Portada
Boletín Amigos da Terra xullo-agosto 2009
Assunto: Boletín Amigos da Terra xullo-agosto 2009
Data de Envio: 2009-09-01 14:14:46
Edição N #: 4
Conteúdo:
Amigos da Terra

Boletín informativo de Amigos da Terra - xullo - agosto 2009


Neste boletín:



INFO XERAL


Resultados da campaña “Axuda a vivir, doa sangue e planta unha árbore”

A campaña “Axuda a vivir. Doa sangue e planta unha árbore”, promovida por Amigos da Terra, o Centro de Transfusión de Galicia (CTG) e Voz Natura, durante o pasado mes de xullo en Ourense, acadou un excelente índice de participación, logrando un total de 248 doazóns de sangue, das que o 13 % (33 doazóns) correspondíanse con persoas que efectuaban a súa primeira doazón de sangue. Isto significa que 248 novas árbores autóctonas serán plantadas nun monte próximo, formando parte da biodiversidade galega, contribuíndo así a fixación do solo e a absorción de CO2 da atmosfera.



280809_campanadoasangue

 

Máis información

 

Acto simbólico en solidariedade co pobo de Honduras

Nun acto simbólico fronte á embaixada de Honduras en España, Amigos da Terra España, COAG, Sodepaz, Entrepueblos, Ecoloxistas en Acción, Plataforma Rural e a Comisión Española de Axuda ao Refuxiado expresaron o pasado 11 de agosto a súa solidariedade co pobo de Honduras na súa loita pola derrota do golpe militar. Responderon deste xeito ao chamamento do Fronte Nacional de Resistencia Contra o Golpe de estado e Vía Campesiña a mobilizacións no Día de Acción Global por Honduras.

 

Máis información

 

 

AS CORCERIZAS

 

Actividades no mes de xullo

 

O 13 e o 20 de xullo: actividades na Aula da Natureza de Oira

Durante estes dous días, realizamos na Aula da Natureza de Oira, para nenos/as de 8 a 12 anos, actividades vinculadas á temática de cambio climático, con obradoiros e actividades que desenvolvemos en As Corcerizas.

 

Do 14 ao 18 de xullo: actividades e visitas ao centro

Estivemos preparando con algúns voluntarios/as da asociación o curso de bioconstrución que se levou a cabo ao mes seguinte. Ademais, durante estes días, houbo varias visitas ao equipamento de público en xeral e alberguistas.

O día 17,  realizamos unha actividade formativa destinada aos alumnos/as do curso de educación ambiental que desenvolve a academia Auria de Ourense, no que puideron empaparse da experiencia da xestión dun proxecto educativo e un equipamento como As Corcerizas.

 

23 e 24 de xullo: campamento concello de Vedra

Durante estes días tivemos o campamento do concello de Vedra, no que participaban nenos/as de 13 a 20 anos. Entre as actividades que se levaron a cabo destacaron unha ruta interpretativa ambiental pola serra, actividades etnográficas en Rebordechao e alternativas fronte o cambio climático.

 

280809_campaconcellovedra

 

Do 30 de xullo ao 2 de agosto: campamento concello de Pontevedra

En colaboración coa empresa de educación ambiental Ventos, levouse a cabo un campamento con público adulto do concello de Pontevedra. O equipo de As Corcerizas aportou ao programa un obradoiro de astronomía e observación nocturna, un roteiro interpretativo pola serra, técnicas de orientación na montaña e un obradoiro de consumo responsable.

 

 

Actividades no mes de agosto

 

Do 5 ao 9 agosto: campamento concello de Vilagarcía

Nestas datas tivo lugar en As Corcerizas o campamento xuvenil de verán do Concello de Vilagarcía e no que participaron mozos/as de 13 a 15 anos. Un total de 30 rapaces/zas reuníronse no Centro de Educación Ambiental co obxectivo de pasar uns días de divertimento en plena natureza; unha forma diferente de gozar das vacacións e adquirir, de xeito lúdico, novos conceptos e actitudes que os capacitarán para vivir en coherencia e respecto co medio nunha sociedade de futuro.

 

280809_campavilagar

 

Do 20 ao 23 de agosto: curso de bioconstrución

A pasada semana levouse a cabo no Centro o curso de bioconstrución e autocontrución, que a pesar de que era a primeira vez que se realizaba resultou todo un éxito, acadando os obxectivos marcados.

