| A lexislación ambiental non ten sentido se non se cumpre |
| Escrito por Montse Fernández |
| Venres, 04 Xuño 2010 13:29 |
|
Amigos da Terra demanda no Día Mundial do Medio Ambiente o cumprimento real da lexislación ambiental existente, como un dos mecanismos primordiais para frear a perda de biodiversidade na nosa comunidade.
Este ano a ONU elixiu como lema “Moitas Especies. Un Planeta. Un futuro”, facendo alusión á biodiversidade da Terra e a necesidade de conservala. A nosa comunidade conta cunha gran diversidade biolóxica, non obstante, os seus espazos naturais, a pesar de ter figuras de protección ambiental, son agredidos constantemente.
Peticións de proxectos hidroeléctricos situados na Rede Natura 2000 e Reserva da Biosfera, como os presentados para o ríos Eo e Navia; vertidos en ríos con cualificación de Lugar de Importancia Comunitaria, como o acaecido no río Támega; probas de todoterreos que prexudican gravemente o contorno e que ademais carecen de autorización, como a que tivo lugar en Xinzo de Limia, son só algunhas das agresións ambientais denunciadas por Amigos da Terra nos últimos meses, e que poden considerarse ataques frontais á biodiversidade existente nos hábitats nos que se producen.
De nada serve contar cunha boa lexislación ambiental e moitas figuras de protección, se estas non se respectan e quedan só en papel mollado, e por outra banda preguntámonos, é necesario crear máis leis, se as que temos non se cumpren?
Para Amigos da Terra é esencial que a Administración de exemplo no cumprimento da lexislación ambiental e, así mesmo, consideramos fundamental dar a coñecer esta normativa á cidadanía, para que poda asimilala e defendela socialmente. Neste senso, a educación ambiental xoga un papel primordial para capacitar á acción a unha sociedade necesitada de permanente reflexión.
O antes e o despois da Lagoa de "A Frouxeira"
Este gran reto require do esforzo de todos/as, temos que ser conscientes de que a perda de biodiversidade e irreversible en moitos casos, e que a desaparición de especies pode danar de forma irreparable un ecosistema, provocando un grande impacto sobre a capacidade de supervivencia das restantes especies, incluíndo tamén aos seres humanos.
|














