INFO XERAL
No mes de xuño estaremos en varias feiras:
Bioterra 2010
Trátase dunha feira de ecoloxía, consumo responsable e comercio xusto que se celebra os días 5 e 6 de xuño en O Carballiño (Ourense). Nesta feira teremos un posto sobre consumos, e tamén daremos unha charla o domingo pola tarde sobre consumos enerxéticos dos fogares e a incidencia de programas educativos como A Aposta en Fogares.
Alternalia 2010
Como en anos anteriores participaremos en Alternalia, unha mostra de bioconstrución e enerxías renovables, que terá lugar os días 25, 26 e 27 en Moaña (Pontevedra). Participaremos cun posto informativo tanto de consumos como de bioconstrucción.
Animámosvos a todos/as a participar en ambas feiras. Se queredes colaborar, poñédevos en contacto connosco no e-mail: info@amigosdaterra.net
AS CORCERIZAS
Visitas educativas do Concello de Ourense
O programa de visitas educativas organizado por Amigos da Terra en colaboración coa Concellería de Educación do Concello de Ourense finalizou coa participación de máis de 200 alumnos/as, procedentes de sete centros educativos ourensáns. Os mozos/as comprobaron no Centro a viabilidade das alternativas existentes para vivir dun xeito máis consciente e respectuoso co medio.
Día das Letras Galegas en As Corcerizas
Este ano celebramos o Día das Letras Galegas cun roteiro interpretativo pola Serra de San Mamede. Finalizamos o traxecto no pobo de Rebordechao, onde visitamos o forno e o muíño comunal e rematamos a xornada festiva ao son das gaitas dos Serandeiros de Boborás.

Campamentos Concello de Oleiros
Durante o mes de maio tivemos dous campamentos do Concello de Oleiros, nos que 43 rapaces/zas de idades comprendidas entre os 11 e 12 anos, coñeceron os problemas derivados do cambio climático, así como as alternativas que existen para vivir dun xeito máis sostible.
Curso para monitores de tempo libre
A pasada fin de semana tivo lugar no centro o curso “Recursos prácticos para a educación ambiental no tempo de lecer”, destinado a monitores e directores de tempo libre. Os/as participantes, 25 en total, destacaron a calidade dos contidos expostos e o acerto de realizarse en As Corcerizas.

Actividades mes de xuño
III Xornadas de rastros e sinais da fauna
Temos previsto realizar no mes de xuño as III Xornadas de rastros e sinais da fauna, nas que contaremos de novo coa colaboración de Ruben Portas, membro de ASCEL, e da Asociación Xuvenil para o Estudo da Natureza (AXENA). En breve informáremosvos das datas definitivas.
ASESORÍA XURÍDICA
Probas de todoterreos
Durante o pasado mes presentamos varias denuncias alertando da celebración de novas probas de todoterreos en Montederramo e Ribeira Sacra. No caso da proba celebrada en Xinzo de Limia en abril, tras a nosa denuncia, o SEPRONA verificou que ademais non contaba coa autorización pertinente. Este tipo de espectáculos prexudican gravemente o contorno ambiental onde se levan a cabo, aumentando o risco de incendios por onde transcorren.
Alegacións á construción do encoro de Navia de Suarna
Tras a presentación de alegacións por distintos colectivos, entre os que se atopa Amigos da Terra o Parlamento Galego posicionouse en contra ao outorgamento dunha nova concesión para o proxecto hidroeléctrico en Navia de Suarna. O proxecto situaríase nun Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) Alto Navia e afectaría a hábitats tan escasos como o do mexillón de río incumprindo, ademais, as limitacións establecidas na Directiva Hábitats e á Lei de Patrimonio Natural e da Biodiversidade.
VertIdo no río Támega
O río Támega, ao seu paso pola localidade de Feces de Abaixo en Verín, foi vítima doutra vertedura sobre as súas augas. As denuncias tramitadas por Amigos da Terra se dirixiron principalmente ao concello de Verín xa que, segundo os veciños, estes feitos prodúcense de forma reiterada ao río. O río Támega está cualificado como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC), polo que o río, adquire unha protección singular pola súa diversidade biolóxica.

