| Día Mundial dos Océanos |
| Escrito por Montse Fernández |
| Martes, 08 Xuño 2010 14:09 |
|
Hoxe celebramos o Día Mundial dos Océanos, unha data para reflexionar sobre a importancia dos océanos na supervivencia de todos os modos de vida do planeta, así como na responsabilidade e a obriga de todos/as na súa protección.
Desgraciadamente, o estado dos océanos continúa empeorando en proporcións alarmantes, a sobrepesca, o desmesurado crecemento costeiro e a contaminación son unha ameaza para a súa saúde.
Un exemplo claro de contaminación témolo na explosión da plataforma de British Petroleum, que se converteu xa na maior catástrofe na historia da industria petroleira e cuxo impacto ambiental é incuantificable. De feito, estímase que a día de hoxe están saíndo diariamente do pozo 19.000 barrís de petróleo e poderían verse afectadas máis de catrocentas especies de peixes, invertebrados e mamíferos mariños, así como moitísimas máis aves se segue o seu avance á costa.
Así mesmo, estudos recentes afirman que a mancha da superficie do mar representa tan só o 10% de todo o petróleo liberado, xa que factores como as correntes mariñas, a salinidade e os cambios de temperatura, axudan a que o petróleo se combine con outros elementos químicos formando novos compostos que se depositan no fondo do mar ou se evaporan chegando á atmosfera como gases de efecto invernadoiro.
Sen embargo, non temos que cruzar o Atlántico para presenciar vertidos de cru no mar. A ría de Vigo sufre dende o pasado martes os efectos dun derrame de máis de 100 litros de fuel vertidos accidentalmente pola canalización rota da cisterna dunha fábrica de penso animal. Unha escena que recorda á vivida durante o Prestige.
Non obstante, é necesario ter en conta que a contaminación non se reduce unicamente a mareas negras. Os océanos son grandes basureiros de vertidos urbanos, industriais, fertilizantes, insecticidas, radioactividade e metais pesados, entre outros.
Hai outros tipos de contaminación debidos ao tráfico marítimo menos obvios pero que afectan ao medio mariño constantemente e insidiosamente. As emisións atmosféricas do consumo de fuel dos barcos e as lixiviacións tóxicas que se dilúen ao mar das pinturas “antifouling” dos cascos dos barcos, así como os “sentinazos”, que dado o volume e densidade do tráfico marítimo están considerados como mecanismos de contaminación constante de gran relevancia a nivel mundial.
Ademais, compre non esquecer que unha das principais consecuencias das elevadas concentracións de CO2 na atmosfera, causantes do Cambio Climático, é tamén o considerable aumento de CO2 nos océanos (xa que constitúen un sumidoiro natural de CO2). Nun recente documento elaborado pola ONU, coa colaboración do CESIC, destacan que os ecosistemas mariños capturan e almacenan unha cantidade de CO2 equivalente á metade das emisións que o sector do transporte xera cada ano en todo o mundo. Este considerable aumento do CO2 nos océanos, conleva un importante aumento na acidificación dos mesmos co conseguinte problema que isto supón para os múltiples organismos mariños que posúen estruturas calcáreas.
E temos que estar atentos, pois a maiores deste CO2 que se fixa nos océanos de xeito natural, novos proxectos de xeoinxenería (a maioría aínda en fase experimental) que algúns gobernos están a barallar como posibles medidas para facer fronte ao Cambio Climático reducindo o CO2 da atmosfera, contemplan a posibilidade de inxectar CO2 nos fondos oceánicos, sen saberse moi ben cales poden ser as consecuencias e sendo moitos os científicos que alertan dos riscos que poden conlevar estas técnicas.
Por outra banda, a sobreexplotación que sofren na actualidade os océanos é outro dos factores que máis preocupa. A explotación pesqueira é de dúas a tres veces superior do que admite o ritmo de reprodución dos peixes e, ademais, existen ecosistemas enteiros en perigo de extinción, xunto con varias especies de atún, baleas, quenllas, focas e tartarugas mariñas.
A perda global de océanos, como a de mangles ou pradeiras mariñas (o 58% destas atópanse en declive) está a derivar na destrución dos ecosistemas. Os océanos deben ser protexidos, non podemos quedarnos impasibles vendo como novos atentados ambientais os contaminan, debemos ser conscientes de que sen os océanos, a vida non sería posible no noso planeta.
|













