| O escaso rigor das bandeiras azuis |
| Escrito por Montse Fernández |
| Xoves, 26 Maio 2011 17:20 |
|
Como cada ano, xa coñecemos o número de areais galegos galardoados coas bandeiras azuis, un premio outorgado, previa solicitude dos concellos, pola Fundación Europea de Educación Ambiental (FEE), entidade privada da que se coñece pouco máis que dar estas coñecidas condecoracións, e cuxa representante en España é a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC).
Para a asociación ecoloxista, os concellos, a través das bandeiras azuis, pretenden facernos crer que as súas praias cumpren todos os criterios ambientais e gozan de ecosistemas ben conservados. Pero é necesario que ter presente que estes criterios baséanse principalmente, na calidade da auga para o baño e os servizos cos que conte a praia, o que significa que unha praia pode estar contaminada con metais pesados, pero recibir a bandeira azul se as análises din que é apta para o baño e conta con moitos servizos. Para Amigos da Terra resulta moi contraditorio, por exemplo, que a provincia de Pontevedra consiga 63 bandeiras azuis, o maior número de Galicia, cando as rías de Arousa e Vigo soportan a terceira parte dos vertidos detectados nas rías galegas, segundo datos de Augas de Galicia.
Así mesmo, un detalle que adoita pasar desapercibido entre os cidadáns, é que as bandeiras azuis, orixinalmente, lucían as estrelas da Unión Europea (coñecíanse como "bandeiras azuis europeas"), pero dende hai anos non inclúen ese distintivo oficial. A Unión Europea retirou hai unha década o seu apoio a esta iniciativa, segundo expresou con toda claridade a entón comisaria de medio ambiente Margaret Wallstrom, "polo escaso rigor da súa concesión e dos seus mecanismos de control". As bandeiras azuis son concedidas dende entón por ADEAC, que se declara "sen ánimo de lucro", carecendo de respaldo e aval oficial algún por parte da Unión Europea.
Por outra banda, as análises das augas teñen que estar expostas ao público na praia e renovarse cada semana, algo que se incumpre sistematicamente. Ademais, estas análises son realizadas polos propios concellos promotores ou as comunidades, a asociación que concede as bandeiras azuis non realiza análises propias de contraste para comprobar a veracidade dos datos que achegan os concellos.
Para a asociación galega é importante non confundir aos cidadáns, posto que unha praia con bandeira azul non ten porqué ser un paraíso natural, o distintivo indica que se atopan en un lugar urbanizado, e moitas veces é a escusa perfecta para xustificar o proceso destrutivo de urbanizar as costas. |

Amigos da Terra pregúntase quen avala as bandeiras azuis?, quen as controla?, como é posible que a comunidade galega, reiteradamente denunciada pola Unión Europea, pola contaminación do seu litoral, a súa deficiente depuración, e o seu urbanismo desproporcionado repita ano tras ano, como líder en número de bandeiras azuis en España. É importante ter presente que os criterios para conceder as bandeiras baséanse nos servizos cos que conte a praia e na calidade da auga para o baño unicamente.









