| As organizacións ecoloxistas piden ao goberno un maior compromiso en Copenhaguen |
| Escrito por Montse Fernández |
| Xoves, 10 Decembro 2009 15:26 |
|
Amigos da Terra xunto con outras asociacións ecoloxistas proporán, mediante unha resolución, a postura que debería defender o Goberno español na importante cita danesa, esencial para a supervivencia de millóns de habitantes en todo o planeta, na reunión do Consello Asesor de Medio Ambiente (CAMA) que se celebra hoxe.
A UE debe dar mostras do seu liderado climático e asumir obxectivos de redución de emisións ambiciosas, aliñados coa ciencia climática, ao mesmo tempo que ofrecer o apoio financeiro necesario para a loita internacional contra o cambio climático. Neste senso, desde o Consello Asesor de Medio Ambiente demándase aos xefes de Estado e de Goberno, e en especial ao presidente español Rodríguez Zapatero, que impulsen un acordo que inclúa as seguintes formulacións:
1) Acordar un obxectivo europeo de redución de emisións aliñadas cos datos científicos. Neste senso, cómpre que a UE apoie un obxectivo de redución de emisións do 40% no 2020, tomando como base os niveis de 1990. A UE debe acadar un compromiso de redución de, polo menos, un 30% incondicional porque, como se puxo de manifesto, o obxectivo da UE do 20% non é suficiente para evitar que o aumento da temperatura global alcance os 2ºC.
2) Ofrecer o apoio financeiro necesario para loitar contra o cambio climático nos países que non son responsables históricos do cambio climático. Os responsables históricos deben achegar fondos públicos por valor de 110.000 millóns de euros ao ano para 2020, aos que a UE debería contribuír cuns 35.000 millóns, para que o resto de países sexan capaces de reducir a deforestación, adaptarse aos efectos do cambio climático e abordar a transición cara a tecnoloxías limpas que lles permita desviarse entre un 15 e un 30% do seu ritmo de crecemento de emisións. Estes fondos deben ser adicionais aos compromisos de Axuda Oficial ao Desenvolvemento, estar coordinados por un mecanismo internacional baixo a supervisión do Convenio Marco de Nacións Unidas sobre Cambio Climático e empezar a crearse progresivamente.
3) Apoiar un mecanismo efectivo de redución das emisións derivadas da deforestación e a degradación dos bosques. Cómpre crear un fondo global para os bosques con fondos públicos por valor de, como mínimo, 30.000 millóns de euros anuais para 2020, que priorice a protección dos bosques naturais intactos, exclúa das actividades susceptibles de recibir fondos aquelas relacionadas coa industria forestal e non contemple a inclusión das actividades subvencionadas nos mercados de carbono. Este fondo, débese contemplar como a devolución da débeda ecolóxica que os responsables históricos temos contraída co resto do planeta, e non como un mecanismo de “pagar para non contaminar”.
4) Evitar a tentación de incluír LULUCF dentro dos compromisos de redución de emisións. España debe abandonar a postura que busca magnificar o papel dos bosques españois como sumidoiros de carbono. As regras do LULUCF non poden servir para xerar créditos que supoñan unha redución do esforzo para reducir as emisións pola queima de combustibles fósiles. Todos os créditos xerados por LULUCF deben contabilizarse como adicionais, e como resultado de novas políticas e medidas específicas.
5) Apoiar o mantemento do protocolo baixo o Convenio Marco de Nacións Unidas sobre Cambio Climático e o establecemento de períodos de cumprimento quinquenal. Mediante o mantemento do protocolo baixo o Convenio (CMNUCC) conseguiríase garantir a existencia de compromisos de obrigado cumprimento para todos os países do actual Protocolo de Quioto, incluíndo, nesta ocasión, a Estados Unidos. A través do establecemento de períodos de cumprimento quinquenal, sería posible adaptar os compromisos de redución de emisións a medida que vaia actualizándose o consenso científico en materia de cambio climático.
|





