Portada
Boletín Amigos da Terra setembro 2009
Assunto: Boletín Amigos da Terra setembro 2009
Data de Envio: 2009-10-02 15:56:38
Edição N #: 5
Conteúdo:
Amigos da Terra

Boletín informativo de Amigos da Terra - Setembro 2009


Neste boletín:



INFO XERAL

Novo Centro de Interpretación de Parques Naturais de Galicia

O pasado 7 de setembro, saíu publicado no BOE a aprobación do Convenio de colaboración entre o Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño e a Comunidade Autónoma de Galicia para a construción do Centro de Interpretación de Parques Naturais de Galicia, centro que terá a súa sede na cidade de Ourense e que custará máis de sete millóns de euros, unha cifra totalmente desproporcionada para unha instalación innecesaria na nosa comunidade.

Amigos da Terra xunto coa Sociedade Galega de Educación Ambiental (SGEA) e a Federación Ecoloxista Galega (FEG), enviamos unha nota de prensa criticando a construción de novos centros de Educación Ambiental en detrimento dos xa existentes, os cales apenas reciben apoio da Administración para sacar adiante os seus proxectos educativos.

Máis información

 

AS CORCERIZAS

Actividades no mes de setembro


Xornadas de mantemento

Os días 2, 3 e 4 de setembro, estivemos en As Corcerizas cunhas xornadas de mantemento do equipamento, rematando algúns pequenos traballos que quedaron do curso de Bioconstrución e Autoconstrución que se celebrou a finais de agosto.

 

I Xornadas de Autoformación Feminista

Do 11 ao 13 de setembro celebráronse en As Corcerizas as “I Xornadas de Autoformación Feminista”, uns días de convivencia e de relaxación en plena Serra de San Mamede. Obradoiros, roteiros pola serra e distintas dinámicas foron algunhas actividades das que disfrutamos en boa compañía, nun espazo de boa comunicación e confianza, que serviu para compartir experiencias e consolidar coñecementos entre mulleres de distintas partes de Galicia.

 

090918_marchamullerescorce

 

Curso de Ecoemprende

O 21 de setembro, participamos no curso de Enerxías Renovables do proxecto Ecoemprende, ensinando aos/as participantes, o proxecto de As Corcerizas como exemplo viable de aforro enerxético, introducíndoos/as tamén de forma xeral, no amplo mundo da bioconstrución e arquitectura bioclimática.

 

Actividades no mes de outubro

Damos a benvida ao outono, co calendario do mes de outubro repleto de actividades en As Corcerizas.

 

Programa “Móllate con nós” en As Corcerizas

Do 2 ao 3 de outubro, recibiremos a todas as persoas ou asociacións relacionadas co medio natural ou a educación ambiental, que participen no programa “Móllate con nós”, que organiza a Concellería de Medio Ambiente do Concello de Pontevedra. Esta fin de semana está estruturada nunha visita polo equipamento, obradoiros vinculados cos nosos hábitos de consumo, a súa repercusión no contorno (cambio climático), así como unha ruta interpretativa pola Serra de San Mamede.

 

Seminarios de Cambio Climático

Baixo o título "O Cambio Climático, unha consecuencia máis dun modelo insustentable", damos comezo a un seminario sobre esta temática que consta de dúas partes:

Do 16 ao 18 outubro, “Accións prácticas para o cambio”.

Do 30 ao 1 de novembro, “A Educación Ambiental como ferramenta para o cambio de hábitos e actitudes” .

A vindeira semana teredes a vosa disposición o programa completo que se desenvolverá nestes seminarios.

 

Terractiva

Outro ano máis, estaremos presentes en Terractiva os días 17 e 18 e outubro, cun posto informativo sobre o proxecto de As Corcerizas, e cunha ponencia sobre consumo eficiente nos fogares, conceptuando os edificios bioclimáticos, como aforradores de enerxía e saudables para o ser humano.

 

090930_terractiva

 

 

Fin de semana alternativo

Fin de semana alternativo na Serra de San Mamede, os días 23, 24 e 25 co “Achegamento aos Recursos Naturais de Ourense: Posta en valor do patrimonio e aplicacións prácticas do seu coñecemento”, para todas aquelas persoas que queiran afondar máis nunha terra chea de cultura e tradicións.

