| Unha solución real para o cambio climático en España: unha lei de reducións anuais |
| Escrito por Angel Dorrio |
| Xoves, 29 Xullo 2010 19:12 |
|
Amigos de la Tierra presenta o informe "Oportunidades para unha Lei de Cambio climático en España baseada en orzamentos de carbono"
Amigos de la Tierra presentou hoxe o seu informe "Oportunidades para unha Lei de Cambio climático en España baseada en orzamentos de carbono", elaborado co apoio técnico dunha consultora especializada. Neste documento exponse a vantaxe, á vez que a necesidade, da implantación dunha lei transversal de cambio climático para que España reduza, de forma segura e planificada, as súas emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI). Demostra ademais que os orzamentos de carbono e os proxectos domésticos de redución de GEI son ferramentas fundamentais para que España contribúa á loita contra o cambio climático na medida que lle corresponde para alcanzar xustiza climática global.
O documento establece, na súa primeira parte, o contexto lexislativo internacional, europeo e nacional, xustificando a necesidade dunha actuación máis ambiciosa fronte ao cambio climático. Á súa vez demostra de forma precisa como unha Lei de cambio climático podería contribuír a esta acción eficazmente, ao constituír un marco lexislativo transversal, introducir traxectorias concretas de redución a medio e longo prazo de obrigado cumprimento e atribuír responsabilidades a cada un dos sectores implicados.
Os orzamentos de carbono son clave neste sentido. No informe explícase en que consiste este mecanismo: trátase de establecer un tope aos GEI de cada un dos sectores emisores nun período de tempo determinado, por exemplo anualmente, ou cada 3 anos. Desta maneira disponse dun mecanismo de redución seguro e controlado onde: 1- Cada responsable das emisións ten a obrigación legal de reducilas; 2- Ao planificar os orzamentos de forma anticipada, proporciónase un escenario economicamente predicible a moi longo prazo que ademais dota de maior competitividade ás empresas; 3- É un mecanismo independente dos cambios políticos, planificado por un comité independente.
Por último explícase como os proxectos domésticos de redución constitúen oportunidades de investimento rendibles, que poderían aforrar a España unha gran cantidade de diñeiro na compra de emisións.
O documento enmárcase dentro da campaña de Amigos de la Tierra SOS Clima, chamada The Big Ask en Europa, que demanda en 18 países leis nacionais que permitan reducir anualmente as emisións de GEI. No Reino Unido e Escocia esta campaña recibiu o apoio da clase política, o sector empresarial e a sociedade civil, o que deu lugar a unha lei que lles permitirá reducir as súas emisións de cara ao 2020 en polo menos un 34% e un 42%. Así se demostra que tales niveis de compromiso son posibles, ademais de beneficiosos e xustos. Neste sentido, o estado Español, así como os demais estados europeos, deben aceptar a súa responsabilidade histórica, moral e legal, e reducir as súas emisións mediante medidas internas, sen mecanismos comerciais que repercutan negativamente no Sur Global.
Segundo Alejandro González, responsable da área de cambio climático e enerxía de Amigos de la Tierra, “a implementación dunha Lei de cambio climático baseada en orzamentos de carbono é un paso primordial para conseguir Xustiza Climática e asumir a nosa responsabilidade histórica en canto a emisións de gases de efecto invernadoiro.”
A loita contra o cambio climático é urxente porque se non actuamos a tempo enfrontámonos a graves consecuencias ambientais e sociais. Neste contexto España excedeu amplamente o tope das emisións que se marcou no protocolo de Kioto, polo que agora debe dotarse de mecanismos ambiciosos. Alejandro González declarou que “unha lei de reducións anuais é neste momento o mellor camiño para unha planificación estratéxica integradora, que resultará proveitosa economicamente a medio e longo prazo. Este informe é o primeiro que introduce estes conceptos en España e esperemos que os achegue aos responsables políticos, os sectores económicos e a sociedade civil."
|






