| 377 puntos de vertido detectados no río Lagares |
| Escrito por Montse Fernández |
| Luns, 25 Abril 2011 08:51 |
|
Outro gran misterio sen resolver son as cantidades e calidades dos vertidos das máis de 154 empresas conectadas, polo menos oficialmente, á rede de saneamento, especialmente das 32 que o propio Concello declara eufemisticamente que se atopan en "situación irregular".
O seguinte misterio son os datos concretos dos análises dos vertidos da actual depuradora, información de alto secreto pero que nos custará moi previsiblemente dentro de catro anos unha sanción coercitiva da Unión Europea que pode chegar a 600.000 euros/día. Seguramente eses datos se atopan no informe municipal sobre o estado do Lagares, moi anunciado, pero nunca presentado, e reiteradamente solicitado sen éxito ao Concello por Amigos da Terra.
Un caso máis das permanentes trabas e dilacións do Concello para non cumprir a Lei 27/2006 que garante o acceso dos cidadáns á información ambiental, característico do absoluto oscurantismo informativo en materia medioambiental que leva sendo costume no Concello de Vigo tanto con este goberno municipal como cos seus predecesores.
Por outra banda, o espazo máis fráxil do contorno do Lagares (o bosque de ribeira do río Eifonso) que debería ser preservado estritamente dun exceso de presión humana, segue padecendo as multitudinarias invasións do club de sendeirismo da Concelleira de Medio Ambiente.
Tanto o Concello de Vigo como a Xunta de Galicia envían unha mensaxe clara: cando hai que presumir dalgunha boa nova todas as administracións loitan por adxudicarse as competencias, pero ante un problema, o río sempre e responsabilidade de outros. Os vertidos ao Lagares, especialmente os derivados da rede pública e continuados durante décadas, seguen producíndose case diariamente e quedando impunes goberne quen goberne. |












