| Amigos da Terra aplaude o xesto de España nas negociacións de Cancún |
| Escrito por Angel Dorrio |
| Xoves, 09 Decembro 2010 22:07 |
|
O mércores 8 pola mañá, á súa chegada ao Cumio de Cancún, a Ministra de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, Rosa Aguilar, anunciou que España apoia a redución de emisións da Unión Europea nun 30% para 2020, respecto dos niveis de 1990.
España súmase así á lista de países que xunto á Comisión Europea e algúns dos grupos corporativos máis importantes, manifestaron que unha redución ambiciosa das emisións non só é necesaria, senón beneficiosa.
"Por fin España deu un salto cualitativo cara a adiante. Nunhas negociacións onde Europa brillaba pola súa ausencia como en Copenhague, e a proposta era demasiado pobre, este xesto, que a sociedade civil reclamaba, é benvido", manifestou Alexandro González, de Amigos da Terra. Con todo, Europa debe ir aínda máis aló. González sinalou que "Europa é un dos responsables históricos do cambio climático e a ciencia esíxelle un 40% de redución. Moitos estudos indican que un 40% de redución é posible, como demostra un estudo de Amigos da Terra, e ademais xeraría postos de traballo".
É unha das poucas luces que se viron neste cumio do clima. Os países industrializados están a defender que os futuros fondos para os países empobrecidos sexan controlados fóra do seo de Nacións Unidas e que o Banco Mundial xogue un papel clave. Precisamente o Banco Mundial anunciou a creación dun novo fondo para promover o comercio de emisións, un dos mecanismos máis deficientes na loita contra o cambio climático.
"É inaceptable que unha institución así, que este ano alcanzou a maior marca de diñeiro investido en proxectos de queima de combustible fósil, poida facerse cargo duns fondos destinados a combater o cambio climático nos países máis vulnerables", sinalaba Héctor de Prado, responsable das mobilizacións de Amigos da Terra Internacional en Cancún. Neste sentido, Amigos da Terra formou parte dunha marcha en Cancún contra a intromisión do Banco Mundial. |