Alegacións á construción da minicentral hidroeléctrica no río Eo
Presentamos alegacións tamén contra o proxecto de aproveitamento eléctrico do río Eo, xa que supón a construción dunha minicentral que afectaría a máis de nove quilómetros do río, e que podería conlevar a perda do Lugar de Importancia Comunitaria do río Eo, unha zona que tamén está catalogada como Zona de Especial Protección dos Valores Naturais e Reserva da Biosfera.
Actividades mes xuño
II Xornada de Dereito Urbanístico e do Medio Ambiente en As Corcerizas
Esta fin de semana celebraranse en As Corcerizas a II Xornada Xurídico Ambiental, na que os alumnos/as do Máster Oficial de Dereito Urbanístico e do Medio Ambiente da facultade de Dereito de Ourense, levarán á práctica os coñecementos adquiridos e prestados durante o ano na formación da Universidade. Amigos da Terra organiza esta xornada xunto á coordinación do Máster DUMA.
CAMBIO CLIMÁTICO
Reunión técnicos/as Cambio Climático
O mes pasado tivemos reunión de tódolos técnicos da área de Cambio Climático en Madrid, na que traballamos conxuntamente sobre os distintos plans de traballo que temos para este ano.
Así mesmo, aproveitando a viaxe puidemos asistir a unha xornada de formación sobre “Desarrollo de una ley de cambio climático con objetivos anuales de reducción de emisiones - Presupuestos de carbono y proyectos domésticos de reducción de emisiones en España -” impartida por técnicos da consultora Factor CO2, que está a elaborar un estudio para Amigos de la Tierra sobre este mesmo tema, un estudio que será empregado na campaña S.O.S. Clima.
Blog S.O.S Clima
Como novidade presentarvos o novo formato do blog da campaña estatal S.O.S Clima. Ven de estrearse, así que pode que aínda atopedes algunha sección en obras, e en breve o teremos tamén traducido ao galego. A través desta campaña os grupos de Amigos de la Tierra Europa están a pedir aos seus gobernos unha Lei de redución de emisións de CO2, para:
- Reducir anualmente as emisións de CO2 polo menos un 3%.
- Asumir as responsabilidades no caso de non cumprimento.
Unha Lei coma esta xa foi aprobada no Reino Unido, polo que para que esta lei tamén sexa posible en España precisamos da vosa participación. Podedes entrar na web e asinar a petición de Amigos da Terra.
Actividades mes xuño
Obradoiros en Caldas e Cuntis
No mes de xuño teremos de novo obradoiros de A Aposta en Fogares nos concellos de Caldas de Reis e Cuntis, nesta ocasión,trataremos os temas da mobilidade sostible e o consumo responsable.
CONSERVACIÓN E USOS DA TERRA
Reunión Consello Forestal de Galicia
O vindeiro 9 de xuño, participaremos como representantes dos grupos ecoloxistas na reunión do Consello Forestal de Galicia. Entre os temas a debater atópase o Plan Pladiga, plan contra os lumes forestais 2010.
I Xornadas Montes Veciñais de Pontevedra
Así mesmo, o sábado 12 de xuño estaremos presentes nas I Xornadas Montes Veciñais de Pontevedra, organizadas polo Concello de Pontevedra e a Mancomunidade de Montes Veciñais de Pontevedra. Concretamente, interviremos na mesa redonda “A rede social de xestión do territorio”.
CONSUMO RESPONSABLE
Localización parcelas cultivos transxénicos
A principios de mes facíamos pública a localización das parcelas a nivel nacional nas que se solicitou experimentar con cultivos transxénicos ao aire libre para o 2010, uns datos que non gustaron nada as multinacionais, acusándonos de irresponsables.
A día de hoxe, temos coñecemento de que xa están aprobadas algunhas peticións. Manterémosvos informados das novidades con respecto á aprobación das parcelas en Galicia.
COOPERACIÓN
Exposición fotográfica en Santiago de Compostela
A exposición “Golfo de Fonseca: A loita por un futuro sostible” organizada por Amigos da Terra e AGARESO permanecerá durante o mes de xuño na Facultade de Filosofía de Santiago de Compostela, onde poderá visitarse ata o vindeiro día 30.