Algunhas das actividades que realizaremos son unha ruta hasta Rebordechao, , onde coñeceremos o funcionamento da forxa, o muíño, as colmeas tradicionais, así coma o fondo coñecemento popular e os recursos botánicos que ofrece o val no que se sitúa o pobo. A proposta completarase coa realización de actividades prácticas relacionadas co uso e aproveitamento das plantas.

 

ASESORÍA XURÍDICA

Informe do Valedor do Pobo en relación á canceira de O Carballiño

O Valedor do Pobo enviou a Amigos da Terra, logo da interposición dunha queixa polo colectivo ecoloxista, información relativa á documentación que a Consellería de Medio Ambiente e o Concello de O Carballiño posúen en relación á canceira municipal. Este Informe confirma as sospeitas da asociación xa que del se desprende que xa no ano 2006, persoal técnico da Xunta de Galicia verificou o mal estado da canceira e a existencia dunha fosa onde soterraban os cans mortos sen rexistrar a causa da morte dos mesmos.

 

mortos_recentes_2009

 

Amigos da Terra solicita información ambiental sobre a construción do Cuarto Hospital de Vigo

Con esta construción destruiranse case 300.000has. de terreo forestal máis a expropiación de sete vivendas. A falta de alternativa onde construír non recollida no informe ambiental, á unha das maiores causas de espoliacións de terreos moi ricos ambientalmente.

 

Denúnciase o mal estado das zonas verdes da Rede Natura

A presenza de lixo e todo tipo de residuos, incluso augas fecais, é unha situación reiterada en espazos galegos incluídos na Rede Natura. É moi importante pór en coñecemento das autoridades estas alarmantes situacións que poden devir na reversibilidade do título europeo que serve para obter das administracións unha maior responsabilidade fronte ao mantemento natural dos citados espazos. Se estás en presenza dalgunha situación irregular, DENUNCIA!

 

As obras de Iberdrola no río Sil

En xuño leváronse a cabo unha serie de obras no canle do río Sil para executar o proxecto de construción da central hidroeléctrica Santo Estevo II. Esas obras supuxeron secar o canle do río durante varios días, coas consecuencias negativas para o medio ambiente. Un mes despois, produciuse unha drenaxe do río.

O Sil, que abastece de auga ao Miño, o río máis importante de Galicia, está incluído na Rede Natura ao seu paso polos Cañóns do Sil, onde Iberdrola executa as súas obras. O amparo aparentemente legal que lle outorga o Ministerio de Medio Ambiente, fai máis custoso o noso traballo e a propia defensa do ambiente. Pero non abandonamos e continuamos na loita do recoñecemento administrativo de que a empresa privada actuou contraria ás normas ambientais actuais e, polo tanto, cometeu unha ilegalidade. Queres axudarnos a probala? Contacta coa asesoría xurídica de Amigos da Terra para facer aportacións:

xuridico@amigosdaterra.net

 

090930_iberdrolasil

 

Amigos da Terra presenta un Informe ambiental do espazo natural de Cecebre

Senón somos quen de paralizar as obras, a parroquia de Cecebre, no concello de Cambre (A Coruña), vai ser vítima do paso do AVE. Nembargante, nunca se propuxo actualizar as vías existentes e mellorar a liña rexional actual. Na contra, o paso do AVE suporá a perda dunha zona ambientalmente próspera en fauna, flora e disposición dunha gran masa de auga lacustre.

 

 

CAMBIO CLIMÁTICO

Semana da Mobilidade (16- 22 de setembro)

Na semana da mobilidade finalmente estivemos o luns 21 na Rúa do Paseo en Ourense, repartindo información sobre cambio climático e mobilidade e ofrecéndolle á xente a posibilidade de coñecer a súa “pegada de carbono” mediante un test de hábitos de consumo, mobilidade, etc. Así mesmo, recollemos algunhas propostas de mellora da mobilidade en Ourense e tivemos connosco na rúa a “Central Bicieléctrica” da que vos falamos no derradeiro boletín, a disposición de quen a quixera probar. Todo isto baixo o lema “Contra o cambio climático menos CO2” .

 

090917_bicienerxiapaseo

 

 

Festival Reperkusión

Durante toda a fin de semana estivemos repartindo información da campaña de Amigos da Terra S.O.S. Clima! e recollendo postais de apoio á campaña.

