procedentes da depuradora do polígono industrial de San Cibrao das Viñas.

 

riosil_090707

Amigos da Terra, que leva máis de 3 anos denunciando os continuos vertidos a este río, enviou toda a documentación que sobre os mesmos posuía á citada Fiscalía para axudar na investigación dun caso que leva anos producíndose.

A diferenza é que nesta vez, produciuse unha verdadeira alarma social que fai presión sobre as administracións competentes para que estas actúen e se depuren responsabilidades facéndose cumprir o principio ambiental: Quen contamina, paga.

 

Estudo sobre o Convenio de Aarhus

Amigos da Terra ven de publicar un Estudo sobre o manexo deste Convenio que ten a súa transposición á norma española a través da Lei 27/2006, do 18 de xullo no que se refire ao acceso do público á información ambiental que obre en poder das autoridades públicas, o dereito a participar na toma de decisións públicas referidas a plans e proxectos que poidan afectar ao medio ambiente e á elaboración de normas de rango legal e regulamentario e, finalmente, ao acceso á xustiza ambiental e a posibilidade de exercitar a acción pública polas ONGs ambientalistas que, cumpridos certos requisitos legais, poderán ademais solicitar a asistencia xurídica gratuíta.

Podes acceder aquí ao Estudo e facer uso do mesmo para exercitar os teus dereitos ambientais.

 

Denuncias anónimas

Sodes xa moitos defensores do medio ambiente que de forma activa estades a denunciar todo aquilo que pode producir ou está a producir unha agresión e prexuízo ao medio ambiente e á saúde das persoas.

E así, ao longo do último mes sucedéronse varias denuncias de particulares que se puxeron en contacto co departamento xurídico de Amigos da Terra: vertidos de graxas e aceites a un prado en Begonte (Lugo), denuncias sobre presuntas talas en Xendive (Ourense), talas inxustificadas de árbores centenarios en Barbantes (Ourense), emprego abusivo e sen control de herbicidas (Ourense), retirada do parque público para os cans (Ourense), continuación da presenza de cabalos e eguas trabadas nos montes pontevedreses, falta de caudal ecolóxico no río Sil á altura do encoro de Santo Estevo (Ourense), etc.

A importancia destas denuncias a onde chegan os vosos ollos como ecovixías anónimos do medio ambiente, ten unha gran importancia pois nin a asociación, nin as autoridades públicas teñen moitas veces a capacidade de chegar a onde chegan todas as vosas olladas.

Dádelles voz!

 

CAMBIO CLIMÁTICO

“A Aposta en Fogares” en O Barco

Hai un ano comezamos con este programa de sensibilización en O Barco. O día 3 de xuño estivemos alí  presentando os resultados preliminares aos participantes. Agora estamos a espera de que os participantes nos entreguen o total dos datos para poder presentar todolos resultados. En canto os teñamos volos faremos chegar.


“Foro de Enerxías e Cambio Climático”

Durante os meses de maio e xuño estivemos a levar a cabo uns foros de Enerxías e Cambio Climático nalgúns concellos da rede de Núcleos de Sostibilidade. Durante os mesmos a xente podía visitar a exposición da Unión Europea: Clarity de Cambio Climático ao longo dunha semana, e un día da mesma se celebraba un cineforum co visionado de varias curtas do noso documental “Manual de uso para una nave espacial” e cunha posterior dinamización para a cal contamos con distintas colaboracións.

Estivemos en:


-    Reserva da Biosfera Area de Allariz, coa participación de Ana Albo da Axencia das Enerxías de Vigo (FAIMEVI)
-    Concello de Muros, coa participación de Francisco Sóñora autor e director do programa educativo Climántica.
-    Concello de Vilaboa, coa colaboración de Francisco Díaz Fierros.
-    Concello de Guitiriz, coa participación de Conchi Pérez da Axencia das Enerxías de Vigo (FAIMEVI).


Campaña S.O.S. Clima!

No mes de Xuño levamos a campaña ás rúas, con mesas informativas, coa recollida de postais de apoio á campaña e coa venda de camisetas.

Estivemos en:

-    5 de Xuño en Vigo, con motivo do Día do Medio Ambiente
-    18 de xuño, concerto de Manolo García en Vigo
-    25 de xuño, concerto de Manolo García en Ourense

-    26 de xuño na Romaría reivindicativa da Plataforma  Cidadá Contra a Autovía


Concertos de Manolo García

090618_manolo_vigo

 

O cantante e compositor catalán é membro honorífico de Amigos de la Tierra. Ao longo da súa carreira ten amosado moito interese polo coidado do medio ambiente. E durante estes dous concertos dirixiulle ao público unhas palabras de reflexión sobre a situación actual do Cambio Climático así como de apoio á labor de Amigos da Terra.

