| Seminario: Alternativas prácticas fronte a un modelo en crise |
| Escrito por Montse Fernández |
| Venres, 27 Novembro 2009 16:25 |
|
Amigos da Terra convídate a formar parte da construción de alternativas fronte a un modelo en crise. Ante a situación de crise enerxética e outros problemas ambientais e sociais relacionados co modelo de “desenvolvemento” actual, debemos identificar e aplicar solucións integrais que nos capaciten, dende xa, para iniciar o cambio cara un modelo de vida máis sustentable e coherente. Co obxectivo de experimentar e presentar alternativas prácticas para este cambio, mañá día 28 e o domingo 29 de novembro, o Centro de Educación Ambiental As Corcerizas, acollerá a parte “Accións prácticas para o cambio” incluída dentro do Seminario de cambio climático que deu comezo no mes de outubro.
Estas xornadas tratarán dende a práctica e a experiencia, as alternativas reais para incorporar enerxías renovables nas nosas vivendas ou proxectos, descubrindo como podemos incorporar criterios de bioconstrucción e eficiencia enerxética; fabricaremos sistemas que nos axuden a tratar os restos orgánicos na casa e no piso, e coñeceremos de primeira man experiencias de autoorganización para unha alimentación consciente e propostas para reducir o noso impacto e consumos nos desprazamentos.
Así mesmo, contaremos coa colaboración como poñentes de Faimevi (Fundación Axencia Intermunicipal de Enerxía de Vigo), Empresa Montaxes Lagoa - enerxías renovables, Asociación Véspera de Nada, grupos de consumo responsable/consciente de Galicia (Zocamiñoca, Eirado, Semente).
|





