| Día Mundial da Diversidade Biolóxica |
| Escrito por Montse Valencia |
| Venres, 22 Maio 2009 09:01 |
![]()
Entrevista: Ana Leiva, Directora da Fundación Biodiversidade “Agora somos máis responsables e conscientes de que os nosos recursos naturais non son infinitos”
Hoxe celébrase o Día Mundial da Biodiversidade, unha data para concienciarnos de que a diversidade biolóxica é o fundamento da vida no noso planeta e un dos pilares do desenvolvemento sostible. Non obstante, a diversidade biolóxica está diminuíndo a un ritmo sen precedentes. De feito, os científicos aseguran que a proporción de perda de especies dende comezos do século XX, é maior que en calquera época da historia humana e unha das consecuencias inmediatas será a extinción dun número cada vez maior de especies, o que contribuirá á degradación dalgúns ecosistemas que xa son fráxiles de seu. Por este motivo, en Amigos da Terra, quixemos coñecer a opinión de Ana Leiva, Directora da “Fundación Biodiversidade”, unha das responsables no noso país de atopar solucións para frear a perda de biodiversidade. Rioxana, casada e nai de dous fillos. As súas responsabilidades políticas foron variadas, dende Alcaldesa de Cirueña (A Rioxa) a Conselleira de Agricultura e Desenvolvemento Rural no Goberno da Comunidade Autónoma da Rioxa, así como Secretaria de Estado de Cooperación Territorial no Ministerio de Administracións Públicas do Goberno de España. Desde o mes de xuño 2008 é directora da “Fundación Biodiversidade”. 1. Que importancia ten o coidado e a conservación da biodiversidade para os seres humanos? A biodiversidade en bo estado de conservación implica saúde e calidade de vida presentes e futuras. Por esta razón, desde a Fundación Biodiversidade empeñámonos en rescatar o valor social, económico e cultural das especies de flora e fauna. Creo que nestes últimos anos avanzamos nesta materia: agora somos máis responsables e conscientes de que os nosos recursos naturais non son infinitos e que debemos aprender a utilizalos racionalmente. Aos poucos, estanse adquirindo prácticas medioambientais máis sostibles. Sen embargo, aínda temos moito traballo por facer, non só no que fai a facer un uso responsable dos nosos recursos, senón tamén no sentido de explicar aos cidadáns o valor dos múltiples servizos que a natureza nos proporciona e os beneficios asociados á súa conservación e aproveitamento racional. Neste sentido, mellorar a calidade de vida no medio rural é un requisito básico para fixar poboación e para manter un uso do territorio que garanta o seu coidado e bo estado de conservación. O desenvolvemento do medio rural e a conservación da natureza poden considerarse obxectivos complementarios e mutuamente dependentes: a conservación do patrimonio natural e da biodiversidade no medio rural contribúe positivamente ao desenvolvemento sostible daquelas actividades vinculadas ao aproveitamento dos recursos naturais, como é a agricultura, a gandería, a caza ou a xestión forestal, entre outras. Do mesmo modo, o desempeño destas actividades baixo criterios de sostenibilidade ambiental redunda nunha mellor conservación da natureza e dos seus recursos. 2. Que parte de responsabilidade ten o ser humano na perda de biodiversidade? Desafortunadamente, a humanidade viviu demasiado tempo sostendo unhas pautas de crecemento económico que significaron unha sobreexplotación dos recursos naturais e a deterioración dos ecosistemas. Hoxe sabemos que a sostenibilidade non é incompatible co desenvolvemento; ao contrario, comprobamos día a día que se pode crear emprego e xerar riqueza, ao tempo que se preserva e se usa axeitadamente o patrimonio natural que herdamos. Fai algunhas semanas, en ocasión da presentación do Proxecto de Avaliación de Ecosistemas do Milenio en España, reiterabamos os datos que Nacións Unidas daba un par de anos atrás sobre algúns cambios sen precedentes rexistrados nos ecosistemas do mundo durante os últimos 50 anos. Por exemplo, mencionabamos o feito de que se converteran a cultivo máis terras nos 30 anos posteriores a 1950 que nos 150 