Portada
Boletín Amigos da Terra febreiro 2010
Assunto: Boletín Amigos da Terra febreiro 2010
Data de Envio: 2010-02-26 10:19:45
Edição N #: 10
Conteúdo:
Amigos da Terra

Boletín informativo de Amigos da Terra - Febreiro 2010


Neste boletín:



INFO XERAL

Asemblea de Amigos da Terra

A pasada fin de semana celebramos na Casa da Xuventude de Ourense (non puidemos realizala en As Corcerizas como queriamos por motivos climatolóxicos) a Asemblea anual de Amigos da Terra, na que presentamos os plans de traballo para o 2010, así como a memoria e o balance económico do 2009. Foi unha xornada moi intensa, na que debatemos cuestións moi importantes para o bo funcionamento da asociación e que todos e todas debemos coñecer, polo que animámosvos a asistir o vindeiro ano.

Revista nº 3 de Amigos da Terra

Lembrámosvos que xa tedes dispoñible na web a versión dixital da revista número 3 de Amigos da Terra “Da utopía á realidade”, con todas as novidades da asociación nos últimos meses.

Revista_3_invierno_bn_ok01

 

AS CORCERIZAS

Curso de voluntariado ambiental

Do 2 ao 5 de febreiro tivo lugar no centro, un curso de voluntariado ambiental no que participaron alumnos/as do I.E.S “O Castro” de Vigo. Durante catro xornadas, este grupo de mozos/as adquiriron unha visión integral da problemática ecosocial e como actuar dende dous eixes: que poden facer cada un deles individualmente e, como poden incidir na sociedade, utilizando sempre o papel do voluntariado como motor de cambio.

100226_rest_muino

 

Actividades marzo

II Xornada de Rastros e Sinais da Fauna

O vindeiro 14 de marzo celebraremos en As Corcerizas, as II Xornadas de Rastros e Sinais da Fauna, coas que daremos a coñecer de xeito práctico a actividade dos animais no seu propio medio, á vez que aprenderemos a observar con detemento escenarios, restos e indicios que deixan ao seu paso. O prazo de inscrición remata o vindeiro 12 de marzo, apuntádevos canto antes. Ademais, contaremos coa colaboración de Rubén Portas da asociación ASCEL, experto no lobo ibérico.

 

Programa “Sentir, Coñecer, Actuar”

As actividades do programa de educación ambiental, “Sentir, Coñecer, Actuar 2010”, comezan o vindeiro 25 de marzo coa participación dos alumnos/as C.E.I.P "A Carballeira" de  Ourense, quen disfrutarán dunha xornada lúdica e de aprendizaxe na Serra de San Mamede.

 

ASESORÍA XURÍDICA

Multa ao concello de Ourense por vertidos

En base ás denuncias tramitadas por Amigos da Terra, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil impón dúas multas económicas ao concello de San Cibrao das Viñas e ao concello de Ourense, por detectarse vertidos non autorizados aos ríos Barbaña e Miño. As denuncias se interpuxeron no ano 2008, grazas á colaboración cidadá, e logo de ser investigadas polo Organismo de Conca e dando a razón a Amigos da Terra, os concellos citados veranse na obriga de facerse cargo do pago das multas: unha de 18.000 euros e outra de 12.000. No importe se inclúen as indemnizacións que ambas administracións deben afrontar para restaurar o dano ambiental causado aos ríos.

verquido_barbanha

Novos cabalos con cepos

Tramítamos denuncias, coa aportación de probas (fotografías) por atopar equinos con cepos inmobilizadores, feito que é ilegal segundo as normas, nos concellos de Montederramo e Rairiz da Veiga. En ambos casos, a colaboración de membros da asociación foi fundamental para o envío das probas ao SEPRONA.

