Portada NOVAS Amigos da Terra chama á acción de todas e todos no Día Mundial da Eficiencia Enerxética
Amigos da Terra chama á acción de todas e todos no Día Mundial da Eficiencia Enerxética
Escrito por Montse Fernández   
Venres, 05 Marzo 2010 10:17
Chuza!DoMelhorLa TafaneraAupatuMenéameTuentiBuzzFacebookTwitter

eficiencia__edificios

Hoxe celébrase o Día Internacional da Eficiencia Enerxética, unha data para reflexionar sobre os hábitos da cidadanía fronte ao uso sostible e racional da enerxía e para reclamar un maior compromiso de empresas, institucións e gobernos coa redución e a utilización de enerxías renovables.

 

A eficiencia enerxética pode definirse coma a relación entre a cantidade de enerxía consumida e os produtos e servizos finais obtidos. Pode mellorarse mediante a implantación de diversas medidas e inversións a nivel tecnolóxico, de xestión e de hábitos de consumo da sociedade.

 

Quizais agora, tralo fracaso do cumio de Copenhague, os gobernos aposten polas melloras na eficiencia enerxética, expoñéndoas como unha das políticas de freo para o cambio climático e para a consecución de sociedades sostibles, xunto co desenvolvemento de enerxías renovables e unha política de transportes menos agresiva co medio.

 

O que é evidente, é que para poder poñerlle freo ao Cambio Climático é necesario tomar estas medidas, pero van a ser necesarias moitas máis medidas, para cumprir coas reducións de emisións de gases de efecto invernadoiro precisas para que o cambio climático non se agrave. Ademais, temos que ter en conta, que máis dun 40% da redución necesaria para baixar á metade as emisións de gases de efecto invernadoiro en 2050 respecto de 2005, provén da mellora da eficiencia enerxética.

 

Moitos dos aparellos que empregamos a cotián son auténticos despilfarradores de enerxía, consumindo moita máis da que finalmente nos chega a nós. Non debemos deixar de esixir aos fabricantes que aposten por unha mellora na eficiencia tanto nos procesos enerxéticos en si mesmos, coma nos aparellos dos que logo nós faremos uso (electrodomésticos, coches,etc..). Todo isto tamén significa, apostar en primeiro lugar pola redución de enerxía e despois pola mellora dos procesos, a reutilización, a reciclaxe e a reorientación da produción cara a produtos menos intensivos en enerxía, con maior valor engadido, menos contaminantes, xeradores de emprego e socialmente útiles.


eficiencia_energetica_estam

 

Os/as consumidores/as, podemos mellorar a eficiencia enerxética dos nosos fogares aplicando unha serie de pequenas medidas no referente ao uso racional da calefacción, os electrodomésticos do fogar, etc...

 

Un xeito eficiente de reducir o consumo de luz, consiste na utilización de lámpadas de baixo consumo, que aínda que son máis caras que as convencionais, terminan sendo amortizadas en lugares onde se vaian a utilizar frecuentemente. E tamén, no mesmo momento da compra, ao elixir electrodomésticos con etiquetas de eficiencia enerxética o máis próximas á letra A.

 

No caso do transporte, o sector no que máis aumentaron as emisións nos últimos anos, vemos necesario que as administracións, fomenten programas de mobilidade sustentable (mellora da calidade dos servizos de transportes públicos, préstamo de bicicletas, máis carril bici nas cidades,etc...)

 

Así mesmo, é fundamental a aprobación dunha lexislación que obrigue aos fabricantes a construír coches máis eficientes no consumo de combustibles. A este respecto, Amigos da Terra sumouse á campaña europea “Baixalle os fumes aos coches”, na que tamén ti podes participar, e coa que se reclama que os fabricantes tomen medidas firmes para levar a cabo ditas melloras na eficiencia dos vehículos. E por suposto, no caso de ter que coller o coche, cada un de nós podemos contribuír a reducir o consumo enerxético levando a cabo unha condución eficiente (mantendo unha velocidade moderada, con marchas largas, sen aceleracións bruscas...).

 

Facer un uso racional da enerxía non significa prescindir do confort do que gozamos na actualidade, senón usar e producir a nosa enerxía moito máis eficientemente, para evitar as perdas enerxéticas que se producen no actual sistema e, aumentar o uso de enerxías renovables como a biomasa, a auga, o vento e o sol.

 

Un exemplo de todo isto, podémolo ver en As Corcerizas. O centro é pioneiro en Galicia e referente a nivel estatal no uso das enerxías renovables para o seu autoabastecemento, no eido da bioconstrucción, e no tratamento alternativo dos residuos, funcionando á perfección en situacións extremas, tal e como se puido comprobar, cando o temporal de neve deixou illados a moitos pobos galegos, mentres que no centro non tiveron ningún problema de abastecemento.

 

Merece a pena dedicar o máximo esforzo a mellorar a eficiencia enerxética da nosa sociedade, reducindo ao máximo o noso consumo enerxético, xa que constitúe unha acción vital para loitar contra o cambio climático dunha forma rendible.

 

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Engadir un comentario

Se aos teus comentarios queres engadir videos de YouTube, preme no botón YouTube e pega a URL do video.


Código de seguridade
Recarregar

área de Cambio Climático

Facer unha doazón

Coa túa doazón tamén axudas a manter vivo este proxecto. Grazas!

Tipo de Doazón:
  Única Única
Moeda:
 EUR
Cantidade:
Amigos da Terra - Tel. 988 374318 · Fax. 988 511020 - Rúa da Concordia, 20 - 2º Esq. 32003 Ourense. Aviso Legal.
Este sitio esta feito con Joomla e SiteGround. Versión en galego de Joomla 1.5 facilitada pola CiberIrmandade da Fala. Joomla é Software Libre baixo licencia GNU/GPL.

Sitio web en galego subvencionado por Presidencia - Secretaría Xeral de Política Linguística.