Os/as participantes, chegados de distintos puntos da xeografía española, valoraron moi positivamente tanto a profesionalidade como o trato do equipo de As Corcerizas á hora de impartir as diferentes clases teóricas e obradoiros, e por suposto, a calidade dos coñecementos aprendidos nos mesmos.

 

280809_cursopajafuera

 

Máis información

 

 

ASESORÍA XURÍDICA

 

Vertido no Río Barbaña

O pasado mes de xuño produciuse un vertido no río Barbaña procedente da depuradora do concello de San Cibrao das Viñas. A orixe do vertido se centra na investigación das máis de 200 empresas dos polígonos dese concello, a maioría das cales verten as súas augas sen tratamento previo algún.

 

O certo é que o río Barbaña veu sendo receptor de distintos atentados ecolóxicos ao longo dos anos. En todo este tempo, Amigos da Terra advertiu da necesidade de aumentar o número de inspeccións para evitar tales agresións e tramitou numerosas denuncias ante os diferentes organismos anunciando a presenza de vertidos, a necesidade do aumento das sancións aos autores dos mesmos e a obriga de reparar os danos causados ao medio ambiente. Tamén, premendo ás administracións para que os casos coma o do río Barbaña que causou a morte de máis de 17000 peixes, sexa encausado dende a óptica do Código Penal e da Lei de Responsabilidade Ambiental, para garantir evitar novos vertidos xa que apelar á concienciación e sensibilidade de administracións e empresas, é pouco fructífero.

 

Agora será a Fiscalía Xeral do Estado quen investigue o caso. Amigos da Terra recompilou os escritos tramitados e remitiullos á Fiscalía co fin de axudar a esclarecer quen foi o autor da desfeita ecolóxica ao Barbaña.

 

 

Desecación do Río Sil

A desecación artifical do caudal do río Sil ao seu paso pola localidade de Nogueira de Ramuín, foi realizada en dúas ocasións pola empresa Iberdrola co fin de continuar a construción da central hidroeléctrica denominada Santo Estevo II.

 

A Confederación Hidrográfica do Miño-SIl, o Ministerio de Medio Ambiente, a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, o concello de Nogueira e Iberdrola, non se poñen dacordo á hora de mostrar a xustificación e previsión desta actuación no río. Namentres, este sufriu a perda irreparable de fauna e flora, perda presuntamente autorizada por algunhas das administracións citadas e á marxe da legalidade. Legalidade baseada na protección xurídica europea e mesmo galega.

 

280809_riosil

 

Como autorizar unha obra ilegal? Amigos da Terra denuncia esta situación e acude a Bruxelas e lembra que existe abundante lexislación que non só non permite actuacións en augas pertencentes á Rede Natura, como é o caso, senon que ditas actuacións levan aparelladas a imposición de sancións cuantiosas por infraccións graves.

Amigos da Terra esixe a mostra pública das presuntas autorizacións que permitiron a seca do río e a previsión técnica da desecación.

 

Máis información

 

Caso canceira de O Carballiño

En marzo deste ano, Amigos da Terra se despraza á canceira municipal de O Carballiño e atopa dentro da mesma, unha fosa rechea de cans mortos e recubertos con cal. Posta a situación en coñecemento do SEPRONA, este confirma as denuncias e envia escrito alertando da situación á delegación provincial da Consellería de Medio Ambiente e ao Xulgado de o Carballiño.

Amigos da Terra, ao mesmo tempo, persónase no Xulgado para seguir a causa o que lle obriga á asociación a nomear avogado e acarrexar cos gastos que esto supón. Ante esta situación e previndo un proceso legal longo e custoso, tramita a solicitude de petición de avogado de oficio ao Colexio de Avogados de Ourense o cal lle é recoñecido e que, como entidade ecoloxista, suporá o primeiro caso en Galicia de recoñecemento de xustiza gratuíta para a protección do medio ambiente.

 

fosa_cansmortos

 

Co nomeamento de avogado e ante as distintas probas evidenciais presentadas por Amigos da Terra, esperamos que o caso chegue a bo fin e se sancione e penalice aos responsables de tal acto cruel e ilegal como foi o de dar morte e soterrar aos máis de 70 cans atopados na fosa e desaparecidos da canceira, segundo fontes oficiais do SEPRONA da Garda Civil de o Carballiño.