 

Alegacións ao estacionamento soterrado

As alegacións presentadas fai un mes ao anteproxecto da obra dun estacionamento soterrado en Ourense, que pretende a instalación de case 300 prazas para vehículos a motor, foron desestimadas polo concello de Ourense. Varios colectivos veciñais xunto con Amigos da Terra, presentamos alegacións a un proxecto que pretende a conxestión viaria do centro de Ourense, promovendo condutas proclives ao uso de vehículos co conseguinte aumento de polución urbana coa xeración de CO2. A desestimación baséase en argumentos banais e superfluos sen entrar no fondo do asunto dos escritos interpostos contra este proxecto, por elo non se descarta a presentación dun recurso administrativo polos mesmos colectivos.

 

Autovía A-76

Solicitamos máis información á Demarcación de Estradas de A Coruña sobre o proxecto de construción da autovía A-76 Ponferrada-Ourense pola ameaza que esta supón á serra da Enciña da Lastra, nomeada con varios títulos ambientais europeos e sendo, ademais, Parque Natural. A licitación das obras, segundo o Ministro de Fomento, é inminente. Descoñécese aínda a resolución positiva ou negativa da Declaración de Impacto Ambiental. Dende Amigos da Terra e coa colaboración do ornitólogo, Alberto Rivero, estase organizando unha Ecovixía ao Parque Natural da que vos manteremos informados.

yak-Serra_da_Encina_da_Lastra-DSC04730

CAMBIO CLIMÁTICO

Actividades marzo

Programa "A Aposta en fogares"

Durante o próximo mes de marzo finalizaremos as primeiras visitas do programa “A Aposta en fogares” nos concellos de Caldas de Reis e Cuntis, e levaremos a cabo o segundo obradoiro do programa, no que abordaremos a temática dos usos que facemos da auga.

 

CONSUMO RESPONSABLE

IV Xornadas de Agroecoloxía de Ourense

Nestes intres, atopámonos no ecuador das IV Xornadas de Agroecoloxía de Ourense, xornadas que durante dez días preséntannos proxectos alternativos centrados no compromiso coa xustiza social e ecolóxica.

Amigos da Terra participa este ano na mesa redonda sobre agroideoloxía que terá lugar hoxe venres 26, e na que presentaremos a experiencia de As Corcerizas e, por segundo ano, co banco de sementes que terá lugar o sábado 27. Tedes máis información sobre as xornadas aquí.

 

COOPERACIÓN

Inauguración da exposición dos proxectos do Golfo de Fonseca

O martes día 9 tivo lugar na Casa da Xuventude de Ourense, a inauguración da exposición fotográfica "Golfo de Fonseca: a loita por un futuro sostible" que realizamos en colaboración con AGARESO ( Asociación Galega de Reporteiros Solidarios).

presentexpo

No acto estiveron presentes o fotógrafo Carlos Puga e as reporteiras Estrella López e Eva Alonso que presentaron o seu traballo aos numerosos asistentes que se achegaron a disfrutar da presentación. O vindeiro destino da exposición será Pontevedra do 6 ao 30 de abril.

 

Alegacións Plan Director da cooperación galega

Continuamos participando na elaboración do Plan Director da Cooperación Galega 2010-2013, mediante o envío de alegacións á segunda versión do plan, a través da Comisión de Comercio Xusto e Consumo Responsable da Coordinadora Galega de ONGDs.

 

Actividades marzo

Semana do consumidor

O venres 12 e o xoves 18, participaremos na Semana do Consumidor que, en principio, se celebrará no IFEVI, instituto feiral de Vigo, ao longo deses 7 días. As xornadas, organizadas polo Instituto Galego de Consumo, buscan recrear unha rúa de consumo composta por distintos stands que representarán diferentes modelos de consumo en distintos ambientes (supermercados, bancos, cíbers...). En cada stand haberá monitoras/es que traballarán modelos de consumo responsable adaptados ao lugar que representen.

Amigos da Terra compartirá stand con outros colectivos da Comisión de Comercio Xusto e Consumo Responsable da Coordinadora Galega de ONGDs durante o día 12, mentres que na xornada do 18 cargaremos co peso das actividades e obradoiros que se levarán a cabo con estudantes e outros colectivos.

