Portada
Boletín Amigos da Terra abril 2010
Assunto: Boletín Amigos da Terra abril 2010
Data de Envio: 2010-04-30 14:44:20
Edição N #: 12
Conteúdo:
Amigos da Terra

Boletín informativo de Amigos da Terra - abril 2010


Neste boletín:


INFO XERAL

Día da Terra 2010

Este ano celebramos o Día da Terra cunha andaina reivindicativa o sábado 24 de abril, na que percorremos os dous quilómetros que separan a central térmica de Meirama da incineradora de SOGAMA, e na que participamos xunto con outras organizacións ambientais. Xuntámonos cerca dun cento de persoas para pedir que se tomen medidas nos distintos eidos nos que consideramos, máis se debe facer por reducir as emisións de CO2.

Durante a mesma, fomos facendo 4 paradas para ler textos nos que manifestamos solucións para facer fronte a este reto ambiental. A última destas paradas foi en SOGAMA, onde para finalizar, a escritora Teresa Moure deu lectura ao manifesto. O noso balance da tarde foi moi positivo, xa que consideramos que é moi bo que as organizacións ecoloxistas se unan nas súas demandas.

Deixámosvos un vídeo onde poderedes ver máis sobre o acaecido nesa tarde.

 

AS CORCERIZAS

Asociación Xuvenil grupo scout-guía “Vasco da Ponte”

Durante as vacacións de Semana Santa tivemos no centro á asociación xuvenil “Vasco da Ponte” de Ferrol. Ademais de desfrutar duns días na serra, os/as mozos/as desta asociación tiveron oportunidade, a través dunha xornada de educación ambiental práctica, de coñecer “in situ” o bo funcionamento das enerxías renovables e a bioconstrución.

I.E.S Ferro Couselo de Ourense

Nesta visita, englobada dentro do programa S.C.A, tratáronse as temáticas das enerxías renovables, a bioconstrución e o tratamento alternativo de residuos, promovendo a capacidade de crítica dos alumnos/as deste instituto e aportando solucións aplicables no día a día para facer fronte a unha das principais causas do cambio climático, o consumo excesivo e inconsciente.

 

Actividades mes de maio

Temos un mes de maio repleto de actividades no centro:

 

Alberguistas

Durante a fin de semana do 1 de maio contaremos cun grupo de 21 alberguistas no centro, quen pasarán uns días de relax e ocio na serra.

 

Programa Sentir, Coñecer, Actuar

Ao longo do mes de maio, visitarannos sete centros dentro do programa S.C.A

4 de maio, C.P.I Virxe dos Remedios

7 de maio, I.E.S 12 de octubre

10 de maio, C.P.R Concepción Arenal

11 de maio, C.P.R Divina Pastora

13 de maio, I.E.S Otero Pedrayo

18 de maio, I.E.S Trives

25 de maio, C.P.I Maside

 

1º Ruta dos Maquis

Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, o día 16 pasaremos unha xornada no centro, na que mesturaremos cultura, tradicións e natureza, todo elo recuberto co fío musical popular galego.

rebor_peq

 

Máis información

 

Campamentos Concello de Oleiros

Teremos dous campamentos deste concello durante o mes de maio, un deles o 19, 20 e 21 e outro o 26, 27 e 28. Dende Amigos da Terra temos previsto realizar unha xornada sobre cambio climático, na que os/as participantes comprenderán os problemas que se derivan do mesmo á vez que coñecen as alternativas para vivir dun xeito máis sostible.

Curso para monitores e directores de tempo libre

Os vindeiros 29 e 30 de maio realizaremos no centro o curso “Recursos prácticos para a educación ambiental no tempo de lecer”, enmarcado dentro do Plan de formación continua para monitores/as e directores/as de tempo libre que organiza a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

Este curso pretende poñer en valor as ideas e capacidades dos monitores/as, reforzando o papel como educadores/as e nutrindo a vía para a profesionalización do sector do ocio e tempo de lecer.

 

ASESORÍA XURÍDICA

Purins en Castro Caldelas

Tramitamos varias denuncias ante as Consellerías competentes anunciando a presenza de 5 balsas de purins en fincas de titularidade privada. Tanto os purins como as balsas onde se depositan, non están a ser xestionados, o que provoca graves incursións nas normas de protección ambiental: risco de contaminación atmosférica por nitratos, contaminación aos acuíferos, aos regatos, perda das propiedades da cuberta vexetal, entre outros.

balsa_purin

 

Fundación jurídico-ambiental

Amigos da Terra foi convidada á presentación de dita Fundación en Navarra, co fin de expór o traballo xurídico que dende a nosa asociación se fai e contar a problemática ambiental galega. Ademais, o resto de grupos participantes expuxeron as súas eivas e salientouse o papel da administración como incumpridora das normas ambientais, destacando o incumprimento da lei Aarhus en canto á imposibilidade de acceso á información ambiental por parte de cidadáns e asociacións.