anos transcorridos entre 1700 e 1850, ou que a extracción de auga dos ríos e lagos se duplicou desde 1960…De aí a importancia de dar un paso adiante nas políticas de conservación da natureza para ampliar a protección de especies e espazos aos procesos naturais. E este paso esixe dun esforzo de investigación e de xeración de coñecemento, que permitirá propoñer accións concretas de xestión sostible. A Fundación Biodiversidade traballa, xustamente, para crear na sociedade unha base de coñecemento técnico e de competencias que permitan abordar a busca de solucións aos retos que expón a conservación do patrimonio natural e a biodiversidade. Da concienciación xorde a acción. 3.Constitúe o cambio climático unha seria ameaza para a perda de biodiversidade? Os científicos confirmaron que, durante o século pasado, as temperaturas aumentaron de maneira global e en valores superiores á media xeral. As súas proxeccións sinalan unha tendencia progresiva a un quentamento acusado. Haberá menos choivas e unha maior amplitude e frecuencia de anomalías térmicas mensuais. Isto significa, sen dúbida, que o troco climático alterará os ecosistemas e favorecerá a expansión de especies invasoras e pragas. Pola súa parte, comportará unha maior vulnerabilidade diante das perturbacións, tanto naturais como de orixe humano. Sen lugar a dúbidas, os impactos do quentamento deixaranse sentir gravemente. Incluso considerando as previsións máis optimistas sobre as futuras emisións de gases de efecto invernadoiro, os estudos científicos revelan que un certo grao de troco no clima é xa inevitable e anticipan, entre as súas moitas consecuencias, a deterioración dos ecosistemas e a perda de biodiversidade. Respondendo ao importante impacto potencial do quecemento global e a necesidade urxente de mitigar e buscar mecanismos de adaptación aos seus efectos, a Fundación Biodiversidade incluíu a loita contra o cambio climático entre as súas liñas de actuación prioritaria. No marco desta liña estratéxica desenvólvense actuacións dirixidas a mellorar o coñecemento dos efectos do cambio global sobre a biodiversidade. Tamén se levan a cabo proxectos encamiñados a mellorar a eficiencia enerxética e a fomentar o uso das enerxías renovables, así como a avanzar na implementación de tecnoloxías de redución de emisións de dióxido de carbono. 4. En referencia á iniciativa “Conta Atrás 2010”, Incorporáronse máis especies ao Catálogo de especies en perigo de extinción? E o número de especies que había en perigo, aumentou ou diminuíu? En torno a este asunto, podo mencionar o labor da Fundación Biodiversidade durante estes dez anos de vida, nos que veu contribuíndo á protección de 62 especies de fauna mariñas e terrestres e á preservación de máis de 100 espazos naturais, ademais de participar activamente na iniciativa da Conta Atrás 2010, para frear a perda de biodiversidade. Podería destacar, especialmente, a colaboración coas corporacións locais na súa política de recuperación e uso sostible da biodiversidade mediante a creación da Rede de Gobernos Locais + Biodiversidade 2010 e a participación en diferentes iniciativas para a protección de especies ameazadas –aguia imperial, lince, oso pardo cantábrico e urogallo cantábrico, entre outras–. No medio mariño, fomentamos a procura científica a través do proxecto Life+ INDEMARES, de Inventario e designación da Rede Natura 2000 en áreas mariñas do Estado español. 5. Podería facernos unha avaliación do estado desta iniciativa europea? Xustamente nestes días, o Comité Español de UICN debate este tema en Vitoria e avalía medidas que poderán dinamizar o Programa. Sabemos que hai 41.415 especies recollidas dentro da Lista Vermella de especies en perigo, segundo datos de UICN, das cales 16.306 están baixo ameaza de extinción. O número total de especies extinguidas recollidas xa chega a 785, mentres que máis de 65 xa non se atopan na natureza senón en catividade ou cultivadas. Un de cada catro mamíferos, unha de cada oito aves, un terzo dos anfibios e o 70% das plantas do planeta atópanse en perigo. |





