Portada
Boletín Amigos da Terra outubro 2009
Assunto: Boletín Amigos da Terra outubro 2009
Data de Envio: 2009-11-04 09:29:56
Edição N #: 6
Conteúdo:
Amigos da Terra

Boletín informativo de Amigos da Terra - Outubro 2009


Neste boletín:



INFO XERAL

 

II Mostra de Ciencia e Cinema de A Coruña

O documental de Amigos de la Tierra “Manual de uso para una nave espacial”, participou o pasado martes 27 de outubro na II Mostra de Ciencia e Cinema de A Coruña. Tras a proxección do mesmo, tivo lugar un cinefórum no que se presentou o traballo de Amigos da Terra na área de cambio climático así como unha análise do modelo de consumo actual fronte á posibilidade dun modelo alternativo e real: o Centro de Educación Ambiental As Corcerizas.

 

AS CORCERIZAS

 

Actividades no mes de outubro

 

Programa “Móllate con nós”

A principios do mes de outubro recibimos en As Corcerizas aos participantes do programa “Móllate con nós” organizado pola Concellería de Medio Ambiente do Concello de Pontevedra. Esta fin de semana estruturouse nunha visita polo equipamento para poder coñecer o funcionamento e a súa viabilidade. Así mesmo, tivemos obradoiros vinculados cos nosos hábitos de consumo e a súa repercusión no contorno (cambio climático), así como unha ruta interpretativa ambiental e etnográfica a Rebordechao onde puideron coñecer costumes e formas de vida tradicionais.

 

Terractiva 2009

Os pasados 17 e 18 de outubro participamos na 6º Feira Ecolóxica de Arzúa, Terractiva. Nesta ocasión o proxecto de As Corcerizas e unha ponencia sobre consumo eficiente nos fogares foron os temas presentados por Amigos da Terra.

 

091103_terractiva

 

Arzúa converteuse un ano máis no principal mercado verde de Galicia, reafirmándose como a maior feira ecolóxica da nosa terra, onde cultura e conciencia ecolóxica se dan a man para loitar por un maior compromiso de respecto co noso entorno.

 

II Xornadas de Micoloxía e Boas prácticas no monte

O pasado 25 de outubro, Amigos da Terra levou a cabo en As Corcerizas as “II Xornadas de Micoloxía e boas prácticas no monte”. Nesta ocasión, contamos coa colaboración de Martín Souto Souto do Departamento de Botánica da Universidade de Santiago de Compostela e experto en micoloxía, que nos introduciu no marabilloso e amplo mundo da micoloxía. Na xornada abordamos dende a identificación e recoñecemento dos cogomelos ata a conservación destas especies e dos seus hábitats.

 

 

091103_setas

 

Seminarios de cambio climático

As Corcerizas demostrou unha vez máis ser un ponto diferencial de formación e encontro.

O seminario de cambio climático que se iniciou esta pasada fin de semana, rematou con moi boas avaliacións e coa satifacción de todas as persoas implicadas na súa realización (que non foron poucas).

Cabe destacar a participación como ponentes de Antón Lois (Amigos da terra - Pontevedra), Blanca Ruibal (Amigos de la Tierra – Madrid) e Julia Hidalgo (antiga socia e colaboradora), que non dubidaron en apoiar o proxecto, afianzando, xunto co traballo do propio equipo técnico da asociación, a nosa presenza no eido do cambio climático e a educación ambiental.

 

seminario-cambio-climatico-

 

Lembrade que a seguinte parte do seminario terá lugar o 28 e 29 de novembro, onde daremos resposta á pregunta: Ante o cambio climático, que podemos facer na nosa vida cotiá?

Accións prácticas para o cambio: Bioconstrución, enerxías, residuos, alimentación e transporte, serán os temas principais que trataremos dende a práctica; capacitándonos dende xa para iniciar o cambio cara un modelo de vida máis sustentable e coherente.

Podedes consultar toda a información no seguinte enlace: accións prácticas para o cambio

Esperámosvos!