Xornada xurídica co Concello de Ourense

A mediados de mes, levamos a cabo unha xornada xurídica co Concello de Ourense na que tivemos un grande éxito de participación, o que significa que existe unha demanda real da cidadanía por saber que facer ante unha presunta agresión ambiental. A xornada organizouse dentro do plan de voluntariado do concello de Ourense para o fomento da formación xurídico-ambiental da poboación. Están previstas novas xornadas que se desenvolverán ao longo do ano.

Zona de Especial Protección das aves da Limia

Amigos da Terra reitera o seu posicionamento respecto ao deficitario nomeamento que fixo a Xunta de Galicia da ZEPA limiense. Os problemas que están a xurdir polas críticas deste nomeamento, derivan dunha falta de información aos veciños pola administración, o que está a provocar graves confusións respecto a que tipo de prácticas se poden desenvolver na zona e cales non. Demandamos da Consellería do Medio Rural que organice xornadas informativas a prol dun achegamento entre o respecto ao medio ambiente e as labores agrícolas da zona.

Decreto de identificación de equinos

A Consellería do Medio Rural respondeu á asociación sobre as medidas que van tomar para que todos os equinos galegos estean identificados e para tentar pór fin á ilegal práctica da colocación de cepos e trabas aos equinos o que lles provoca importantes lesións, constituíndose como unha figura de maltrato animal sancionada pola lei.

Canceira de O Carballiño

A xuíza de instrución decidiu sobreseer a causa e arquivar o expediente por considerar que a fosa chea de cadaleitos de cans denunciada por Amigos da Terra, non constitúe un ilícito penal senón unha infracción administrativa por faltar ás garantías sanitarias. O pasado luns se presentou un recurso de reforma contra esta decisión, para que continúen as investigacións, probas e testemuños, sobre cal foi a razón pola cal máis de 70 cans mortos se atoparon nesa fosa.

fosa_cansmortos

 

Asesoramento xurídico

Outorgamos asesoramento legal a catro demandantes: polos recheos do porto de Xixón, pola instalación dunha estación depuradora na serra de Barcelona, para impugnar o Plan de Ordenación do Litoral galego e finalmente, asesoramento sobre como presentar unha denuncia ante a Unión Europea polo proxecto de explotación mineira a ceo aberto que queren executar no perímetro do Parque Natural das Fragas do Eume.

 

CAMBIO CLIMÁTICO

Obradoiro en Cuntis

No mes de abril estivemos en Cuntis cun obradoiro no que abordamos o tema do consumo doméstico de auga. Esta actividade estaba programada dentro do programa de aforros enerxéticos A Aposta en Fogares, no que estamos a traballar con 40 familias deste concello, tanto facendo obradoiros como facilitando información e cun seguimento personalizado dos fogares, e que rematará a finais do ano 2010.

 

CONSUMO RESPONSABLE

Xornada de debate no Concello de Ames

As representantes da Plataforma Galega Antitransxénicos (PGA), da que forma parte Amigos da Terra, valoraron moi positivamente esta xornada de debate realizada en colaboración co concello de Ames o pasado venres 9 de abril. Esta xornada cumpre co acordado na resolución aprobada por unanimidade na que se declarou o concello coma libre de transxénicos, e mediante a cal foron tomadas decisións realmente situadas na vangarda desta loita como a prohibición de servir alimentación transxénica nos comedores escolares públicos.

Manifestación Antitransxénicos de Madrid

A Manifestación Antitransxénicos do 17 de abril en Madrid foi  todo un éxito, máis de 15.000 persoas manifestáronse o baixo o lema "Por unha Alimentación e unha Agricultura Libre de Transxénicos". Agricultores, ecoloxistas e consumidores de todo o Estado percorreron a cidade esixindo ao Goberno que siga o mesmo camiño percorrido por países como Francia, Alemaña ou Austria, e prohiba o cultivo de millo transxénico en España.

slg-pga3

 

Máis información

 

Actividades mes de maio


Día do Comercio Xusto

O vindeiro 8 de maio celebraremos o Día do Comercio Xusto. Ao igual que o ano pasado se colocarán carpas en seis cidades de Galicia, onde estarán presentes diversas ONGD.

Este ano Amigos da Terra só estará na cidade de Vigo e queremos convidarvos a participar na organización das accións. Se estades interesados/as en participar poñervos en contacto con: cooperacion@amigosdaterra.net.

