| Día Internacional da Eficiencia Enerxética |
| Escrito por Montse Fernández |
| Venres, 04 Marzo 2011 20:46 |
|
Mañá celébrase o Día Internacional da Eficiencia Enerxética, unha data para reflexionar sobre os hábitos da cidadanía fronte ao uso sostible e racional da enerxía. Hoxe, máis que nunca debemos reclamar un maior compromiso de empresas, institucións e gobernos coa redución e a utilización de enerxías renovables.
O Centro de Educación Ambiental As Corcerizas é un bo exemplo de eficiencia e xestión enerxética sostible.
A eficiencia enerxética formúlase como unha das políticas de freo para o cambio climático e a consecución de sociedades sostibles, xunto coa redución de enerxía como primeira medida, o desenvolvemento de enerxías renovables e unha política de transporte menos agresiva co medio ambiente.
Máis dun 40% da redución necesaria para baixar á metade as emisións de gases de efecto invernadoiro en 2050 respecto de 2005, provén da mellora da eficiencia enerxética. Moitos dos aparellos que empregamos a diario son auténticos despilfarradores de enerxía, consumindo moita máis da que finalmente nos chega a nós. Para Amigos da Terra, é necesario esixir aos fabricantes que aposten por unha mellora na eficiencia tanto nos procesos enerxéticos en si mesmos, coma no sector da construción e nos aparellos dos que logo nós faremos uso (electrodomésticos, coches, etc..)
Todo isto tamén significa, apostar en primeiro lugar pola redución de enerxía e despois pola mellora dos procesos, a reutilización, a reciclaxe e a reorientación da produción cara a produtos menos intensivos en enerxía, con maior valor engadido, menos contaminantes, xeradores de emprego e socialmente útiles. Ademais, os/as consumidores/as, podemos mellorar a eficiencia enerxética dos nosos fogares aplicando unha serie de pequenas medidas no referente ao uso racional da calefacción, os electrodomésticos do fogar, etc...
No caso do transporte, do que tanto se fala nos últimos días, é necesario que as administracións fomenten programas de mobilidade sustentable (mellora da calidade dos servizos de transportes públicos, préstamo de bicicletas, máis carril bici nas cidades, etc...) A subida do prezo dos combustibles fósiles non só está ligada ao actual conflito en Libia, senón que é unha tendencia que se acentuará a medida que se volvan cada vez máis escasos. Estímase que o pico de extracción do petróleo acontecerá entre 2015 e 2030, e o do gas dentro dos próximos 30 anos. Isto significa, que a era da abundancia e a doada extracción destes combustibles está a tocar ao seu fin.
Un exemplo de eficiencia enerxética Un exemplo de todo isto, podémolo ver en As Corcerizas. O centro é pioneiro en Galicia e referente a nivel estatal no eido da eficiencia enerxética polo emprego da bioconstrución e arquitectura bioclimática nas súas instalacións; o uso das enerxías renovables para o seu autoabastecemento; e no tratamento alternativo dos residuos, funcionando á perfección en situacións extremas. As Corcerizas é un exemplo de xestión enerxética sostible, apostando pola eficiencia, o uso racional e a autosuficiencia a partir de fontes de enerxía limpa, inesgotable, renovable e a diversificación da produción a pequena escala, atendendo aos recursos naturais dos que dispoñemos no entorno: enerxía solar, eólica hidráulica e biomasa.
Ao longo do ano, Amigos da Terra desenvolve no equipamento un amplo abano de actividades para persoas adultas e nenos/as, facendo unha aposta seria e contrastada por unha Educación Ambiental de calidade.
Neste senso, a asociación ten aberto o prazo de inscrición para os seus campamentos de verán, dirixidos a mozo/as e nenos/as, e que se desenvolverán do 1 ao 8 de xullo en As Corcerizas. Nestes campamentos, os nenos/as e mozos/as disfrutarán dunha nova experiencia, na que comprobarán a realidade e viabilidade de medidas eficientes que poderán aplicar no futuro: alimentación sostible, construción con materiais e deseño aforradores de enerxía e baixo custe enerxético, xestión propia das fontes renovables para electricidade e auga quente do centro, medidas concretas para propoñer nos seus fogares, etc. A través do xogo e o divertimento, reforzarán actitudes que os capacitarán para vivir en coherencia e respecto nunha sociedade de futuro.
|







