Portada
Boletín Amigos da Terra xuño 2010
Assunto: Boletín Amigos da Terra xuño 2010
Data de Envio: 2010-07-09 12:00:20
Edição N #: 14
Conteúdo:
Amigos da Terra

Boletín informativo de Amigos da Terra - Xullo 2009


Neste boletín:




INFO XERAL

Durante o pasado mes de xuño estivemos presentes en:

Feira Bioterra

A principios de xuño participamos nesta feira de ecoloxía, consumo responsable e comercio xusto que tivo lugar en O Carballiño. Ademais dun posto informativo o domingo dimos unha charla sobre medidas de aforro enerxético nos fogares.

bioterra

 

Alternalia 2010

Tamén estivemos presentes en Alternalia, a feira de bioconstrución que se celebra cada ano na localidade pontevedresa de Moaña. O sábado levamos a cabo un obradoiro no que construímos un forno solar que puxemos en funcionamento con éxito o domingo. Aquí podedes ver o resultado.

alternalia

 

Asemblea Extraordinaria de Amigos da Terra

O pasado sábado 26 de xuño tivo lugar en As Corcerizas a asemblea extraordinaria de Amigos da Terra, un encontro moi produtivo no que todos/as intentamos aportar o noso gran de area para mellorar o traballo que estamos a facer na asociación, compartindo ideas e debatendo posibles solucións para sacar adiante o noso proxecto insignia “As Corcerizas”.

Así mesmo, desta asemblea debería ter saído a nova xunta directiva de Amigos da Terra, xa que o equipo actual leva dous anos, período marcado de vixencia. Ante a falta de candidaturas, a actual directiva tomou a decisión de seguir ata o vindeiro mes de outubro, momento no que deberá renovarse completamente a directiva ou contar con novas incorporacións.

 

Actividades mes de xullo

Festival Entreculturas

Esta fin de semana estaremos presentes no Festival Entreculturas de Marín, que se celebra do 8 ao 11 de xullo en diferentes espazos desta vila. Amigos da Terra participará o domingo cunha exhibición do funcionamento do forno solar e cun obradoiro de compostaxe.

Máis información

 

AS CORCERIZAS

III Congreso de Agroecoloxía e Agricultura Ecolóxica de Galicia

A finais de xuño participamos no III Congreso de Agroecoloxía e Agricultura Ecolóxica de Galicia organizado polo Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía da Universidade de Vigo e no que presentamos As Corcerizas como un exemplo práctico de xestión enerxética sostible e en total coherencia co medio.

 

Actividades mes de xullo

Seminario de Cambio Climático “Tecendo redes para o cambio”

Mañá sábado remata “Tecendo redes para o cambio” o seminario sobre cambio climático que se desenvolveu durante toda esta semana en As corcerizas e no que participaron membros de Amigos de la Tierra España, Bélxica e Reino Unido e a asociación Oïkos de Francia.

Unha experiencia moi enriquecedora para todos/as, na que compartimos experiencias, metodoloxías e proxectos con compañeiros/as doutros países, co obxectivo de identificar alternativas de redución da pegada de carbono, e accións prácticas sobre o terreo para cada un dos temas tratados: eficiencia enerxética, agroecoloxía, bioconstrución, denuncias ambientais, decrecimento entre outros.

A semana que ven informarémosvos sobre as conclusións e a avaliación final levadas a cabo ao remate do seminario.

 

ASESORÍA XURÍDICA

Alumnos do Máster DUMA en As Corcerizas

Por segundo ano consecutivo, a visita foi todo un éxito. A impartición habitual das clases da facultade trasladouse ao centro ambiental na serra. Complementáronse os estudos xurídico-ambientais do máster coa visita polas instalacións para coñecer de primeira man o funcionamento do centro.

 

Resolución recurso de reforma da canceira de O Carballiño

Foi desestimado o recurso de reforma da canceira, ante a mesma xuíz que avaliou a denuncia que Amigos da Terra ten presentada no xulgado para esclarecer a morte de máis de 70 cans. Ante esta situación, interpuxemos un recurso de apelación do que se deu traslado á Audiencia Provincial de Ourense para a súa análise. Esperamos que aquí sexan máis imparciais co xulgado carballiñés para xulgar á concellería de medio ambiente de O Carballiño e aos xestores da canceira municipal.

 

Expediente contaminación do río Barbaña

Amigos da Terra atópase personada no recurso contencioso-administrativo presentado pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil contra o concello de San Cibrao das Viñas por presunta responsabilidade na contaminación do río Barbaña polas verteduras realizadas no ano 2008. Aínda estamos á espera do traslado do contido do expediente.

venres26setembro.2

 

Charla de Denuncia Ambiental en Fuenlabrada

Unha vintena de monitores asistiron á charla de Denuncia Ambiental que tivo lugar a mediados do mes de xuño en Fuenlabrada, dentro do curso de monitores ambientais que organizou Amigos de la Tierra. Consistiu nunha parte teórica sobre dereito ambiental e lexislación, e dúas partes prácticas: análise de fotografías e as posibles agresións ambientais e un xogo de rol onde os participantes defenderon cadansúa posición á hora de enfrontarse á vertedura a un río.