 

Máis información sobre a campaña

 

 

CONSUMO RESPONSABLE

Decálogo de Consumo Responsable

A comisión de Comercio Xusto da Coordinadora Galega está a preparar un Decálogo de Consumo Responsable, o cal pretende ser unha guía para as ONGD que integran a Coordinadora, para que dentro das mesmas se apliquen tamén os criterios dun consumo responsable, ademais ás diferentes ONGD se lles pasará unha enquisa de valoración do cumprimento dos principios que se recollen no decálogo.

 

Día do Comercio Xusto 2010

Así mesmo, o próximo ano a celebración do Día do Comercio Xusto basearase no título “As Mulleres alimentan o mundo” no que se pretende poñer sobre a mesa as experiencias das mulleres agricultoras tanto do sur como do norte, cun enfoque crítico cara a temas importante como os transxénicos, o consumo local, etc.


Xornada de formación

Por outra banda, estase preparando unha xornada de autoformación para os membros das ONGD que integran a comisión sobre Compra Pública Ética, que impartirá a Rede de Comercio Xusto e Consumo Responsable de Castilla – La Mancha.

En principio, a data proposta e o 31 de outubro de 2009, pero aínda non é seguro polo cal, xa che informaremos, por favor se estades interesados na formación enviade un correo a

cooperacion@amigosdaterra.net

 

COOPERACIÓN

Novos proxectos
En agosto da inicio  o novo proxecto na zona de Ometepe, baixo o título, “Fortalecemento de grupos organizados para a Pesca Artesanal Sostible e a conservación dos recursos naturais na Illa de Ometepe” en Nicaragua, que terá como obxectivo principal, mellorar o sector pesqueiro da Illa baixo o enfoque de sostibilidade ambiental e igualdade de xénero, a partir de mellorar a organización pesqueira, mellorar o seus equipos e artes de pesca, recuperar zonas costeiras degradadas xunto coas poboacións locais e reducir as desigualdades de  xénero dentro do sector pesqueiro. O número de beneficiarios ascende a 782 dos cales o 48% son mulleres.

 

Colaboración con AGARESOP

Para setembro estase preparando a visita que fará a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (AGARESO) aos proxectos de pesca artesanal  que estamos a desenvolver no Golfo de Fonseca, onde se entrevistarán cos beneficiarios e as nosas contrapartes, para recoller en material dixital os logros que se están acadando en temas de pesca artesanal, conservación dos recursos mariños, participación da mulleres, de xeito que sirva para sensibilizar a poboación galega e difundir o traballo de Amigos da Terra en Cooperación ao desenvolvemento con enfoque ambiental.

 

Programas cos pescadores artesanaispescadores_golfo

Así mesmo, estamos preparando un programa que presentaremos á Dirección de Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, co cal pretendemos fortalecer e consolidar definitivamente o traballo que vimos desenvolvendo desde os inicios da cooperación en Amigos da Terra.

Dito programa se levará a cabo ata o 2012, se a Xunta de Galicia o aproba, e estará dirixido a pescadores artesanais do Golfo de Fonseca, polo tanto abarcaremos os tres países que comparten o Golfo, Nicaragua, O Salvador e Honduras.
Por outra banda, estamos case no peche dos proxectos sobre pesca artesanal que estamos a desenvolver en Nicaragua e O Salvador, así que en breve subiremos unha nova á web sobre os logros acadados nos anos 2007 e 2008, grazas á colaboración da Xunta de Galicia.

 

Sensibilización
O pasado mes de xuño participamos nas V Xornadas Anuais de Cooperación, baixo o lema “Cooperar en tempos de crise”. Nesta xornada, tiveron lugar diferentes mesas de debate nas que se plasmaron as fortalezas e debilidades da cooperación en Galicia, así como os desafíos tendo en conta a situación de crise económica en que vivimos. As principais conclusións pódense ler na páxina do Fondo Galego de Cooperación.

Así mesmo,  e tras o éxito do curso práctico sobre Cooperación e Medio Ambiente que se levou a cabo no Centro de Educación Ambiental As Corcerizas, estamos traballando nas conclusións, en breves as teredes a vosa disposición na web  de Amigos da Terra.

 

RESIDUOS

Guía de Redución

Dende o voluntariado e o equipo técnico de residuos, e cumprindo cunha das tarefas da nosa planificación anual, estase a elaborar unha guía de redución de residuos. Cecilia, voluntaria europea da área, está levando a coordinación da guía. Se queres participar contacta co grupo de residuos.

