INFO XERAL
Homenaxe a Miguel Delibes
Dende Amigos da Terra quixemos render unha merecida homenaxe ao novelista Miguel Delibes, falecido a mediados deste mes. Gran defensor da natureza, Delibes recibiu no ano 1992 o premio Amigos de la Tierra pola contribución ao medio ambiente.
Manifestación Galiza non se Vende 2010
O pasado domingo 21 de marzo, participamos na manifestación contra a destrución do territorio convocada pola plataforma “Galiza Non Se Vende” da que formamos parte. A través desta manifestación criticamos a posta dos recursos naturais da nosa comunidade autónoma ao servizo dos intereses económicos e das grandes empresas. O plan acuícola, a caza do raposo e o cultivo de transxénicos nos campos galegos foron algúns dos temas que criticamos na manifestación.

Asemblea Ordinaria de Amigos de la Tierra (Sevilla)
O pasado 13 de marzo tivo lugar en Sevilla a Asemblea Ordinaria de Amigos de la Tierra, na que un dos puntos importantes era a votación sobre o modelo de estrutura que queremos para a nosa organización. Manterémosvos informados das decisións tomadas na mesma.
Actividades mes de abril
22 de abril: Día da Terra
Para esta data, Amigos da Terra xuntará esforzos co resto do movemento ecoloxista galego, nunha marcha polo Clima, baixo o título "O Clima non está en Venda".
Convocaremos unha marcha entre a central térmica de Meirama e a incineradora de SOGAMA. Nesta marcha rexeitaranse falsas solucións ó cambio climático como a enerxía nuclear ou os agrocombustibles insustentables e defenderanse medidas como o peche das centrais térmicas de carbón e da incineradora de SOGAMA. Unha vez chegados a Sogama, faremos entrega ao seu presidente Luis Lamas, dun documento de propostas para un cambio no modelo de xestión do lixo galego.
AS CORCERIZAS
II Xornada de Rastros e Sinais da Fauna
A mediados de mes tivo lugar no centro, as II Xornadas de Rastros e Sinais da Fauna, unha das propostas que máis éxito ten entre o público. Nesta ocasión, contamos coa colaboración de Rubén Portas, especialista no estudo do lobo e membros de AXENA (Asociación Xuvenil para a Defensa da Natureza), quen mostráronnos un pouco do seu traballo e como o uso da tecnoloxía non é incompatible co estudo da natureza.

Programa Metodoloxías Científicas
O pasado 23 de marzo, alumnos do colexio Amor de Dios de Vigo participaron no programa “Aplicación de metodoloxías científicas para o a conservación do medio natural”, unha proposta que pretende achegar as prácticas e coñecementos científicos, moitas veces relegados a un sector reducido, á nosa vida cotiá. Sobre todo tendo en conta, o crecente estado de deterioro do medio, é a utilización da base científica para a conservación do mesmo a través do seu coñecemento.
Programa “Sentir, Coñecer, Actuar”
As actividades do programa de educación ambiental, “Sentir, Coñecer, Actuar 2010”, comezaron o pasado 25 de marzo coa participación dos alumnos/as C.E.I.P "A Carballeira" de Ourense, quen desfrutaron dunha xornada lúdica e de aprendizaxe na Serra de San Mamede.
Actividades mes de abril
Asociación Xuvenil de Ferrol
Do 1 ao 4 de abril, un grupo de scouts da Asociación Xuvenil de Ferrol pasarán a Semana Santa no centro. Dende Amigos da Terra temos previsto realizar unha xornada sobre cambio climático, na que os/as participantes comprenderán os problemas que se derivan do mesmo á vez que coñecen as alternativas para vivir dun xeito máis sostible.
Programa “Sentir, Coñecer, Actuar”
Durante o mes de abril seguiremos coas actividades deste programa. Deste xeito, o vindeiro 26 de abril alumnos/as do I.E.S Ferro Couselo de Ourense desprazaranse ata o centro para participar no programa. Nesta ocasión, a actividade estará centrada no cambio climático.
Alberguistas
Por outra banda, a fin de semana do 17 e 18 de abril contaremos coa presenza dun grupo de alberguistas quen desfrutarán duns días na serra.
ASESORÍA XURÍDICA
Abandono de cans / abandono muralla romana
No mes de marzo tramitamos denuncias e comunicados á prensa en relación ao suposto abandono de cans de caza na vila de Verín, tema que xa fora denunciado por Amigos da Terra fai un tempo e ante o cal, o concello fai caso omiso para dar unha solución a un tema de maltrato animal e, por outra banda, denuncia á Consellería de Cultura polo actual e alarmante estado de abandono que presenta a muralla romana da Vila. O que supón unha falta de interese na conservación do patrimonio galego.
Vertedura ao Barbaña
A principios de mes solicitamos información ambiental á Confederación Hidrográfica Miño-Sil sobre unha nova vertedura de escuma branca acaecida no río Barbaña. Segundo as primeiras análises, a substancia está dentro dos parámetros legalmente establecidos de vertedura. Solicitamos tamén, un informe que nos dea información sobre as condicións de habitabilidade do río na actualidade.
Explotación mineira sen licenza
Así mesmo, dende o departamento xurídico de Amigos da Terra solicitamos información ambiental sobre a situación dos informes que debe ter unha canteira situada en Parada de Ribeira e que leva máis de 20 anos explotando material sen licenza municipal. Neste senso, acábase de recibir contestación da Consellería de Industria en Ourense, que proporciona información "industrial" sobre a explotación mineira e na que alega que todo está en orde conforme as normas xurídicas que regulan este tipo de actividades: posúen autorización industrial e plan de restauración.
Día Forestal Mundial
Polo Día Forestal Mundial, visitamos a escombreira restaurada por unha empresa, ante a ameaza dunha cuantiosa sanción económica pola Consellería de Industria, en base ás denuncias que, dende o ano 2002, viña presentando Amigos da Terra. Máis dunha ducia de denuncias que informaban da ilegalidade desa escombreira e da imperante necesidade de pór freo a unha actuación empresarial ilegal e contraria á conservación da fraga de Toén.

