| Freemos a perda de biodiversidade! |
| Escrito por Montse Fernández |
| Luns, 23 Maio 2011 12:55 |
|
Cada 22 de maio celébrase o Día Internacional da Biodiversidade, despois de que no ano 1992 a Asemblea da Organización das Nacións Unidas, declarase esta data como conmemoración da firma da Convención Internacional sobre Diversidade Biolóxica en Nairobi. Este ano, a celebración coincide ademais co Ano Internacional dos Bosques, declarado co obxectivo de educar á comunidade global sobre o valor dos bosques e os altos custos sociais, económicos e ambientais de perdelos.
Os bosques conteñen algúns dos ecosistemas máis vibrantes do noso planeta. Eles son o fogar dunha variedade marabillosa de aves, animais, insectos e plantas e son vitais para a saúde e o benestar das persoas.
Galicia conta cunha superficie forestal arborada de máis de 1.400.000 hectáreas, o que representa o 48% de todo o territorio, cifra que se eleva ata case o 69% se temos en conta o monte desarborado; ademais de ter unha grande abundancia de hábitats naturais e seminaturais (esteiros, dunas, fondos mariños, lagoas, ríos, hábitats de montaña, campiñas, matogueiras), etc.
Non obstante, o cambio climático, os incendios forestais e a acción do home está a afectar moito aos diferentes ecosistemas galegos, polo que é moi probable que nos próximos anos perdamos pezas clave da biodiversidade galega, tanto no referente a especies coma en hábitats.
Dende Amigos da Terra consideramos fundamental para frear a perda de biodiversidade, que se protexan como é debido, os espazos incluídos en Rede Natura 2000, obxecto frecuente de especulación, novos encoros, estradas, canteiras, etc., así como a aprobación dun Plan forestal, que aposte pola recuperación do bosque atlántico e as árbores autóctonas, e mellore os sistemas de prevención e loita contra os incendios. Por outra banda, consideramos primordial o cumprimento real da lexislación ambiental existente e a participación activa dos axentes implicados (ecoloxistas, comunidades de montes, etc.)
Temos que ser conscientes de que a perda de biodiversidade é irreversible en moitos casos, e que a desaparición de especies pode danar de forma irreparable un ecosistema. |












