| Amigos de la Tierra esixe a Europa a aposta polo 30% de redución de emisións |
| Escrito por Montse Fernández |
| Xoves, 27 Maio 2010 16:13 |
|
Amigos de la Tierra Europa acolleu ben o informe da Comisión Europea sobre o impacto dun recorte máis ambicioso de emisións de gases de efecto invernadoiro en Europa.
A organización advertiu non obstante que a Unión Europea debe levar o obxectivo ao 40% de redución para 2020 e deixar de recorrer ao comercio de carbono como solución á crise climática.
O estudo da UE publicado hoxe recoñece a necesidade de reducir entre un 25% e un 40% as emisións en 2020 para ter posibilidades de manter a temperatura do planeta a niveis razoables. Ata agora non houbo vontade política de incrementar o obxectivo deficiente do 20% proposto en Copenhague, polo que a proposta da Comisión supón unha importante contribución para superar o bloqueo das negociacións internacionais.
David Heller, coordinador de Xustiza Climática e Enerxía de Amigos de la Tierra Europa declarou que "Connie Hedegaard deu un primeiro paso, aínda que é insuficiente. Se se aproba o obxectivo do 30% estaremos máis preto do 40% que nos permitirá evitar as peores consecuencias do cambio climático. Non só é un obxectivo asumible senón que ademais é necesario. Os gobernos europeos deben actuar xa para recortar as emisións nacionais sen recorrer a sistemas de compensación como o Mecanismo de Desenvolvemento Limpo, que non contribúen a reducir as emisións nin a crear emprego en Europa,".
"O obxectivo do 20% para a redución de emisións proposto no último cumio era inservible para frear o cambio climático. Esperamos que a UE cumpra con esta nova proposta, e garanta e ofreza as ferramentas para que os estados membro poidan poñelo en práctica e reduzan as súas emisións", sinalou Alejandro González, responsable de Cambio climático e Enerxía de Amigos de la Tierra.
O comunicado da Comisión, que foi amplamente difundido, xa foi atacado por grupos industriais que ven os obxectivos de redución moi ambiciosos, e os consideran como unha ameaza á competitividade, a pesar das oportunidades económicas e do emprego que supón o crecemento verde.
En realidade, a crise financeira significa que o 20% de redución se alcanzaría doadamente coa tendencia actual, polo que existe un risco real de que non se fagan verdadeiros esforzos de recortes de emisións.
|





