Portada
Boletín Amigos da Terra xaneiro 2010
Assunto: Boletín Amigos da Terra xaneiro 2010
Data de Envio: 2010-02-01 18:18:08
Edição N #: 9
Conteúdo:
Amigos da Terra

Boletín informativo de Amigos da Terra - Xaneiro 2010



Neste boletín:



INFO XERAL

Software libre en Amigos da Terra

Amigos da Terra finalizou con éxito a incorporación do sistema operativo de software libre GNU/Linux, na súa sede de Ourense e para todos os equipos da súa rede de traballo. Ubuntu, foi a distribución de GNU/Linux escollida por Amigos da Terra. A filosofía do software libre establece que a xente poida usar o sotfware de todas as formas que considere socialmente útiles, unha filosofía que compartimos e apoiamos dende a asociación.

 

Actividades febreiro

Roteiro pola Lagoa de Antela

O vindeiro 6 de febreiro e con motivo do Día Mundial do Humedais que se celebra o día 2, Amigos da Terra realizará unha ecovixianza, na que faremos unha visita guiada polas zonas das areeiras da Lagoa de Antela, o observatorio de aves e as zonas das veigas, na comarca de Xinzo de Limia.

lagoantela2

 

Asemblea Xeral de Amigos da Terra

As Corcerizas acollerá o vindeiro 20 de febreiro a Asemblea Xeral de Amigos da Terra. Se queredes subir o día 19 pola tarde, reunirémonos no bar Palmeira, no pobo de Arnuide. Pregamos confirmación de asistencia, por correo electrónico a paula.vidal@amigosdaterra.net, ou ben telefonicamente chamando ao número da sede: 988 374 318, onde podedes solicitar tamén o documento de delegación de voto.

 

AS CORCERIZAS

Actividades febreiro

Curso de voluntariado ambiental

As Corcerizas acolle do 2 ao 5 de febreiro un curso de voluntariado ambiental no que participan alumnos do I.E.S “O Castro” de Vigo. Este curso, previsto para o pasado mes de xaneiro, tivo que suspenderse por culpa do temporal que neve que sufrimos na comunidade e en media España o pasado mes. Durante catro xornadas, este grupo de mozos/as adquirirán unha visión integral da problemática ecosocial, capacitándoos para abordala e actuar dende dous eixes: que poden facer cada un deles, e como poden incidir na sociedade, utilizando sempre o papel do voluntariado como motor de cambio.

Entroido en As Corcerizas

O albergue abre as súas portas os vindeiros 13, 14, 15 e 16 de febreiro para todos/as aqueles/as que queiran disfrutar dos carnavais na serra, xa que As Corcerizas atópase no corazón do triángulo máxico do Entroido ourensán, formado polas vilas de Laza, Xinzo de Limia e Verín.

Máis información

 

ASESORÍA XURÍDICA

Lei Economía Sostible

Amigos da Terra e as principais organizacións ecoloxistas estatais, criticaron no Consello Asesor do Medio Ambiente (CAMA) o anteproxecto da Lei de Economía Sostible (LES) xa que o obxectivo da mesma é un crecemento productivista que abunda nunha política económica insostible. Ademais, a LES esquécese por completo de garantir a non sobre-explotación dos recursos naturais nin de evitar o impacto das actividades económicas sobre o patrimonio natural e a biodiversidade.

Falta de información sobre Vigozoo

Amigos da Terra solicitou o pasado 29 de outubro, información ambiental sobre a documentación que obra en poder do concello de Vigo relacionada con Vigozoo. O incumprimento por parte do concello de Vigo da norma legal que garante o acceso á información por parte da cidadanía conleva a unha pregunta clave: que ten que agochar a administración viguesa respecto á petición de información ambiental realizada por Amigos da Terra? A negativa a enviar ou proporcionar dita información e a falta de resposta de por que non se envía, tal e como a lei establece, levou á asociación a interpor o recurso pola falta de contestación.

