| Día sen Coches: Móvete con intelixencia e vive mellor |
| Escrito por Montse Fernández |
| Mércores, 22 Setembro 2010 13:39 |
|
Hoxe celebramos o Día Europeo sen Coches, unha iniciativa incluída dentro da Semana Europea da Mobilidade e coa que se pretende concienciar e sensibilizar á cidadanía sobre a necesidade de mudar os nosos hábitos de transporte actuais, nos que o uso do vehículo privado é o rei, por outros máis saudables e beneficiosos tanto para o planeta como para nós, como son, o fomento do transporte público, da bicicleta ou simplemente camiñar.
Diminuír o uso do coche particular ten moitos beneficios aparte de contribuír a frear o cambio climático, posto que o transporte é a principal causa de fragmentación dos ecosistemas e un dos maiores responsables do actual caos na ordenación do territorio e a planificación urbanística, e por suposto, contribúe ao deterioro da calidade de vida nas cidades.
Non obstante, dende Amigos da Terra somos conscientes de que o éxito deste tipo de campañas depende en gran medida do apoio das Administracións, encargadas de promover o uso deste tipo de transportes sostibles nas cidades e de inverter nas infraestruturas necesarias que favorezan o uso dos mesmos.
É por isto, que o cambio cara unha sociedade máis sostible en materia de mobilidade é tarefa de todos e todas, tanto da Administración como da cidadanía, e todos/as debemos poñer o noso gran de area para conseguir que o Día sen Coches, non se limite a unha mera data e o celebremos durante todo o ano.
|