 

Actividades no mes de novembro

 

Biocultura Madrid

Do 6 ao 8 de novembro As Corcerizas estará na Feira de Produtos Ecolóxicos e Consumo Responsable Biocultura que comeza o vindeiro 5 de novembro no Pavillón de Cristal da Casa de Campo de Madrid, coa participación de 700 expositores e a realización de numerosas actividades para adultos e nenos.

Ante a situación de crisis enerxética e outros problemas ambientais relacionados co modelo de “desenvolvemento” actual, os técnicos/as de As Corcerizas mostrarán algunhas alternativas prácticas para minimizar o noso  impacto ambiental e social.

 

Feira “ Terra e Cultura Sustentable 2009”

Amigos da Terra participará o día 7 de novembro  nunha mesa redonda exponiendo o sistema de macrófitas para a depuración de augas residuais, dentro das xornadas “Terra e Cultura Sustentable 2009” que organiza a Asociación Cultural Os Ameios. Estas xornadas contan coa colaboración do Fogar do Santiso e do Concello de Teo e celébranse en 9 sábados consecutivos do outono.

Máis información

 

Formación curso de dinamizadores ambientais

O vindeiro 7 de novembro terá lugar a formación práctica do curso de dinamizadores ambientais da Cruz Vermella de Verín en As Corcerizas. Nesta xornada os/as participantes adquirirán unha base importante como educadores/as ambientais para tratar e traballar de forma activa diversos aspectos da problemática ambiental. Trataranse temas como a biodiversidade, educación ambiental e sostenibilidade, problemática ambiental, análise da realidade así como a planificación e a xestión de accións ambientais, etc.

 

Achegamento ao patrimonio galego: aplicacións prácticas do seu coñecemento

A fin de semana do 14 e 15 de novembro terá lugar en As Corcerizas unhas xornadas de achegamento ao patrimonio galego, destinadas a todas aquelas persoas que desexen indagar máis nos coñecementos, actividades e expresións do noso patrimonio, a nosa historia, as transformacións sufridas, os costumes e o saber popular que aínda permanece nos pobos.

O obxectivo destas xornadas é achegar aos/as participantes ao noso patrimonio, o que nos aportará a información básica e necesaria para comprender a situación na que nos atopamos e a importancia da súa conservación, mostrándonos ao mesmo tempo recursos prácticos e exemplos da capacidade para vivir en coherencia e harmonía co medio.

Máis información e inscricións

 

ASESORÍA XURÍDICA

 

Libre absolución no caso da canceira de O Carballiño

O xulgado de O Carballiño declara ás representantes de Amigos da Terra libres de cargos. O responsable da canceira municipal de A Medela e membro do concello, denunciáranos por presuntas coaccións cando, comunicadora e asesora xurídica, entramos na canceira e tomamos mostras gráficas da fosa rechea de cans mortos. Por este tema aínda estamos á espera da decisión xudicial de arquivar a nosa denuncia ou dar apertura ao xuízo oral, o cal esperamos que finalmente aconteza. O Colexio de Avogados de Ourense asígnanos novo avogado de oficio pois o sinalado inicialmente, renunciou. Este xoves, precisamente, tomarase declaración ás testemuñas de aquela mañá. Montse Fernández acudirá como tal.

 

VigoZoo

Amigos da Terra leva anos procurando a dignificación da vida dos animais non humanos. O zoo vigués era unha lamentable mostra do interese que denotan as administracións públicas respecto ao coidado dos animais. Pero non só a administración é culpable senón tamén o é a omisión de denuncia e a ampla permisibilidade que presentan os cidadáns á hora de protexer o benestar dos animais.

Neste caso, as presións exercidas deron como resultado decretar o peche das instalacións do zoo de A Madroa que, non só levan anos sendo ilegais, senón que atentan directamente contra o benestar e coidado animal infrinxindo polo tanto, a normativa Zoos que regula como deberá xestionarse un centro destas características. Amigos da Terra avoga por técnicas metodolóxicas de educación ambiental sobre animais alternativas ao uso cruento de aqueles que son desprovistos do seu hábitat natural.

