| Perda de biodiversidade a un nivel sen precedentes |
| Escrito por Montse Fernández |
| Venres, 21 Maio 2010 13:03 |
|
Para o Día Mundial da Biodiversidade, Amigos da Terra Internacional fai un chamamento para actuar de forma urxente, co fin de combater a perda de biodiversidade.
Amigos da Terra Internacional advirte que a perda de biodiversidade continúa a un paso acelerado sen precedentes e que os pobos que dependen dos bosques, as comunidades de pescadores e os pobres, son os que sofren máis as consecuencias.
O paso ao que se perde a biodiversidade acelérase cada día. Dende a década de 1970, a poboación mundial animal reduciuse un 30%, os bosques de manglares e as pasturas mariñas nun 20%, e os arrecifes de coral con vida nun 40%, segundo un recente informe conxunto da ONU e a Universidade de Cambridge. O 38% das especies avaliadas están baixo ameaza inminente, e de 15 indicadores de perda de biodiversidade, 9 aínda están en deterioro, mentres que soamente dous están a mellorar. Así mesmo, unha avaliación das principais especies realizada en toda a UE, demostrou que tan só o 17% estaba en estado de conservación favorable a pesar da protección.
Por todo isto, Amigos de la Tierra Internacional solicita a todos os gobernos non só que cumpran coas metas e obxectivos acordados en virtude do Convenio da ONU sobre Diversidade Biolóxica (CDB) senón tamén que fortalezan a política de biodiversidade, adopten metas ambiciosas a nivel mundial e comecen a actuar de inmediato.
O presente ano 2010 non será recordado como o ano en que se detivo a perda de biodiversidade, senón que podería ser un momento decisivo para a política de biodiversidade.
Segundo Isaac Rojas, coordinador do Programa de Bosques e Biodiversidade de Amigos de la Tierra Internacional de Costa Rica,"é preciso afrontar as causas estruturais da perda de biodiversidade. Se non afrontamos as causas de fondo, a biodiversidade e a vida na Terra desaparecerán a un paso aínda máis acelerado. A biodiversidade está a ser destruída pola expansión do petróleo e os proxectos mineiros, plantacións e proxectos de agronegocios".
"Ao mesmo tempo os tratados de libre comercio e de investimentos e os mecanismos de mercado ao igual que a OMC e algúns órganos da ONU axudan ás empresas multinacionais a privatizar a biodiversidade para a súa propia ganancia. Este proceso contribúe á perda de biodiversidade e é unha ameaza real para as comunidades rurais e indíxenas xa que perden os seus recursos naturais", afirma Isaac Rojas.
"No meu país, Costa Rica, o Presidente Arias declarou en forma escandalosa á minaría de ouro como unha actividade de interese público, a expensas da biodiversidade. Os negocios destrutivos como a minaría a grande escala teñen impactos severos na xente e a biodiversidade e deben ser rexeitados", agregou Isaac Rojas.
Friedrich Wulf, experto en biodiversidade de Amigos da Terra Europa afirmou: "Cada ser humano é afectado pola perda de biodiversidade dunha forma ou outra. A biodiversidade é fundamental para sustentar a vida na Terra. As comunidades que dependen dos bosques e xunglas, e a súa biodiversidade, xa están a experimentar a destrución dos seus hábitats e sustentos debido á perda de biodiversidade. Estas comunidades gozan de dereitos colectivos e coñecemento tradicional que deben ser respectados".
A perda de biodiversidade en Galicia Galicia conta cunha grande abundancia de hábitats naturais e seminaturais (esteiros, dunas, fondos mariños, lagoas, ríos, bosques, hábitats de montaña, campiñas, matogueiras, etc.).Non obstante, o cambio climático e a acción do home está a afectar moito aos diferentes ecosistemas galegos, polo que é moi probable que se non actuamos urxentemente, nos próximos anos perdamos pezas clave da biodiversidade galega, tanto no referente a especies coma en hábitats.
Para Amigos da Terra é necesario que tanto o Goberno de España coma a Xunta de Galicia asuman plenamente a súa responsabilidade sobre a biodiversidade, integrando criterios para a súa conservación e fomentando os instrumentos axeitados para frear a perda de biodiversidade.
Galicia necesita a posta en marcha de plans axeitados de recuperación para tódalas especies de fauna e flora que están en perigo de extinción. Así como a elaboración de plans para erradicar ás especies foráneas máis invasoras, o que permitiría conservar a nosa biodiversidade autóctona.
Así mesmo, consideramos fundamental que se protexan, como é debido, os espazos incluídos en Rede Natura 2000, obxecto frecuente de especulación, novos encoros, estradas, canteiras, etc., así como a aprobación dun Plan forestal, que aposte pola recuperación do bosque atlántico e as árbores autóctonas.
|












