| Amigos da Terra avalía as propostas medioambientais dos programas electorais en Vigo e Ourense |
| Escrito por Montse Fernández |
| Venres, 20 Maio 2011 10:57 |
|
PP, PSOE e BNG acórdanse, outra vez, das zonas verdes, dos espazos forestais e dos parques, dos carriles-bici, da potenciación do transporte público, das medidas contra incendios, das depuradoras, da falta de saneamento do Miño, dos continuos vertidos ao Lagares e ao Barbaña, da contaminación da ría de Vigo, dos recheos, da ordenación do litoral, da protección do patrimonio natural, das medidas de redución de residuos sólidos urbanos (RSU), do aforro enerxético e uso racional da auga, e algúns incluso, da contaminación atmosférica e do cambio climático.
As propostas volven a ser aumentar as zonas verdes, potenciar e aumentar os parques forestais, levar a cabo un plan de mobilidade sustentable (instalando moito carril-bici, aumentando a frecuencia e a rede de transporte público, e incluso, un tranvía urbano no caso de Ourense). Tamén, a construción das novas depuradoras, completar a rede de saneamento, recuperar o Lagares e o Barbaña, coidar a ría de Vigo e o río Miño, e algunha tímida medida sobre enerxías renovables, consumo responsable e compostaxe. E no caso concreto da cidade de Vigo, renunciar a novos recheos en (salvo que non quede máis remedio), poñer ou mover novos paseos marítimos e "rexenerar" as praias.
O seu concepto do medio ambiente se restrinxe case sempre ao medio natural e este a súa valoración estética. As grandes propostas, sempre xenéricas, son moitas veces simples declaracións de intencións, posto que a maioría das competencias en materia de saneamento, conservación da biodiversidade, depuración da ría de Vigo, e xestión do litoral e da conca Miño-Sil, etc. corresponden á Xunta de Galicia e ao goberno central.
En xeral, existe unha seria contradición entre as propostas para unha cidade sostible e as moi insostibles medidas do resto de apartados. Os partidos están lonxe de comprender e asumir a importancia e complexidade da crise ambiental (previa e máis grave que a económica) nin a súa transcendencia real, esquecendo algo tan simple como que nada é posible (nin emprego, nin economía, nin urbanismo, sanidade, cultura, educación etc) sen garantir un entorno que permita a continuidade da vida. Parecen seguir considerando o coidado do medio ambiente como un obstáculo para o progreso, e esquecen que non existe progreso algún posible sen ese medio, por certo, o eido con maior potencial de xeración de emprego.
Para Amigos da Terra, non deixa de ser paradoxal que non apareza unha aposta decidida pola enerxía Solar nos programas duns partidos que en materia ambiental aportan pouco máis que brinde ao Sol.
Amigos da Terra ofrecerá aos seguintes gobernos municipais de Vigo e Ourense a súa colaboración, con ánimo construtivo, pero tamén desde a absoluta independencia política, sen servilismo e cun comprometido espírito crítico. |

Basicamente, os tres partidos maioritarios que aspiran ao goberno en ambas as dúas cidades fan un diagnóstico correcto dos problemas ambientais destas urbes galegas, que seguen sendo os mesmos que nas eleccións de 2007, que a súa vez foron os mesmos que nas de 2003, 1999... e así sucesivamente. Os partidos políticos coñecen os efectos, pero erran nas medidas de fondo para corrixir as causas, e non cuestionan o modelo socioeconómico que xera ditos problemas a nivel global e local.










Comentarios
Creo que o PEPEROLO quere meter non sei que incineradora industrial na provincia de ourense e meter 800.000 tons de lixo
Suscrición de novas RSS pra comentarios desta entrada.