| Amigos da Terra comeza unha nova edición do programa educativo “A Aposta en Fogares” |
| Escrito por Montse Fernández |
| Mércores, 21 Outubro 2009 09:51 |
|
Amigos da Terra colabora cas Concellerías de Medio Ambiente dos Concellos de Cuntis e Caldas de Reis na posta en marcha nestes municipios do programa A Aposta en Fogares 2009/2010, unha campaña de Educación Ambiental fronte o Cambio Climático, baseada na redución do consumo de enerxía, auga e transporte a nivel doméstico a través de pequenos xestos diarios.
O programa da comezo esta semana con dúas charlas informativas que terán lugar, hoxe, mércores 21, no Concello de Caldas de Reis (no Auditorio Municipal) e mañá, xoves 22 no Concello de Cuntis (na Casa da Cultura), ámbalas dúas ás 20 horas do serán.
O reto plantexado por este programa é que entre tódolos participantes de cada concello acaden unha redución de como mínimo un 5% (como establece o protocolo de Quioto) nas súas emisións de CO2 , o cal se verá reflectido nas súas facturas de auga e electricidade, todo isto seguindo sinxelos consellos.
Este proxecto, no que participarán 40 fogares de cada concello durante un ano, consta dunha fase formativa que se iniciará nas próximas semanas, e unha fase práctica na que os técnicos de Amigos da Terra visitarán a cada unha das familias participantes para axudarlles e así mesmo facer un seguimento técnico do programa.
O único requisito para formar parte do mesmo, é ser veciño/a dos Concellos de Cuntis ou Caldas de Reis, e estar disposto e motivado a formar parte deste proxecto educativo e formativo.
O proxecto está cofinanciado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e polo Núcleo de Sostibilidade de Cuntis e a Concellería de Medio Ambiente do Concello de Caldas de Reis.
Máis información
|




