| Polo día Mundial dos Océanos, Amigos da Terra demanda a mellora da súa xestión ambiental |
| Escrito por Suso Iglesias Rodríguez |
| Martes, 07 Xuño 2011 11:22 |
|
Amigos da Terra aproveita o día mundial dos océanos que se celebra hoxe mércores, para demandar a necesidade de maiores compromisos na xestión ambiental dos océanos pola súa riqueza, non só ambiental, senón tamén social.
"Os Nosos Oceanos: Por un futuro verde", con este significativo nome lanza a ONU este 8 de xuño a conmemoración do día mundial dos océanos, efemeride que dende a súa resolución 66/111 en decembro do 2008 decidiuse establecer neste día.
Como moitos dos textos da Organización das Nacións Unidas pasa por encima de case toda a problemática nos océanos, sen apuntar responsabilidades nin pedir ferramentas para mudar os usos e en especial os abusos que estamos a cometer o ser humán sobre os océanos.
No texto da ONU fala, por exemplo, de que os océanos son os "pulmóns do planeta, fonte de alimentos e medicamentos e unha parte crítica da biosfera"1.
Pero cales son eses perigos para os nosos océanos? As actividades do ser humano están producindo cambios en todas as características dos océanos. Nas cualidades fisico-químicas da auga dos oceanos, non só coas consecuencias directas do cambio climático e aumento da temperatura media da auga, con consecuencias como o blanqueamento e morte dos corais e outras especies. Senón que tamén con alteracións menos visibles como é a absorción por parte dos océanos de cada vez máis e máis CO2, un dos máis fortes gases de efecto invernadeiro que está ligado á queima de combustibles fósiles; esta absorción dunha maior cantidade de CO2 provoca unha acidificación do medio o que xa está afectando as poboacións mariñas e de seguir o mesmo ritmo de recepción de CO2 por parte dos océanos vai provocar un cambio irreversible nos ecosistemas mariños tal e como os coñecemos xa que os organismos calcificadores, é dicir, que forman as súas estructuras acumulando Carbonato Cálcico xa non poderán facelo porque nun medio ácido estes elementos precipitan e non poden ser empregados polos organismos para facer, por exemplo, a súa concha.
Todo isto foi denunciado, e feito público por 155 científicos no 2008, na reunión de Mónaco, pondo como primeiro factor deste aumento de CO2 na atmosfera a queima de combustibles fósiles2. Unha actividade que ameaza a vida nos océanos é a sobreexplotación pesqueira, nos últimos cincuenta anos a industrialización do sector estractivo fixo que un tercio das pesquerías tradicionais, como bacallao ou anchoa viran as súas poboacións mermadas e mesmo extinguidas. O 90 por cento dos grandes predadores mariños como atúns, tabeiróns ou meros xa foron eliminados. De seguir con esta dinámica, que ningún país ribereño está disposto a mudar, prevese que no 2048 o total das pesquerías de todos os océanos estarán colapsadas3, é dicir aínda que sobrevivan especímenes a súa cantidade non soportaría máis extracións.
Esto conleva non só unha cuestión ecolóxica coa perda de biodiversidade, senón que tamén unha problemática social asociada, xa que os países empobrecidos do sur non poden acceder aos seus recursos pesqueiros tradicionais, que son sobreexplotados por multinacionais dos países enriquecidos do norte, obrigando a estas poboacións a abandonar o seu xeito de vida tradicional.
Así que temos un escenario cuns océanos acidificados e cunha considerable baixada no número e diversidade de especies, e por se todo isto fora pouco desgraciadamente os océanos son ricos. Distintas áreas do subsolo dos océanos é rico en recursos naturais, como o petróleo, que xa se está extraendo a altas profundidades en diversos puntos do planeta. Esta extracción vai acompañada irremediablemente a bolsas de metano que están asociadas ao petróleo no fondo mariño, como sucedeu recentemente no Golfo de México coa posterior marea negra que sendo un perigo real, parecía impredecible 4.
Que podemos facer? Galicia pode asemellar que segue a vivir de cara ao mar coma en tempos pasados, pero nada máis lonxe da realidade, vivimos do mar si, pero de costas a el, evitando calquera posible alteración nos nosos hábitos e costumes. Ante todo, como cidadáns debemos tomar conciencia do problema global ao que se enfrontan os oceanos, que é algo real e que xa está sucedendo. Dende os nosos hábitos diarios de consumos podemos aportar unhas gotas para facer un novo océano. É preciso crear un espíritu crítico cos usos e abusos que facemos dos nosos océanos, comezando polo litoral e rematando nas profundas fosas avisais. Coma asociación, Amigos da Terra debe divulgar o que está sucedendo nos océanos do mundo, facer cumplir a normativa vixente sobre protección dos océanos e promover novas ferramentas lexislativas que vaian encamiñadas a mudar o escenario actual, así como prestar o noso apoio a organizacións que específicamente loitan neste ámbito 4,5.
Só así poderemos parar a perda dos océanos tal e como os coñecemos hoxe.
Para saber máis: 1Declaración da ONU sobre o día mundial dos océanos. 2Sobre a acidificación do océano, congreso científico de Mónaco. 4 Oceana: visión sobre explotacións petrolíferas en alta mar. |