 

Documentación do Valedor do Pobo

 

Manifestación Antitaurina

O 1 de agosto, tivo lugar a manifestación na que numerosos colectivos e cidadáns mostraron publicamente o seu rexeitamento a unha das maiores barbaries de tortura animal que acontecen en Galicia: as touradas, polas que se da unha morte inxustificada a varios touros amparadas polas administracións e baixo un marco legal moi cuestionable. Máis de 500 persoas participaron na manifestación en contra deste tipo de maltrato animal.

 

Máis información

 

CAMBIO CLIMÁTICO

 

Presentación da Bicienerxía

O derradeiro xoves do mes de xullo, dentro das accións da Masa Crítica, presentouse a Bicienerxía, unha bicicleta capaz de producir a súa propia enerxía. Este proxecto foi ideado por un dos participantes e socio de Amigos da Terra, Juanjo García Rodicio.

 

090730_bicienerxia-5

 

Aquí vos deixamos unha ligazón onde podedes ler máis información sobre o evento e un vídeo onde podedes ver como funciona.

 

Máis información

 

Concurso Fotográfico S.O.S. Clima

Lembrarvos que o 15 de setembro remata o prazo para enviar fotografías sobre impactos do Cambio Climático ao concurso que organizan desde a sede estatal de Amigos da Terra. Seguro que tedes algunha foto das vacacións que ben se podería axustar aos requisitos do concurso...Animádevos a participar que aínda estades a tempo!

 

concursososclima

 

Entre as actividades que levaremos a cabo en setembro, destacar dúas que xa van camiño de converterse nun clásico das nosas participacións nestas datas:

 

Do 16 ao 22 de setembro “Semana Europea da Mobilidade”

Organizaremos algunha das actividades que ofertará o concello de Ourense para celebrar esta semana. E de colofón, o día 22, o día de “A cidade sen coches”. e non vos esquezades de que o xoves 24, derradeiro xoves de setembro, haberá Masa Crítica!

 

Máis información

 

Do 18 ao 20 de setembro Festival Reperkusion en Allariz

 

cartelrepercusion


Ao igual que o ano pasado, acudiremos ao Festival Reperkusion con información sobre a campaña S.O.S. Clima!

 

Máis información

 

De ámbolos dous eventos iremos poñendo máis información na nosa web a medida que se vaia concretando, así que estade atentos...agardamos a vosa participación e colaboración! E coma sempre xa sabedes, se queredes aportar ideas ou participar...poñédevos en contacto connosco, agardámosvos!

 

 

CONSUMO RESPONSABLE

 

Xornada de formación sobre Compra Pública Ética

Estase preparando unha xornada de autoformación para os membros das ONGD que integran a comisión sobre Compra Pública Ética, que impartirá a Rede de Comercio Xusto e Consumo Responsable de Castilla – La Mancha. En principio, a data proposta e o 31 de outubro de 2009, pero aínda non é seguro, polo cal xa vos informaremos.

Se estades interesados nesta formación enviade un correo a: cooperacion@amigosdaterra.net

 

 

Decálogo de Consumo Responsable

A comisión de Comercio Xusto da Coordinadora Galega está a preparar un Decálogo de Consumo Responsable, o cal pretende ser unha guía para as ONGD que integran a Coordinadora, para que dentro das mesmas se apliquen tamén os criterios dun consumo responsable. O vindeiro 9 de setembro reuniranse para aprobalo e tamén para preparar a proposta que se realizará o próximo ano o Día do Comercio Xusto.

 

 

COOPERACIÓN

 

Éxito dos proxectos de cooperación ao desenvolvemento en Nicaragua e O Salvador

Amigos da Terra pechou con éxito a primeira fase dos proxectos de pesca artesanal desenvolvidos en Nicaragua e O Salvador, países que comparten o Golfo de Fonseca, un ecosistema moi importante e moi rico en diversidade biolóxica mariña - costeira.

 

280809_golfofonseca

 

Ao longo deste tempo contribuímos á mellora das condicións de vida das poboacións que viven en gran medida da pesca artesanal e do marisqueo, a través do que lema que caracteriza o traballo en cooperación de Amigos da Terra: “desenvolvemento baseado na protección dos recursos naturais a través do aproveitamento sostible dos mesmos”.