 

090926_reperkusion

 

Próximas actividades

No mes de Outubro teremos varios acontecementos vinculados á difusión do documental de Amigos da Terra Estatal, “Manual de uso para una nave espacial”, co que xa en meses pasados estivemos facendo cineforums nalgúns concellos da rede de Núcleos Sustentables: Guitiriz, Comarca de Pontevedra , Muros e Reserva da Biosfera de Allariz. O día 8 de Outubro faremos o cineforum no núcleo de O Barco, no marco do Foro de Enerxías e Cambio Climático que terá lugar neste concello do día 5 ao 9 de Outubro.

 

Así mesmo, queremos informarvos de que este documental foi elixido para entrar a concurso na II Mostra de Ciencia e Cinema que terá lugar en A Coruña a semana do 26 ao 31 de outubro.

Para saber cando se proxectará tedes que estar atentos a páxina web da Mostra, xa que alí colgarán a programación. Tódolos pases serán de balde. Se aínda non tivestes a oportunidade de ver o documental, esta será unha boa ocasión. Animámosvos a asistir!

Máis información

 

CONSUMO RESPONSABLE

Reunión en Madrid dos grupos locais de agricultura e alimentación/consumo

Os pasados 26 e 27 de outubro todos os grupos locais das áreas de agricultura e alimentación/consumo de Amigos de la Tierra reunímonos en Madrid. O encontro foi moi positivo e útil. Fíxemos unha posta en común sobre os principais temas e campañas que se desenvolven dende as áreas, e se decidiron as liñas de actuación para o vindeiro ano.

Cada grupo atópase nun contexto diferente polo que, aínda que coordinados, seguiremos estratexias concretas. En Galicia, máximo co cambio de goberno, temos que seguir traballando en presión política; principalmente centrados no tema dos transxénicos.

Todo/as coincidimos en que temos que darlle máis relevancia no noso discurso ao concepto de soberanía alimentaria, e que o tema de agrocombustibles o ligaríamos máis coas áreas de cambio climático e cooperación (polas graves repercusións que teñen en América Latina e África, e por presentarse como solución para a redución de gases de efecto invernadoiro).

 

Xornada de formación sobre Compra Pública Ética

A xornada de autoformación para membros de ONGD que integran a comisión sobre Compra Pública Ética, será o vindeiro 31 de outubro. A Rede de Comercio Xusto e Consumo Responsable de Castilla – La Mancha serán os encargados de impartir esta xornada que celebrarase na Casa das Asociacións ( Santiago de Compostela), en horario de 16:30 a 19:30 horas.

Se estades interesados nesta formación enviade un correo a: cooperacion@amigosdaterra.net

 

COOPERACIÓN

Agareso no Golfo de Fonseca

Os cinco reporteiros de Agareso, que o pasado 16 de setembro iniciaron unha viaxe rumbo ao Golfo de Fonseca para visitar os proxectos que Amigos da Terra ten en Nicaragua, Honduras e O Salvador, xa están de volta en España.

Durante doce días, os compoñentes desta asociación tiveron a oportunidade de entrevistarse cas cooperativas de pescadores artesanais, institucións locais, cooperativas de mulleres e as nosas contrapartes, recollendo en formato dixital e a través de entrevistas os logros que se están acadando en diferentes aspectos como a pesca artesanal sostible, a conservación dos recursos mariños ou a maior participación das mulleres no sector pesqueiro.

 

090920_agaresonogolfo

 

Debido á situación política da última semana en Honduras, tiveron que modificar lixeiramente o seu planning de traballo, pero finalmente e a pesar das adversidades, puideron concluír o seu traballo visitando as localidades do Golfo pertencentes a Honduras.

Lembrade que aínda podedes seguir os acontecementos desta expedición na web de Amigos da Terra ou na de Agareso.

 

Pobreza Cero

Desde a Coordinadora Galega de ONGD e dentro da "Campaña Pobreza Cero" se organiza a Semana contra a pobreza que se celebrará do 15 ao 17 de outubro en diferentes cidades de Galicia. En Ourense as organizacións que coordinaran os actos son Amigos da Terra, Taller de Solidaridad, Solidaridad Internacional, Anacos da Cidade e Por un Mundo más Justo.

 

Actividades previstas:

Xoves 15 de outubro

- Ás 12 horas rolda de prensa no Ateneo. Estarán presentes os representantes das ONGD participantes en Ourense; Hugo Torres, representante en Nicaragua e membros do Concello, aínda por confirmar.

- Ás 17 horas, mesa informativa na Rúa do Paseo, ata as 20 horas.

- Ás 20.30 horas, charla dos periodistas de Agareso no Auriense, pendente de confirmación.

