| Da comezo A Aposta en Fogares 2009/2010 |
| Escrito por Montse Fernández |
| Xoves, 05 Novembro 2009 18:38 |
|
Amigos da Terra pon en marcha o programa de educación ambiental A Aposta En Fogares 2009/2010 destinada aos fogares galegos, co reto de acadar o 5% de aforro en Enerxía, Auga e Transporte respecto ao consumido no ano anterior.
Este programa está integrado nunha rede estatal (Hogares Verdes) onde Amigos da Terra xunto a outras entidades de diferentes comunidades autónomas pretenden reunir un total de 350 fogares voluntarios que estean dispostos a aceptar o reto. Hoxe comeza en Cuntis e mañá en Caldas de Reis con 40 fogares voluntarios en cada un destes concellos. Cada casa realizará un sinxelo control de consumos a medida que van aplicando consellos de aforro de enerxía que desde Amigos da Terra lles facilitaremos. Este seguimento axudaranos a saber como diminúen os consumos nos nosos fogares.
Amigos da Terra facilita aos protagonistas desta experiencia:
- Un manual de consellos e recomendacións de aforro e eficiencia enerxética no fogar. - Tres obradoiros básicos para a aprendizaxe da aplicación destes consellos, ademais de aclarar as dúbidas técnicas e os detalles do funcionamento do programa. - Atención personalizada aos fogares voluntarios - Un pack de aforro enerxético con perlizadores e redutores de caudal para as billas, lámpadas de baixo consumo, un termómetro e unha regleta con interruptor e un reloxo de area (controlador de tempo para ducha).
O obxectivo deste tipo de experiencias é observar o comportamento dos fogares participantes, e extraer conclusións que poidan axudar a aforrar enerxía e auga.
A Aposta en Fogares en ámbolos dous concellos está cofinanciado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e máis por cada un dos concellos implicados, no caso de Caldas de Reis financia a Concellería de Medio Ambiente e no caso de Cuntis o Núcleo de Sostibilidade.
Motivos para actuar A Estratexia Española de Cambio Climático e Enerxía Limpa Horizonte 2008-2012, contempla o sector residencial e o transporte, dentro dos sectores difusos, remarcando que estes sectores deben realizar un importante esforzo de redución das súas emisións. As emisións históricas totais de GEI e as correspondentes aos sectores difusos, así como as súas proxeccións respectivas, presentan unha tendencia ascendente aloxándose do obxectivo de Quioto.
En canto aos sectores difusos, estes acadan un crecemento medio no quinquenio 2008-2012 do 65% respecto ás emisións destes sectores no ano base. Conseguir o aumento do potencial de redución dos sectores difusos resulta determinante para acadar o obxectivo fixado por España no Protocolo de Quioto.
O sector doméstico ten un impacto directo polo consumo de recursos naturais, incluíndo auga e enerxía, xeración de residuos e emisións de gases contaminantes á atmosfera. O sector consumiu o 21,5 % do consumo eléctrico galego. No ano 2002 o consumo de enerxía final dos fogares foi atribuíble á calefacción (40,4% do consumo total), seguido pola auga quente (26,9%), electrodomésticos (12,0%), cociña de alimentos (11,6) e iluminación (8,7%). Tamén comezouse a considerar o consumo polo uso do aire acondicionado (0,4%).
Como consumidores finais, as vivendas, ou o sector doméstico, teñen unha grande responsabilidade na degradación ambiental do planeta e unha enorme capacidade para cambiar os procesos produtivos a través da selección da demanda de bens e servizos. As eleccións feitas polos cidadás á hora de comprar, como a maneira que estes xestionen os seus fogares, pode ter unha influencia ambiental moi significante, tanto directa como de xeito indirecto.
O sector do transporte consume case a metade das enerxías fósiles, sendo o responsable do 23% das emisións de gases efecto invernadoiro en Galicia. O abuso xeneralizado do automóbil está tendo repercusións directas sobre a saúde pública: accidentes de tráfico (máis de 1.2 millóns de persoas no mundo), sedentarismo, problemas respiratorios, estrés... O coche, ademais de consumir unha grande cantidade de enerxías non renovables, e ser a causa principal de contaminación atmosférica, supedita o espazo urbano de maneira que o 40% deste espazo está ocupado polas infraestruturas para o automóbil. |