Xustificación de proxectos

Ao longo do mes de marzo presentaremos a xustificación final do proxecto trinacional levado a cabo no Golfo de Fonseca nos anos 2008 e 2009 e a xustificación da anualidade de 2009 do proxecto da Illa de Ometepe, en Nicaragua.

 

RESIDUOS

Campaña Zonas Libres de Bolsas co CCA Ourense Centro

O Centro Comercial Aberto, forma xa parte da campaña de Amigos da Terra "Zonas Libres de Bolsas". O seu compromiso e o de os seus 300 asociados, consistirá en reducir e pouco a pouco eliminar as bolsas dun so uso, do comercio ourensán. Este traballo comeza, implantando bolsas reutilizables nos 300 comercios e unha acción de rúa na que intercambiaremos a compra da xente que se achegue, da bolsa convencional dun so uso, á bolsa reutilizable, que utilizarán a partir dese momento nas súas compras. Así mesmo, todas estas persoas, deberán asinar o seu compromiso de redución de bolsas.

Anímate e asina tamén o teu compromiso persoal de abandonar as bolsas de plástico.

Tarxeta un San Valentín diferente

Esta vez, polo San Valentín, lanzamos unha iniciativa anticonsumista, que tivo unha boa acollida dende os/as usuarios/as desta data. Unha tarxeta na que propoñiamos que en vez de agasallar nestas datas, con obxectos materiais, o fixéramos con inmateriais: experiencias, momentos ou calquera cousa que non requirise cartos nin consumo de materiais. Duascentas persoas tiveron un San Valentín responsable este ano.

San_Valentin_

VOLUNTARIADO

Xornadas de Ecovixianza

O pasado 6 de febreiro e para conmemorar o Día Mundial dos Humedais, levamos a cabo unha xornada de ecovixías pola Lagoa de Antela, na que contamos coa colaboración de Alberto Rivero. A Xornada que resultou todo un éxito, un total de 25 persoas, procedentes de Santiago de Compostela, Vigo, Redondela, Cangas, O Carballiño, Verín, Celanova, Xinzo e Ourense desfrutamos dun agradable día realizando unha andaina pola zona da Lagoa de Antela, visitando as areeiras e o observatorio de aves.

100206_lagoa_antela-50

Como xa comentáramos, pretendemos facer moitas máis ecovixías, por iso, o vindeiro 6 de marzo temos prevista unha nova saída de ecovixianza, co obxectivo de detectar problemáticas ambientais e as desfeitas contra a natureza que se están a realizar na zona dos Cañóns do Sil, para o cal faremos unha visita guiada.

Animádevos e apuntádevos poñéndovos en contacto con Amigos da Terra: 988.37.43.18 (Ángel Dorrío) ou nos email:

voluntariado.galicia@amigosdaterra.net ; info@amigosdaterra.net





Amigos da Terra - Tel. 988 374318 · Fax. 988 511020 - Rúa da Concordia, 20 - 2º Esq. 32003 Ourense.

PROGRAMA “A APOSTA EN FOGARES”

Durante o próximo mes de marzo finalizaremos as primeiras visitas do programa “A Aposta en fogares” nos concellos de Caldas de Reis e Cuntis, e levaremos a cabo así mesmo, o segundo obradoiro do programa, no que abordaremos a temática dos usos que facemos da auga.

Amigos da Terra - Tel. 988 374318 · Fax. 988 511020 - Rúa da Concordia, 20 - 2º Esq. 32003 Ourense. Aviso Legal.
Este sitio esta feito con Joomla e SiteGround. Versión en galego de Joomla 1.5 facilitada pola CiberIrmandade da Fala. Joomla é Software Libre baixo licencia GNU/GPL.

Sitio web en galego subvencionado por Presidencia - Secretaría Xeral de Política Linguística.