 

COOPERACIÓN

Despedida de Raquel Fernández

A principios do mes de abril, Raquel Fernández, rematou o seu período como responsable de cooperación de Amigos da Terra, ao reincorporarse de novo ao posto Judith. Queremos agradecerlle o seu traballo, esforzo e a ilusión posta en todos os proxectos durante estes catro meses.

Curso de Comunicación e Cooperación en As Corcerizas

As Corcerizas acolleu a mediados do mes de abril, o curso-práctico de “Comunicación e Cooperación ao Desenvolvemento”, un primeiro espazo de achegamento entre profesionais de medios de comunicación (prensa, radio e televisión) e membros/as de ONGD´s. Curso, que podemos cualificar de grande éxito, tanto pola participación, como polos interesantes debates que se xeraron nas mesas. Foi un primeiro paso que terá continuación nunha segunda edición, na que xa estamos a traballar.

P1080535-1024x768

 

Actividades mes de maio


Exposición fotográfica en Ferrol

Tras pasar por Pontevedra a cidade de Ferrol será o próximo destino da exposición “Golfo de Fonseca: a loita por un futuro sostible”, organizada por Amigos da Terra e AGARESO. A exposición poderá visitarse no Ateneo Ferrolán (Primeira Planta) do 3 ao 30 de maio.

Mesa redonda “Conflitos esquecidos”

O vindeiro día 6 de maio, participaremos na mesa redonda “Conflitos esquecidos”, que organiza “Por un mundo más justo”, onde exporemos a situación do Golfo de Fonseca. Terá lugar na aula socio cultural de Caixagalicia de Ourense ás 20.00 horas.

 

RESIDUOS

Guía de redución de residuos

Xa temos dispoñible en formato electrónico as guías de redución de residuos de Amigos da Terra, un documento con ideas e propostas, para facer o noso consumo máis responsable e reducir a nosa produción de residuos. Na asociación temos tamén exemplares impresos, que están a disposición de quen os solicite.

Campaña Zonas Libres de Bolsas

A campaña sigue activa, así que se estades animadas/os a levala á vosa zona, non dubidedes en pedir a información e materiais. Cada vez son máis os establecementos que deciden prescindir das bolsas dun só uso, para pasar a formar parte da cultura da redución e da reutilización.

Máis información

Compostaxe

O municipio de O Grove suma 50 familias máis ao programa de compostaxe iniciado a principios de ano. Este xoves, terá lugar a formación teorico-práctica dos novos participantes, que pasarán a formar parte desta grande rede de persoas que xestionan os seus propios residuos orgánicos, transformándoos en compost.

residuos

 

Presión Política

Continuamos o noso traballo de presión centrado fundamentalmente no novo Plan Galego de Residuos, que sairá á luz pública nos vindeiros meses.

En conxunto coa Federación Ecoloxista Galega (FEG), da que forman parte outros 16 grupos ecoloxistas galegos, estamos elaborando un documento de recomendacións e propostas para o novo Plan Galego de Residuos, dirixido á Consellería de Medio Ambiente. Así mesmo, solicitamos e contaremos coa colaboración da Sociedade Galega de Educación Ambiental, co fin de aportar e enriquecer este traballo, e continuar tecendo redes co movemento ecoloxista galego. Por suposto, este traballo está aberto á participación de todas as persoas que forman parte de Amigos da Terra, polo que animámosvos a participar na medida na que poidades.

 

VOLUNTARIADO

Ecovixía polo Parque Natural das Fragas do Eume

O pasado domingo 25 de abril realizamos unha nova ecovixía polo Parque Natural das Fragas do Eume, xornada na que estivemos acompañados/as polo guía local, Manolo Cortizas. Ademais da paisaxe típica das fragas puidemos coñecer as historias e lendas da zona, así como o patrimonio cultural co que conta este parque natural.

100425_fragas_do_eume-62

 

Máis información

Nova voluntaria en Amigos da Terra

Queremos dar a benvida a Lucie Allain, de Francia, que se sumará ao equipo da asociación e que permanecerá con nós durante un ano, incorporándose aos distintos proxectos da asociación, sobre todo como apoio para o equipo de As Corcerizas.

 

 





Amigos da Terra - Tel. 988 374318 · Fax. 988 511020 - Rúa da Concordia, 20 - 2º Esq. 32003 Ourense.

Amigos da Terra - Tel. 988 374318 · Fax. 988 511020 - Rúa da Concordia, 20 - 2º Esq. 32003 Ourense. Aviso Legal.
Este sitio esta feito con Joomla e SiteGround. Versión en galego de Joomla 1.5 facilitada pola CiberIrmandade da Fala. Joomla é Software Libre baixo licencia GNU/GPL.

Sitio web en galego subvencionado por Presidencia - Secretaría Xeral de Política Linguística.