 

31312_Vigo-Zoo_1-49QNVA

 

 

ZEPA de A Limia

Máis de dous anos precisou a administración galega para contestar ás alegacións tramitadas por Amigos da Terra solicitando unha ampliación da zona ZEPA proposta e esixindo medidas que garantiran a efectiva protección da zona e a conservación das especies. Aínda que máis retraso supuxo a declaración efectiva como ZEPA que continúa á espera da publicación do decreto que finalmente a declare como tal. Nin sequera o apercibimento da Unión Europea sobre a necesidade obrigada de nomear ZEPAs en Galicia, motivou ás institucións á promover tal protección dun xeito rápido e consensuado cos veciños de A Limia.

 

 

AVE por Ourense

Amigos da Terra convida aos cidadáns a presentar o maior número de alegacións ou observacións ao proxecto de alta velocidade que está a exposición pública. Solicitamos vías alternativas á alta velocidade como o reaproveitamento das infraestruturas existentes para garantir a protección do entorno, non só ambiental, senón económico e social da zona. A inversión inicial para as obras do AVE por Ourense, cuatriplicouse na actualidade o que supón o aumento desproporcionado de gasto público nunha época de impactante crise económica.

 

 

CAMBIO CLIMÁTICO

 

Programa A Aposta en Fogares 2009/2010

Durante este mes o traballo da área de cambio climático estivo centrado na posta en marcha do programa A Aposta en Fogares 2009/2010 nos concellos de Cuntis e Caldas de Reis. Como A Aposta é unha campaña de Educación Ambiental fronte o Cambio Climático baseada na redución do consumo de enerxía, auga e transporte a nivel doméstico a través de pequenos xestos diarios. Esta semana teremos os primeiros talleres nos que participarán 40 familias de cada municipio.

 

Barcelona Climate Change Talks 2009

Esta semana está a ter lugar en Barcelona as negociacións polo clima previas á Conferencia da ONU de Copenhaguen de decembro na que se dará continuidade ao protocolo de Kyoto de redución de emisións de carbono.

Amigos da Terra España atópase durante esta semana coordinando as accións que conxuntamente se fan con outros grupos de Amigos da Terra Europa e Amigos da Terra Internacional, que acudiron a Barcelona a difundir a mensaxe de Xustiza Climática. Por motivos de axenda, dende Amigos da Terra non puido asistir ninguén pero permaneceremos atentos a todo o que aconteza e manterémosvos informados.

 

 

CONSUMO RESPONSABLE


Xornadas de Agroecoloxía 2010

Xa comezou a planificación das 4º xornadas de agroecoloxía 2010, que terán lugar do 20 ao 28 de febreiro de 2010 e nas que participa Amigos da Terra. En próximos boletíns informarémosvos sobre as actividades que se van organizar nesta edición.

 

Declaración de Allariz ( Zona Libre de Transxénicos )

Dende a Plataforma Galega Antitransxénicos da que formamos parte activa, estamos a planificar unha reunión co alcalde do Concello de Allariz para principios deste mes, co obxectivo de que se nomee a este municipio (Zona Libre de Transxénicos) e establecer así mesmo que compromisos se poden adquirir dende a Reserva da Biosfera. Manterémosvos informados dos resultados desta reunión.

 

COOPERACIÓN


Resultados Semana contra a Pobreza

Entre os obxectivos da semana da pobreza atopábase acadar o maior número de votos para o futuro Pacto Galego contra a Pobreza. Dende Amigos da Terra conseguimos reunir 235 votos, que se presentarán ao Parlamento Galego dende a Comisión de Incidencia Política da coordinadora para a firma deste necesario pacto.

 

Curso de enfoque de marco lóxico

Finalmente o curso sobre marco lóxico que ten como obxectivo formar a socios/as, voluntarios/as, traballadores/as e colaboradores/as en técnicas de elaboración de proxectos, redacción de obxectivos, etc, levarase a cabo na Casa da Xuventude os vindeiros 24 e 25 de novembro en horario de 16 a 20 horas.