 

Máis información

 

Visita de Agareso aos proxectos do Golfo de Fonseca

A visita de AGARESO (Asociación Galega de Reporteiros Solidarios) aos proxectos de pesca artesanal que estamos a desenvolver no Golfo de Fonseca xa está lista, o grupo de xornalistas solidarios partirá o día 16 de setembro rumbo ao Golfo.

Se queredes estar informados deste proxecto co que pretendemos sensibilizar a poboación galega e difundir o traballo de Amigos da Terra en cooperación ao desenvolvemento con enfoque ambiental podedes facelo a través do blog que AGARESO terá na súa web.

 

 

Curso sobre marco lóxico

A finais de setembro terá lugar o curso sobre marco lóxico, co obxectivo de formar a socios/as voluntarios/as, traballadores/as e colaboradores/as en técnicas de elaboración de proxectos, redacción de obxectivos, indicadores, etc...

En breve  comunicarémosvos as datas exactas do mesmo.

 

 

RESIDUOS


Día sin bolsas: 3 de xullo

Co motivo do ‘Día sen bolsas’, Amigos da Terra arrincou cunha nova campaña co fin de reducir o uso das bolsas de plástico dun só uso e sensibilizar sobre as repercusións sociais e ambientais do seu uso excesivo.

Esta campaña, que se levou a cabo en diferentes zonas de España, está dirixida a particulares, municipios, asociacións, comercios e centros educativos, co obxectivo de conseguir a redución no uso de bolsas de plástico por medio da adhesión aos compromisos propostos pola campaña e a declaración de Zona libre de bolsas. Estes compromisos significan cambios nos hábitos cotiás de utilización de bolsas dun só uso en función das responsabilidades de cada un dos sectores. Toda a información necesaria e o seguimento dos compromisos atópanse no blog de zona libre de bolsas.

 

 

Formación a monitores/as ambientais con residuos

Amigos da Terra levou a cabo a finais do mes de xullo no Centro de Formación AURIA de Ourense, a parte práctica do módulo de “Sensibilización sobre a Problemática dos Residuos”, unha das partes das que consta o “Curso de Monitores Ambientais” que se está impartindo neste centro e co que se pretende formar a un grupo de mozos/as neste eido.

 

280809_cursoaurea

 

 

Campaña de sensibilización na redución de residuos nas praias de Marín

A pasada semana iniciamos unha campaña de sensibilización ambiental nas praias do municipio de Marín, en colaboración coa concellería de medio ambiente deste concello. O obxectivo é concienciar á cidadanía sobre a necesidade de reducir os residuos nas praias e o coidado destes ecosistemas, dando a coñecer os sistemas de mellora implantados ata o momento e informándolles sobre a necesidade de colaboración de todos/as na conservación destas zonas.

 

playa_de_marn

 

Máis información

 

 

VOLUNTARIADO

 

Servicio de Voluntariado Europeo

A asociación acolle a dous novos voluntarios europeos, Adam Jaworski de Polonia, que iniciou o seu voluntariado en xullo e permanecerá en Ourense durante 1 ano e Andrea Pauleczki de Hungría que chegará o vindeiro 16 de setembro. Estes voluntarios súmanse aos distintos proxectos de información e educación ambiental que se desenvolven no noso centro, sobre todo na área de residuos e cambio climático.

 

RECURSOS DISPOÑIBLES

Neste novo apartado poderedes consultar unha listaxe con todos os recursos da asociación a disposición de todos os socios e socias.

 

Documento

 

 

 

 






Amigos da Terra - Tel. 988 374318 · Fax. 988 511020 - Rúa da Concordia, 20 - 2º Esq. 32003 Ourense.

Amigos da Terra - Tel. 988 374318 · Fax. 988 511020 - Rúa da Concordia, 20 - 2º Esq. 32003 Ourense. Aviso Legal.
Este sitio esta feito con Joomla e SiteGround. Versión en galego de Joomla 1.5 facilitada pola CiberIrmandade da Fala. Joomla é Software Libre baixo licencia GNU/GPL.

Sitio web en galego subvencionado por Presidencia - Secretaría Xeral de Política Linguística.