Campaña ZLB

logo-zlb-castellanoA campaña Zonas Libres de Bolsas, foi presentada ó público, o día 3 de Xullo (Día sen bolsas). Polo momento a ferramenta fundamental coa que contamos é o Blog, a través do cal se poden descargar os materiais da campaña, adherirse á mesma e ir difundindo as accións que comecen a facerse.Visita o Blog e declararte persoa libre de bolsas.

Anímate e participa!

 

Compostaxe
Os programas de compostaxe seguen en marcha e neste mes, coa calor, chega o momento de extraer o primeiro compost.
Durante o mes de Xullo estaremos facendo visitas de seguimento en Marín e Arzúa, así que se estás preto dalgún destes sitios e te apetece coñecer os proxectos, non o dubides!

 

Informe de Propostas para a Consellería de Medio Ambiente

RoldaPrensaResiduosFEG-ADT

 

O pasado mércores día 17 de xuño, presentamos en rolda de prensa o informe "A xestión dos RSU en Galicia, propostas para unha xestión preventiva e sustentable dos Residuos sólidos Urbanos".

Este informe xurdiu como resposta á preocupación colectiva do movemento ecoloxista galego ante as intencións do novo goberno de afrontar as políticas de residuos, dun xeito "preocupante". O documento foi elaborado por Amigos da Terra e a FEG e contou coa colaboración de socios/as e voluntarios de Amigos da Terra.

Podedes descargalo aquí


Posicionamento "Bolsas dun só uso"
Entre as áreas de residuos de todos os grupos locais, estamos traballando nun documento de posicionamento político sobre as bolsas comerciais dun so uso. Pretendese con isto, deixar clara a nosa postura fronte a falsas solucións como substituír o plástico por novos materiais, sobre o uso destas como bolsas do lixo, etc., e reflectir nel  as  únicas alternativas válidas para nos.

Enviarémolo a lista de socios en canto estea preparado e poderedes aportar o que creades convinte.

 

VOLUNTARIADO

Voluntariado Local

Voluntarios/as de defensa animal no Festi FAX

O grupo de voluntarios/as de defensa animal estivo de novo presente no Festival Alternativo da Xuventude de Ourense, os días 19 e 20 de xuño cunha mesa informativa.

Nesta ocasión, foi para lembrar aos/ás asistentes, a necesidade de protexer aos animais que cada día son vítimas inocentes da ciencia, do entretemento e dos caprichos dos seres humanos e informarlles así mesmo ,da posibilidade e dos trámites a realizar no caso de querer adoptar un animal.

 

Voluntariado Europeo:

Como é habitual nesta época, coa chegada do verán, chegan tamén novos voluntarios europeos; xa forma parte, dende hai unha semana, do equipo de traballo: Adam, de Polonia, que traballará ó longo deste ano na área de residuos. E na vindeira semana chegará Titusz, de Hungría, que formará parte do equipo de Cambio Climático. Benvidos aos dous.

Tamén agradecemos a colaboración coa asociación por parte de Alison e Cecilia. As dúas estiveron durante un ano enriquecendo o traballo das áreas de cambio climático e residuos, ademais de participar en todas as campañas e proxectos da asociación. Gracias e boa continuación ás dúas.

 

RECURSOS DISPOÑIBLES

Neste novo apartado,  próximamente poderedes consultar unha listaxe con todos os recursos da asociación a disposición de todos os socios e socias.

Dende material bibliográfico, audiovisual, pancartas, obradoiros e todo o que se nos vaia ocurrindo. Todos podedes colaborar a enriquecer esta lista!

 






Amigos da Terra - Tel. 988 374318 · Fax. 988 511020 - Rúa da Concordia, 20 - 2º Esq. 32003 Ourense.

Neste novo apartado,  próximamente poderedes consultar unha listaxe con todos os recursos da asociación a disposición de todos os socios e socias.

Dende material bibliográfico, audiovisual, pancartas, obradoiros e todo o que se nos vaia ocurrindo. Todos podedes colaborar a enriquecer esta lista.
Amigos da Terra - Tel. 988 374318 · Fax. 988 511020 - Rúa da Concordia, 20 - 2º Esq. 32003 Ourense. Aviso Legal.
Este sitio esta feito con Joomla e SiteGround. Versión en galego de Joomla 1.5 facilitada pola CiberIrmandade da Fala. Joomla é Software Libre baixo licencia GNU/GPL.

Sitio web en galego subvencionado por Presidencia - Secretaría Xeral de Política Linguística.