Denuncia por purins de granxa
Por outra banda, tramitamos unha denuncia ante a Consellería do Medio Rural e a de Sanidade pola presenza no concello de Castro Caldelas, dunha presunta propiedade privada forestal empregada para o depósito de purins de granxa. Descoñecemos a legalidade desta "instalación" e sospeitamos os danos que se están a facer en augas subterráneas, na cuberta vexetal do terreo e mesmo na atmosfera pola falta de xestións dos purins.
CAMBIO CLIMÁTICO
Visitas programa “A Aposta en fogares”
Durante o mes de marzo estivemos volcados en rematar a primeira fase do programa "A Aposta" nos concellos de Cuntis e Caldas de Reis, facendo as visitas aos fogares participantes. Visitas nas que tentamos resolver as dúbidas dos participantes para mellorar a eficiencia enerxética dos seus fogares, así como aproveitar para recoller datos dos consumos, e facer avaliación intermedia.
No concello de Caldas de Reis unha vez rematadas as visitas, o día 16 de Marzo, tivo lugar o segundo obradoiro comunitario, no que nos centramos en tratar o tema “A Auga”.
Xornadas de "Hogares Verdes"
Por outra banda na derradeira semana deste mes, entre os días 24 a 26, participamos nas IV Xornadas de Intercambio de Experiencias do programa Hogares Verdes, que se levaron a cabo no Centro Nacional de Educación Ambiental (CENEAM), en Valsaín-Segovia.
Máis información
Actividades mes de abril
Obradoiro en Cuntis
No mes de abril levaremos a cabo o segundo obradoiro de “A Aposta en fogares” cos participantes do concello de Cuntis. Será o mércores día 7 de abril ás 20h na Casa da Cultura.
CONSUMO RESPONSABLE
Semana do consumidor
Os pasados 12 e 18 de marzo participamos na Semana do Consumidor, organizada polo Instituto Galego de Consumo no IFEVI (Vigo). O obxectivo destas xornadas era recrear unha rúa con diferentes modelos de consumo e deste xeito educar as persoas para que camiñen, dende as idades máis temperás ata a etapa adulta, cara un posicionamento crítico que lles permita realizar un consumo responsable.
En Amigos da Terra compartimos stand con outros colectivos da Comisión de Comercio Xusto e Consumo Responsable da Coordinadora Galega de ONGD´s e levamos a cabo actividades para os nenos relacionadas co comercio xusto e o consumo responsable.

Allariz (Zona Libre de Transxénicos)
O pasado mes de decembro membros da Plataforma Galega Antitransxénicos reunímonos co concelleiro de medioambiente de Allariz (Bernardo Varela) para proporlle a declaración do concello como Zona Libre de Transxénicos. Tras debatelo no pleno do concello, comunicáronnos a principios de marzo que a proposta foi aprobada, polo que Allariz súmase á lista de concellos galegos en contra dos Organismos Modificados Xeneticamente (OMG).
Alegacións
Durante este mes tamén enviamos alegacións e solicitamos información ambiental sobre as novas solicitudes de experimentación con millo transxénico en Galicia.
Actividades mes de abril
Xornada debate
O venres 9 de abril celebrarase unha xornada de debate sobre os transxénicos e a súa afección no medio e na alimentación. O evento terá lugar ás 20h na Casa da Cultura de Bertamiráns.
2º Manifestación Estatal Antitransxénica (17 de abril, Madrid)
Do 12 ao 17 de abril celebraremos a II Semana Estatal de Loita contra os Organismos Modificados Xeneticamente. Esta semana culminará cunha manifestación, o sábado 17 de abril, que rematará ante a sede do Ministerio de Medio e Medio Rural e Mariño, para mostrar o rexeitamento da sociedade civil á introdución de OMG na nosa agricultura e a nosa alimentación.
Data e hora: sábado 17 de abril ás 11:30 h.
Percorrido: Porta de Alcalá - Ministerio de Medio e Medio Rural e Mariño (Pº. Infanta Isabel, 1), Madrid.
Máis información