Venres 16 de outubro

- De 12:00 - 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas mesas informativas na Rúa do Paseo, xunto coa actuación dun grupo de músicos senegaleses, pendente de confirmación.

 

RESIDUOS

Reunión co Conselleiro de Medio Ambiente

En conxunto coa federación Ecoloxista Galega, o pasado mércores 16 de setembro, mantivemos unha reunión con Agustín Hernández (Conselleiro de Medio Ambiente) e Justo de Benito (Secretario Xeral de Calidade Ambiental) para debater acerca do documento de propostas de xestión de residuos sólidos urbanos que ambos grupos entregaramos á Consellería a mediados do pasado mes de xuño, e ao mesmo tempo, presentar as nosas alegacións ao documento de inicio do plan galego de residuos.

A valoración da reunión pódese describir como desconcertante e algo decepcionante. Hai obxectivos dos que propoñemos cos que a Consellería coincide, aínda que investindo esforzos menores dos que nós pedimos, e hai puntos nos que estamos totalmente en desacordo e confrontados, como é o caso da continuidade da súa aposta por políticas fracasadas do pasado como a Incineración e o Modelo Sogama.

A pesares disto, continuaremos o noso traballo de presión política e seguiremos aportando o noso punto de vista ás novas que vaian saíndo.

 

Alegacións ao Documento de Inicio do Plan Galego de Residuos

Amigos da Terra en conxunto coa FEG e a Sociedade Galega de Educación Ambiental, elaboramos un documento de alegacións ao documento de inicio do Plan Galego de Residuos, baseado en 5 aspectos básicos:

- Participación real e efectiva.

- Apoio á redución e á reutilización.

- Novo esquema de recollida selectiva.

- Descentralización.

- Clausura da planta incineradora de Sogama.

 

O documento pódese consultar aquí.

 

Compostaxe O Grove

Esta semana asinouse o convenio de colaboración co Concello do Grove, para dar comezo a un Programa de Compostaxe Doméstica descentralizada no Municipio.

 

090930_presetogrove

 

No programa estarán implicadas 100 familias dos núcleos rurais e semiurbáns, que a partir de agora, xestionarán en orixe os seus propios residuos orgánicos transformándoos en compost.

 

Reportaxe TVG

Esta semana, a Televisión de Galicia contactou con nós para gravar unha reportaxe sobre a prohibición das bolsas de plástico, na que participaron os diferentes sectores implicados aportando o seu punto de vista: Industria do plástico, Comercio, Políticos e Ecoloxistas. A reportaxe sairá o 17 de Outubro na TVG.

 

Pegatina_ZLB_A5_22x14_cm_REDUCIDO

 

 

VOLUNTARIADO

Encontro estatal de coordinadores/as de voluntariado

Durante os pasados días 19 e 20 de setembro celebrouse en Eivissa-Ibiza, un encontro estatal de coordinadores/as de voluntariado de Amigos de la Tierra contando coa participación dos grupos locais de Galicia, Eivissa, Mallorca, Sevilla e a Sede Estatal.

 

090930_encontrovoluntariado

 

Presentáronse as actividades e proxectos e tratáronse temas organizativos dos grupos locais de voluntariado, como por exemplo a actualización do apartado de participación da páxina web tierra.org. Así mesmo, falamos de propostas de futuro a celebrar no 2010, como o primeiro encontro das persoas voluntarias de Amigos de la Tierra Estatal.

 

Nova voluntaria europea

Queremos dar a benvida a Andrea Pauleczki, de Hungría, que se sumará ao equipo da asociación e que permanecerá con nós durante 9 meses, incorporándose aos distintos proxectos da asociación, sobre todo na área de cambio climático e de comunicación.

 

RECURSOS DISPOÑIBLES

Neste documento poderedes consultar unha listaxe con todos os recursos da asociación a disposición de todos os socios e socias.

 

 

 

 






Amigos da Terra - Tel. 988 374318 · Fax. 988 511020 - Rúa da Concordia, 20 - 2º Esq. 32003 Ourense.

Amigos da Terra - Tel. 988 374318 · Fax. 988 511020 - Rúa da Concordia, 20 - 2º Esq. 32003 Ourense. Aviso Legal.
Este sitio esta feito con Joomla e SiteGround. Versión en galego de Joomla 1.5 facilitada pola CiberIrmandade da Fala. Joomla é Software Libre baixo licencia GNU/GPL.

Sitio web en galego subvencionado por Presidencia - Secretaría Xeral de Política Linguística.