 

Segundo Plan Director de Cooperación Galega 2010- 2013

O pasado el 23 de outubro tivo lugar a primeira reunión para a elaboración do segundo Plan Director da Cooperación Galega 2010-2013, que será elaborado polo Instituto Complutense de Estudios Internacionais (ICEI). En xeral os resultados son pouco alentadores xa que na reunión non se viron moitas trazas de cambiar as cousas, ademais o que debería ser un arduo debate para que o novo Plan recollese todas as melloras posibles, é moi probable que se quede en só esta reunión, xa que o plan deberá estar listo a finais deste ano. Para Amigos da Terra resulta irónico que a avaliación do plan e a súa elaboración se estean facendo paralelamente, polo que tememos que non se incluirán as melloras. Por outra banda, para o ano que vén o presuposto asignado a cooperación ao desenvolvemento redúcese en 2 millóns de euros, o que indica o pouco interese de incidir na loita contra a pobreza.

 

Imos de fotos!

A cervexaría “O Moucho” de Ourense acollerá durante todo o mes de novembro, unha exposición fotográfica de Amigos da Terra sobre o Golfo de Fonseca, englobada dentro de Imos de fotos!, unha mostra fotográfica que percorre bares, pubs e cafetarías da cidade. A exposición “Olladas desde o Golfo de Fonseca” pretende amosar as accións que se desenvolven desde Amigos da Terra para actuar directamente sobre sectores vulnerables como os pescadores artesanais ou a incorporación da muller nos procesos de desenvolvemento, procesamento e comercialización dos produtos pesqueiros.

 

091103_Exponica

 

Casa Solidaria

Un ano máis a Casa da Xuventude de Ourense organiza a “Casa Solidaria”, unha semana na que se organizan diferentes actividades relacionadas coa solidariedade e na que participa Amigos da Terra. Se tedes algunha proposta que poidamos presentar podedes enviala a : cooperacion@amigosdaterra.net

 

RESIDUOS

Visitas de compostaxe en O Grove

Durante este mes, estivemos visitando ás familias de O Grove que participan no Programa de Compostaxe Doméstica descentralizada no municipio pontevedrés e que están aprendendo a xestionar en orixe os seus propios residuos orgánicos transformándoos en compost.

 

Reportaxe bolsas de plástico na TVG

Como xa vos comentaramos, a Televisión de Galicia contactou con nós o pasado mes de setembro para gravar unha reportaxe sobre a prohibición das bolsas de plástico, na que participaron os diferentes sectores implicados aportando o seu punto de vista: Industria do plástico, Comercio, Políticos e Ecoloxistas. Aquí podedes ver o resultado.

 

VOLUNTARIADO

 

Servizo Voluntariado Europeo

Dentro do Programa Xuventude- Servizo Voluntariado Europeo, e en colaboración con Amigos da Terra Bélxica, temos aprobado un proxecto de SVE- Servizo Voluntariado Europeo, para colaborar na campaña THE BIG ASK e na área de cambio climático.

Amigos da Terra actúa como organización de envío de voluntariado para este proxecto, que empezará en decembro de 2009 cunha duración de 12 meses e se levará a cabo en Bélxica. O proxecto subvenciona todos os gastos do voluntario/a: aloxamento, manutención e viaxe.

Aquelas persoas ( de 18 a 30 anos), interesadas en realizar unha experiencia de voluntariado europeo podedes poñervos en contacto nesta dirección: sve@amigosdaterra.net

Aquí tedes unha descrición xeral do proxecto

 

 

RECURSOS DISPOÑIBLES

Neste documento poderedes consultar unha listaxe con todos os recursos da asociación a disposición de todos os socios e socias.

 






Amigos da Terra - Tel. 988 374318 · Fax. 988 511020 - Rúa da Concordia, 20 - 2º Esq. 32003 Ourense.

Amigos da Terra - Tel. 988 374318 · Fax. 988 511020 - Rúa da Concordia, 20 - 2º Esq. 32003 Ourense. Aviso Legal.
Este sitio esta feito con Joomla e SiteGround. Versión en galego de Joomla 1.5 facilitada pola CiberIrmandade da Fala. Joomla é Software Libre baixo licencia GNU/GPL.

Sitio web en galego subvencionado por Presidencia - Secretaría Xeral de Política Linguística.