 

Universidade de Verán en Pamplona

Amigos da Terra foi convidada a dar unha charla sobre os mecanismos de denuncia ambiental de que dispón a cidadanía. Esta charla está enmarcada dentro dun curso de dereito ambiental da Universidade Verde que podedes consultar por si estades interesados en participar. O departamento xurídico da asociación agradeceu o convite aínda que desta volta non poderá presentar a súa experiencia por motivos de axenda. En todo caso, dito convite responde ao seguemento do traballo de Amigos da Terra por parte de moitos grupos non ecoloxistas e de fora da Galicia.

Máis información

 

CAMBIO CLIMÁTICO

Obradoiro programa A Aposta en Caldas de Reis e Cuntis

A mediados do mes de xuño levamos a cabo en Caldas de Reis o terceiro obradoiro do programa A Aposta en Fogares, no que tratamos o tema da mobilidade sostible e o consumo responsable. Esta semana, tocoulle a quenda aos participantes de Cuntis.

 

CONSERVACIÓN E USOS DA TERRA

Amigos da Terra organiza por décimo ano consecutivo na cidade de Ourense en colaboración co Centro de Transfusión de Galicia, a campaña “Axuda a vivir, doa sangue e planta unha árbore”, coa que pretendemos acadar un dobre obxectivo: mellorar a información dos cidadáns sobre a doazón de sangue, un xesto solidario indispensable para o correcto desenvolvemento do labor asistencial dos hospitais galegos, así como provocar unha especial sensibilidade social a prol da conservación do medio ambiente.

campaa_doazn

 

A iniciativa da comezo hoxe día 9 ata o vindeiro día 16 en diferentes barrios da cidade. Voluntarios/as de Amigos da Terra distribuirán información sobre a doazón de sangue e ofrecerase aos doadores e doadoras a posibilidade de plantar unha árbore por cada doazón que se rexistre.

Se queredes participar nesta campaña poñédevos en contacto con nós no teléfono da asociación 988374318 ou no e-mail: info@amigosdaterra.net.

 

RESIDUOS

3 de xullo, Día Internacional contra as bolsas de plástico

Para celebrar este día, voluntarios e membros do equipo de Amigos da Terra saímos á rúa para premiar aos viandantes que fixeron as súas compras sen usar bolsas de plástico dun só uso e utilizaron outras alternativas máis ecolóxicas, como os carros da compra ou bolsas de tea. Así mesmo, fixemos unha pequena enquisa para coñecer o número de persoas que abandonaron ás bolsas de plástico dun só uso e as súas impresións sobre esta iniciativa.

IMG_2058

 

Alegacións ao Plan Galego de Residuos

Xunto coa Federación Ecoloxista Galega, a Sociedade Galega Educación Ambiental e Greenpeace durante o mes de xuño elaboramos ás alegacións ao Plan Galego de Residuos publicado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Como xa comentamos, trátase dun plan fundamentado na incineración, que conta con medidas positivas que carecen de ambición e claramente insuficientes, posto que no fondo, o plan ten como elemento central a incineración á cal dedica o 50% do orzamento.

As alegacións presentadas están dispoñibles na nosa web.

 

Actividades mes de xullo

Compostaxe O Grove

Durante este mes levaremos a cabo as segundas visitas do programa de compostaxe iniciado no concello de O Grove, en Pontevedra.

Esta segunda parte, que conta co financiamento do Concello e a execución técnica de Amigos da Terra, durará 9 meses e implicará a 50 familias deste municipio pontevedrés.

 

RECURSOS DISPOÑIBLES

Neste documento poderedes consultar unha listaxe con todos os recursos da asociación a disposición de todos os socios e socias.

 

Amigos da Terra forma parte de Amigos de la Tierra España, Friends of the Earth Europa e Friends of the Earth International.





Amigos da Terra - Tel. 988 374318 · Fax. 988 511020 - Rúa da Concordia, 20 - 2º Esq. 32003 Ourense.

Amigos da Terra - Tel. 988 374318 · Fax. 988 511020 - Rúa da Concordia, 20 - 2º Esq. 32003 Ourense. Aviso Legal.
Este sitio esta feito con Joomla e SiteGround. Versión en galego de Joomla 1.5 facilitada pola CiberIrmandade da Fala. Joomla é Software Libre baixo licencia GNU/GPL.

Sitio web en galego subvencionado por Presidencia - Secretaría Xeral de Política Linguística.