INFO XERAL
Apoio ao alcalde de A Veiga (Ourense)
O pasado 27 de novembro tivo lugar no concello de A Veiga unha moción de censura contra o alcalde desta localidade por “ecoloxista radical”. Dende Amigos da Terra mostramos o noso apoio ao alcalde, Fernando Fernández, por defender un desenvolvemento sostible, capaz de conxugar os intereses de A Veiga co respecto ao medio ambiente.
Aquí podedes ver o comunicado completo que enviamos aos medios.
Casa Solidaria
Dentro das xornadas da “Casa Solidaria” que organiza a Casa da Xuventude de Ourense e que se van a celebrar do 9 ao 18 de decembro, dende Amigos da Terra temos previsto:
- A proxección do documental “Tukki, a pegada ambiental” o xoves 10 de decembro ás 19.00 horas.
- Unha conferencia de Agareso (Asociación Galega de Reporteiros Solidarios) o mércores 16 de decembro ás 20.00 horas, na que presentarán a súa experiencia durante a visita aos proxectos de cooperación que Amigos da Terra está a desenvolver no Golfo de Fonseca.
- Continuaremos coa exposición de fotos “Olladas dende o Golfo de Fonseca”, que podedes ver aquí.
Revista de Amigos da Terra
En breve teredes a vosa disposición a nova revista de Amigos da Terra, con información sobre todo o acontecido na asociación nos últimos meses.
AS CORCERIZAS
Biocultura
A primeira fin de semana de novembro, participamos en Biocultura, a Feira de Produtos Ecolóxicos e de Consumo que se celebra cada ano en Madrid, na que presentamos o Centro de Educación Ambiental As Corcerizas. Botamos en falta máis contidos aínda que serviunos para facer contactos moi interesantes para a asociación.
Formación curso dinamización ambiental
O pasado 7 de novembro tivo lugar en As Corcerizas a formación práctica do curso de dinamizadores/as ambientais da Cruz Vermella de Verín. Os/as participantes quedaron moi satisfeitos co curso no que adquiriron os coñecementos necesarios para traballar de forma activa diversos aspectos da problemática ambiental.
Feira “Terra e Cultura Sustentable 2009”
Amigos da Terra participou o pasado 7 de novembro nunha mesa redonda dentro das xornadas “Terra e Cultura Sustentable 2009” co sistema de macrófitas para a depuración de augas residuais, poñendo como exemplo práctico o caso de As Corcerizas.
Xornadas de Achegamento ao Patrimonio Galego
As "Xornadas de Achegamento ao Patrimonio Galego", previstas para o 14 e 15 de novembro tiveron que suspenderse polo forte temporal. Xa vos informaremos das novas datas.
Alternativas prácticas fronte a un modelo en crise
A pasada fin de semana celebrouse en As Corcerizas a parte “Accións prácticas para o cambio” incluída dentro do Seminario de cambio climático que deu comezo no mes de outubro.
Esta segunda parte rematou tamén con moi boas avaliacións dos/as participantes, quen puideron descubrir alternativas reais para incorporar enerxías renovables e criterios de bioconstrución as vivendas, fabricar sistemas para tratar os restos orgánicos na casa, coñecer de primeira man experiencias de autoorganización para unha alimentación consciente así como propostas para reducir o noso impacto nos desprazamentos.

Queremos agradecer a colaboración como poñentes de Faimevi (Fundación Axencia Intermunicipal de Enerxía de Vigo), Empresa Montaxes Lagoa - enerxías renovables, e os grupos de consumo responsable/consciente de Galicia (Zocamiñoca, Eirado, Semente).
ASESORÍA XURÍDICA
Xornadas itinerantes xurídico- ambientais
O resultado das xornadas foi de ampla participación e interese xeral por moitos cidadáns, do que se deduce a necesidade que ten a poboación de coñecer cales son os seus dereitos en materia de protección ambiental e os seus deberes como cidadáns concienciados. O vindeiro ano levaranse a cabo máis xornadas xurídicas pero baseadas exclusivamente en como elaborar e tramitar unha denuncia administrativa e penal para pór en coñecemento da autoridade competente unha presunta agresión ambiental.