Avaliación dos proxectos do Golfo de Fonseca
Persoal da consultora Proxectos, contratada pola Xunta de Galicia, viaxará a mediados de mes ao Golfo de Fonseca para avaliar os proxectos que está a desenvolver Amigos da Terra nesta zona, así como o da illa de Ometepe. Para visibilizar este proceso de cara a sociedade, viaxarán con eles membros de AGARESO.
Proxecto Lei FIEM
Dende a Coordinadora Galega de ONGD´s presentáronse alegacións ao proxecto lei do FIEM (Fondos para a Internacionalización da Empresa), e o Senado tívoas en conta.
Deste xeito, os créditos brandos que o Estado concede aos países pobres para financiar proxectos de investimento adxudicados a empresas españolas non poderán ser considerados en ningún caso como Axuda Oficial ao Desenvolmento (AOD). Por un lado, créase o Fondo para a Internacionalización da Empresa (FIEM), xestionado polo Ministerio de Industria. E por outro, o Fondo de Promoción do Desenvolvemento (Fonprode), que administrará Asuntos Exteriores e que se dedicará só á AOD.
Esta petición será referendada definitivamente a próxima semana no pleno do Congreso, o último paso antes da súa entrada en vigor.
RESIDUOS
Plan Galego de Residuos 2010- 2020
A semana pasada, foi publicado pola Consellería de Medio Ambiente, territorio e infraestruturas o novo Plan de Residuos 2010-2020. A valoración que facemos dende Amigos da Terra, sobre este documento e de "estratexia de lavado verde". Xa que trátase dun plan fundamentado na incineración, que conta con medidas positivas que carecen de ambición algunha, e claramente insuficientes, posto que no fondo, o plan ten como elemento central a incineración á cal dedica o 50% do orzamento.
Pola nosa parte, queremos tentar ver o lado positivo en toda esta situación, resaltando que de non ser da presión ecoloxista que fixemos entre todos os grupos ó longo de todo este tempo, as escasas medidas tomadas en prol da redución, e a compostaxe (o anuncio da instalación de 8 plantas de compostaxe e a redución do 10 % do lixo xerado para o ano 2020) , non aparecerían no plan, como nos manifestou inicialmente o Conselleiro. Polo tanto, o noso traballo ten que seguir na liña da presión para que esas medidas de redución sexan máis ambiciosas, con obxectivos precisos e que a tendencia pola compostaxe sexa maior e real.
Polo momento, en conxunto coa Federación Ecoloxista Galega e a Sociedade Galega de Educación Ambiental, presentaremos as alegacións ao plan. Convidamos a participar neste traballo a todas as persoas interesadas; calquera pequena aportación será de gran axuda.
Máis información
Rede Estatal de Compostaxe
Dende a Rede Estatal de Compostaxe, creada hai un ano co obxectivo de dar impulso, fomentar e promocionar políticas públicas para a compostaxe doméstica e comunitaria, convidounos a participar nela e actuar como entidade observadora para Galicia. Isto supón ser os referentes para a rede en Galicia, e asesorar a todos aqueles concellos ou entidades que acudan a ela co fin de implantar este tipo de programas; ademais de participar de estudios e traballos que se desenvolvan na mesma.

Guía de redución de residuos
Xa está dispoñible para descargar na nosa páxina web a Guía práctica de redución de residuos, documento elaborado conxuntamente por persoas voluntarias e técnicas dos 5 grupos de residuos de Amigos de la Tierra.
Podes descargala aquí.
RECURSOS DISPOÑIBLES
Neste documento poderedes consultar unha listaxe con todos os recursos da asociación a disposición de todos os socios e socias.
Amigos da Terra forma parte de Amigos de la Tierra España, Friends of the Earth Europa e Friends of the Earth International.