O 17 de abril todos e todas a Madrid!
CONSERVACIÓN E USOS DA TERRA
Plantación de árbores en Toén
O pasado día 25 levamos a cabo a plantación correspondente a Campaña “Doa Sangue e planta unha árbore” do pasado mes de xullo. Nesta ocasión, contamos coa colaboración do Colexio Maristas e o proxecto Voz Natura na reforestación dun monte incendiado no concello de Toén.

COOPERACIÓN
Despedida a Xabier Otero
A mediado do mes de marzo deixounos Xabier Otero, o alumno do Postgrao de Cooperación Internacional da Universidade de A Coruña, que estaba realizando as súas prácticas en Amigos da Terra. Nun principio tiña pensado estar con nós ata maio, pero ao ser aceptado nun programa de becas da Dirección Xeral de Cooperación da Xunta, partirá o mes que ven rumbo a terras nicaragüenses. Queremos agradecerlle o seu traballo, interese e participación ao longo deste mes e medio.
Actividades mes de abril
Exposición fotográfica en Pontevedra
O Concello de Pontevedra será o próximo destino da exposición “Golfo de Fonseca: a loita por un futuro sostible”, organizada por Amigos da Terra e AGARESO, tras pasar polas vilas de Ourense e Maceda. A exposición poderá visitarse do 6 ao 29 de abril na biblioteca municipal de Pontevedra.
Charla informativa na Facultade de Ciencias Sociais de Pontevedra
Aproveitando que a exposición atópase na cidade, o día 7 de abril realizaremos unha charla informativa na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra, na que ademais do proxecto en si, presentaremos o documental que realizaron os compañeiros de AGARESO sobre os proxectos que Amigos da Terra está a desenvolver no Golfo de Fonseca.
Curso-práctico de “Comunicación e Cooperación ao Desenvolvemento”
Os vindeiros 24 e 25 de abril terá lugar en As Corcerizas o curso- práctico “Comunicación e Cooperación ao Desenvolvemento”, dirixido aos axentes de cooperación, ONGD´s e medios de comunicación, co obxectivo de dar a coñecer os resultados obtidos na visibilización dos proxectos de cooperación con enfoque ambiental de Amigos da Terra, en colaboración con AGARESO, así como de dotar aos axentes de cooperación e ONGD´s das ferramentas axeitadas para poder mellorar a comunicación nas súas organizacións.

Se estades interesados en participar no curso poñédevos en contacto con:
comunicacion@amigosdaterra.net
RESIDUOS
Presión Política
Nos últimos meses, os residuos de Galicia, están saíndo nos xornais máis que nunca, porqué? Porque o sistema maioritario de xestión galego "Sogama", atópase colapsado. Fronte a isto, o novo Goberno, propón como alternativas seguir abrindo buracos na terra para agochar o lixo e rumorean reproducir o modelo Sogama no Sur de Galicia. Parece ser que ninguén lles dixo que o lixo medra progresivamente, e que se non se busca unha solución a este crecemento, as alternativas que eles propoñen, non van valer de nada.
Dende Amigos da Terra e en conxunto coa Federación Ecoloxista Galega (FEG), estamos traballando fortemente, elaborando documentos críticos e propositivos, pedindo reunións cos responsables políticos e enviando regularmente novas á prensa.
Algúns destes documentos pódense ver pinchando aquí.
Compostaxe no IES o Carballal de Marín
Aproveitando o Día Forestal Mundial, o 17 de marzo puxemos en marcha un programa de compostaxe comunitaria nun instituto de Marín. A xornada consistiu en formación e sensibilización na problemática dos residuos, enfocado aos cursos maiores, que serán os encargados de responsabilizarse da tarefa ao tempo que forman aos vindeiros cursos. A partir deste momento, conxuntamente levaremos un seguimento do proceso durante un ano, garantindo así o bo funcionamento do proceso.
VOLUNTARIADO
Ecovixía polos Canóns do Sil
A primeira fin de semana do mes realizamos unha nova ecovixía polos Canóns do Sil, unha zona incluída dentro da Rede Natura, co obxectivo de detectar as desfeitas contra a natureza que se están a levar a cabo na Ribeira Sacra e desfrutar dun día en plena natureza.

Dende Amigos da Terra temos previstas máis ecovixías para os vindeiros meses, manterémosvos informados das novas datas.
RECURSOS DISPOÑIBLES
Recordarvos que neste documento poderedes consultar unha listaxe con todos os recursos da asociación a disposición de todos os socios e socias.