Portada NOVAS Amigos da Terra chama a atención sobre as bandeiras azuis das praias. Negocio encuberto?
Amigos da Terra chama a atención sobre as bandeiras azuis das praias. Negocio encuberto?
Escrito por Montse Fernández   
Xoves, 10 Xuño 2010 08:35
Chuza!DoMelhorLa TafaneraAupatuMenéameTuentiBuzzFacebookTwitter

bandera_azul_2010

Dende Amigos da Terra preguntámonos quen financia as bandeiras azuis? Quen as avala? Quen as controla? Como é posible que, Galicia en xeral, reiteradamente denunciada pola Unión Europea, pola contaminación do seu litoral, a súa deficiente depuración, e o seu urbanismo desproporcionado teña cada verán máis bandeiras azuis nas súas praias? Como se explica esta evidente contradición?

 

Cada ano, coa proximidade da época estival, todos os medios de comunicación fanse eco das praias galardoadas coas bandeiras azuis, un distintivo que premia aos areais e portos con “maior calidade ambiental”. Un galardón outorgado, previa solicitude dos concellos, pola Fundación Europea de Educación Ambiental (FEE), entidade privada da que se coñece pouco máis que dar estas coñecidas condecoracións, e cuxa representante en España é a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC).

 

Un detalle que adoita pasar desapercibido entre os/as cidadáns/as, é que as bandeiras azuis, orixinalmente, lucían as estrelas da Unión Europea (coñecíanse como "bandeiras azuis europeas"), pero dende hai anos non inclúen ese distintivo oficial. A Unión Europea retirou hai unha década o seu apoio a esta iniciativa, segundo expresou con toda claridade a entón comisaria de medio ambiente Margaret Wallstrom, “polo escaso rigor da súa concesión e dos seus mecanismos de control". As bandeiras azuis son concedidas dende entón por ADEAC, que se declara "sen ánimo de lucro", carecendo de respaldo e aval oficial algún por parte da Unión Europea.

 

Os concellos, a través das bandeiras azuis, pretenden “vendernos a moto” de que as súas praias cumpren tódolos criterios ambientais e gozan de ecosistemas ben conservados. Algo moi lonxe da realidade, posto que os criterios baséanse principalmente na calidade da auga para o baño e os servizos cos que conte a praia. É dicir, “unha praia pode estar contaminada con metais pesados, pero se as análises din que é apta para o baño e conta con moitos servizos, recibe a súa bandeira azul sen máis miramentos”.


Un exemplo moi claro o atopamos en Vigo, como pode ser que a Unión Europea anuncie unha sanción multimillonaria ao Concello polos vertidos contaminantes á Ría e as deficiencias na súa rede de saneamento e depuración, e por outro lado, reciba 8 bandeiras azuis este ano?


Ademais, segundo as normas, as análises das augas teñen que estar expostas ao público na praia e renovarse cada semana, algo que se incumpre sistemáticamente. E por outra banda, estas análises, son realizadas polos propios concellos promotores ou as comunidades. A asociación que concede as bandeiras azuis non realiza análises propias de contraste para comprobar a veracidade dos datos que achegan os concellos.

 

Por iso, cada vez son máis os concellos que deixan de pedir este distintivo. O último caso o temos en Nigrán, concello que rexeita a bandeira azul dunha das súas praias, pola sospeita de que tras a retirada de outras dúas bandeiras, atópanse outras razóns, que non atenden aos criterios que expón a FEE.


Obtén a devandita asociación algún diñeiro proporcional ao número de bandeiras azuis que se conceden? Canto lle custa, directa e indirectamente, a un concello cada bandeira? Cantos euros, seguramente moi xustificados, ingresa ADEAC por cada bandeira concedida?. Descoñecemos estes datos.

 

Para nós é importante non confundir aos cidadáns, “ver unha bandeira azul nunha praia indícalle aos visitantes que se atopan nun lugar urbanizado, nunca nun paraíso natural, pois moitas veces esa bandeira representa a escusa e coartada perfecta para xustificar o proceso destrutivo de urbanizar as costas. Dende o punto de vista estritamente ecolóxico as mellores praias galegas nunca terán unha bandeira azul, pero moitas das peores, dende ese punto de vista si."

 

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Engadir un comentario

Se aos teus comentarios queres engadir videos de YouTube, preme no botón YouTube e pega a URL do video.


Código de seguridade
Recarregar

Asociación Amigos da Terra
Plataforma Galega Antitransxénicos
Somos Amigos de la Tierra
UsaR y no tiRaR

Facer unha doazón

Coa túa doazón tamén axudas a manter vivo este proxecto. Grazas!

Tipo de Doazón:
  Única Única
Moeda:
 EUR
Cantidade:
Amigos da Terra - Tel. 988 374318 · Fax. 988 511020 - Rúa da Concordia, 20 - 2º Esq. 32003 Ourense. Aviso Legal.
Este sitio esta feito con Joomla e SiteGround. Versión en galego de Joomla 1.5 facilitada pola CiberIrmandade da Fala. Joomla é Software Libre baixo licencia GNU/GPL.

Sitio web en galego subvencionado por Presidencia - Secretaría Xeral de Política Linguística.