Decreto ZEPA de A Limia
Aprobouse o decreto que regula a extensión do territorio de protección e valorización da aves de A Limia. O decreto regula unha área moito menor da pensada inicialmente polo anterior goberno, aínda que engade unha área periférica de protección. A norma non foi secundada polos veciños que, debido á falta de información sobre o que vai supor este nomeamento na zona, non consensuaron dito nomeamento en aras de protexer a súa actividade agrícola.
Maltrato animal
Continúanse enviando escritos de denuncia á Consellería do Medio Rural para coñecer os resultados da implementación práctica do Decreto que se publicou fai un ano, polo que todos os propietarios de gando equino deben ter identificados os animais. Con esta medida, a Consellería pretendía dar fin aos casos de maltrato animal por colocación de trabas ou cepos aos cabalos e eguas para controlar de maneira ilegal e cruel, a manada equina nos montes galegos.
Canceira de O Carballiño
Nomeouse un segundo avogado de oficio para Amigos da Terra logo da renuncia por incompatibilidade do primeiro avogado. Continúanse esperando avances no caso da canceira e que a xuíza dea apertura ao xuízo oral e traspase todas as actuacións ao xulgado de Ourense. Mentres, parece ser, que técnicos da Xunta de Galicia realizaron unha inspección á canceira recentemente, inspeccións tardías que levaron á fosa atopada en marzo a máis de 80 cans á morte.
Máis Iberdrola
Dende asesoría xurídica continuamos co estudio dos informes ambientais remitidos pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil e pola Consellería do Medio Ambiente. Persisten as ameazas de perda de biodiversidade e dos valores naturais dos Cañóns do Sil se Iberdrola segue adiante co seu propósito de baleiras de auga o río Sil entre abril e novembro do próximo ano.
CAMBIO CLIMÁTICO
Comezo Programa “A Aposta en Fogares”
A principios do mes de novembro púxose en marcha o programa “A Aposta en Fogares” nos concellos de Caldas de Reis e Cuntis na provincia de Pontevedra. A primeira actividade foi unha charla sobre o tema da enerxía, á que seguirán a charla sobre auga en febreiro e sobre mobilidade en maio. Nestes intres, continuamos coas visitas aos fogares participantes para axudarlles na implantación das medidas de aforro e asesorarlles nas súas dúbidas.

CONSUMO RESPONSABLE
Xornadas de Agroecoloxía 2010
Amigos da Terra xunto con A Esmorga, Amarante, Semente e Verdegaia estamos a organizar as IV Xornadas de Agroecoloxía de Ourense que se van a celebrar dende do 20 ata 28 de febreiro de 2010. Estamos preparando diferentes actividades sobre consumo responsable, agroecoloxía, obradoiros de hortas urbanas, mesa redonda do leite, mercado de troco de sementes, etc. En canto teñamos o programa definitivo enviarémosvolo.

COOPERACIÓN
Foro Nacional de Educación Ambiental de Nicaragua
Amigos da Terra, participou no Foro Nacional de Educación Ambiental que tivo lugar o pasado 25 e 26 de novembro en Nicaragua. Este encontro tiña como obxectivo promover un intercambio de experiencias sobre a educación ambiental formal e non formal, así como xuntar esforzos na implementación de estratexias que favorezan a educación ambiental no país.
Curso de enfoque de marco lóxico
Os pasados 24 e 25 de novembro, tivo lugar na Casa da Xuventude o curso práctico sobre o “Enfoque de Marco Lóxico”, unha ferramenta analítica, para a planificación da xestión de proxectos orientados por obxectivos. Este curso tiña como obxectivo principal formar tanto a socios/as, voluntarios/as como a traballadores/as e colaboradores/as neste enfoque.

RESIDUOS
Visitas de compostaxe en O Grove
Durante este mes, continuamos coas visitas ás familias de O Grove que participan no Programa de Compostaxe Doméstica descentralizada no municipio pontevedrés. Neste senso, a Concellería de Medio Ambiente de O Grove mostrouse moi satisfeita co noso traballo neste campo. Aquí podedes ver a nova aparecida nos medios.

Campaña Zona Libre de Bolsas
A campaña Zona libre de Bolsas, está en marcha!, xa visitamos establecementos, asociacións de comerciantes, asociacións de veciños, etc.. Polo de agora conseguimos que se adhiran á campaña as asociacións de comerciantes de Ourense e Marín, que non é pouco!
Se queres participar da campaña e levala á túa froitería, ou tenda habitual non tes máis que mandar un correo a residuos@amigosdaterra.net e pedir a información e materiais da campaña.
Taller de residuos para a Asociación de veciños de Toén
A finais do mes de novembro levamos a cabo en Toén un taller de sensibilización en residuos para os membros desta asociación, e a partir deste taller naceu a idea da implantación dun sistema de compostaxe comunitario para o colectivo.
VOLUNTARIADO
Voluntariado Local
Día Mundial dos Dereitos dos animais
O grupo de voluntariado de Amigos da Terra en Ourense, xunto con Libera, celebrarán o Día Internacional dos Dereitos dos Animais, o vindeiro 10 de decembro, coa proxección de 4 documentais na Casa da Xuventude de Ourense.
Os filmes son os seguintes:
Voluntariado Europeo
Seminario sobre o Programa Xuventude
A nosa voluntaria húngara Andrea Pauleczki, xunto con outros voluntarios procedentes de diversos países de Europa, participou nun seminario sobre o Programa Xuventude que se celebrou en Santiago de Compostela do 25 ao 29 de novembro. Neste seminario analizouse a situación do Servizo Voluntariado Europeo en diferentes países, así como a implicación dos mozos e mozas en proxectos de voluntariado social.
RECURSOS DISPOÑIBLES
Neste documento poderedes consultar unha listaxe con todos os recursos da asociación a disposición de todos os socios e socias.