Amigos da Terra representante dos ecoloxistas na Fundación da Canceira de O Carballiño

A Fundación da Canceira de O Carballiño acaba de nacer coa vontade de xestionar o refuxio de animais do concello e cos obxectivos de realizar actividades, non só de xestións, senón tamén de asesoramento, docencia, investigación en materia de coidados e asistencia dos animais e promovendo a eficacia, a eficiencia e a seguridade dos animais e do seu contorno. Rebeca Carreiro, foi o membro ecoloxista máis votado na reunión que se celebrou o pasado mes.

perrera

 

Irrupción de cazadores e motos na ZEPA limiense

Membros de Amigos da Terra, presenciaron o pasado 3 de xaneiro a irrupción de motoristas e cazadores na recen estreada zona protexida de A Limia.Ante isto, tramitaron sendas denuncias ante a Consellería do Medio Rural de Ourense e o Servizo de Protección da Natureza de Verín para alertar destes feitos polos que os autores estarían incorrendo nunha ilegalidade da directiva que regula a protección das aves silvestres e o propio decreto da ZEPA publicado o pasado mes de novembro.

 

CONSUMO RESPONSABLE

Programa Xornadas Agroecoloxía 2010

Amigos da Terra organiza xunto con A Esmorga, Amarante, Semente e Verdegaia as 4º Xornadas de Agroecoloxía de Ourense, que terán lugar do 20 ao 28 de febreiro. Experiencias sobre hortos urbanos, mesas redondas sobre consumo, unha exposición fotográfica e o tradicional banco de sementes, son algunhas das actividades que se ofrecen este ano no programa.

 

COOPERACIÓN

Proxectos en Nicaragua

O pasado 12 de xaneiro contamos coa presenza de Guillermo Rodríguez, representante de Amigos de la Tierra en Nicaragua, que nos fixo un completo e claro resumo dos proxectos de cooperación que se levaron e se levan a cabo neste país.

visita-Guillermo-027

 

Actividades febreiro

Exposición fotográfica

O vindeiro 9 de febreiro Amigos da Terra e Agareso inaugurarán na Casa da Xuventude de Ourense ás 20 horas, a exposición fotográfica, “O Golfo de Fonseca: a loita por un futuro sostible”. A mostra recolle o traballo e as impresións dos xornalistas galegos que viaxaron o pasado mes de setembro ao Golfo de Fonseca para visitar os proxectos que Amigos da Terra está a desenvolver en Nicaragua, Honduras e O Salvador, os tres países que comparten O Golfo de Fonseca.

agareso_praia_2

Prácticas en Amigos da Terra

Durante os próximos tres meses e en virtude dunha colaboración coa Universidade de A Coruña, contaremos coa inestimable axuda de Xabier Otero, que realizará as súas prácticas do curso de postgrao "Cooperación internacional ao desenvolvemento e xestión de organizacións non gubernamentais" na nosa organización.

 

RESIDUOS

Visitas de compostaxe en O Grove

Durante o pasado mes de xaneiro, continuamos coas visitas ás familias de O Grove que participan no Programa de Compostaxe Doméstica descentralizada que estamos a desenvolver neste municipio.

Actividades febreiro

Campaña Zona Libre de Bolsas en Ourense e Marín

En breve imos poñer en marcha a campaña Zona Libre de Bolsas nos municipios de Marín, a través do Centro Comercial Local, e en Ourense, a través do Centro Comercial Aberto. Se queres participar da campaña e levala á túa tenda habitual non tes máis que mandar un correo a residuos@amigosdaterra.net e pedir a información e materiais da campaña.

 

VOLUNTARIADO

Actividades febreiro

Avaliación Servizo de Voluntariado Europeo

Os dous voluntarios, Andrea Pauleczki e Adam Jaworski, participarán do 8 ao 12 de febreiro na localidade malagueña de Mollina, no Seminario de avaliación intermedia do Servizo de Voluntariado Europeo, no que expoñerán a súa experiencia ata o momento en Amigos da Terra.

 





Amigos da Terra - Tel. 988 374318 · Fax. 988 511020 - Rúa da Concordia, 20 - 2º Esq. 32003 Ourense.

Amigos da Terra - Tel. 988 374318 · Fax. 988 511020 - Rúa da Concordia, 20 - 2º Esq. 32003 Ourense. Aviso Legal.
Este sitio esta feito con Joomla e SiteGround. Versión en galego de Joomla 1.5 facilitada pola CiberIrmandade da Fala. Joomla é Software Libre baixo licencia GNU/GPL.

Sitio web en galego subvencionado por Presidencia - Secretaría Xeral de Política Linguística.