| Incendios desastre ecolóxico económico e social |
| Escrito por Angel Dorrio |
| Martes, 18 Outubro 2011 12:49 |
|
Amigos da Terra esixe á Xunta de Galicia que recoñeza a gravidade dos incendios forestais que están calcinando os ecosistemas naturais máis importantes da provincia de Ourense. Triste a falla de reacción da Xunta de Galicia, triste o que esta a acontecer cos nosos montes, moi triste o discurso autocomplacente da Xunta de Galicia en materia tan sensible como é a de incendios forestais, dende Amigos da Terra esiximos ao Goberno galego que asuma a realidade, que deixe de falsear as estimacións de superficies calcinadas e de informar dos danos medio ambientais, económicos e sociais que a vaga incendiaria está producindo nos ecosistemas forestais de Galicia: un desastre ecolóxico de consecuencias incalculables, desastre tamén dende o punto de vista económico e social.
Incendios forestais que estragaron e estragan o corazón dos espazos naturais de máis valor da provincia de Ourense: Serra do Xurés (parque trasfronterizo, reserva mundial da biosfera...), Serra Martiñá, Faro de Avión, Serra de San Mamede. Serra de Queixa, Manzaneda, Montes do Invernadeiro (xa van calcinadas no Macizo Central máis de 4.000 hectáreas e sigue o incendio incontrolado), Canóns do Sil, Serra do Larouco, Castro Leboreiro...(en poucos días máis de 10.000 hectáreas calcinadas en parques naturais, zonas LIC (lugares de interese comunitario polo seu valor ecolóxico), ZEPAS (zonas de especial protección para as aves). Miles de hectáreas de zonas arboladas...centos de millóns de euros en perdas económicas directas, perdas que se multiplican exponencialmente se valoramos as perdas totais (biodiversidade, paisaxe, pastos, caza, funcións reguladoras do ciclo da auga e do clima que realizan estes ecosistemas)...
Falla de reacción e de medios, diante da desfeita a Xunta de Galicia non foi capaz de reaccionar a tempo deixando a provincia de Ourense durante días con só os medios propios (brigadas forestais con só un compoñente, torretas de vixiancia sen vixiantes de incendios (distritos enteiros sen un só vixiante), autobombas que non cobren as 24 horas do día, sen máquinas (buldózer) para traballos de control en grandes incendios, brigadas fixas con un 20-30% menos de persoal por baixas e xubilacións...aproximadamente só a metade dos medios de reforzo do verán. Acumulación de factores que fixo que durante horas moitos incendios forestais arderan sen control e sen ningún persoal encargado da súa extinción.
Falta dun mapa de medios e recursos, medios de extinción de concellos gardados en garaxes e non usados (autobombas, tractores) medios mercados con diñeiro público. Medios materiais e técnicos de Deputacións e outras Consellerías sen usar diante dunha situación de emerxencia e de desfeita medio ambiental. Como é posible que diante da situación producida a Xunta de Galicia non creara un "Gabinete de Crises" para solicitar a colaboración e o uso de tódolos medios existentes para facer fronte a vaga incendiaria.
Dende Amigos da Terra, por enésima vez solicitamos da Xunta de Galicia: Información puntual dos lumes que se producen en Galicia, dos seus efectos, superficies afectadas e dos medios usados para a súa extinción. A sociedade actual debe de ser informada do que acontece nos montes, dos atentados contra o noso patrimonio natural, fuxindo de sensacionalismos e alarmismos "agochar a realidade non axuda a solucionar o problema".
A falla de información, o silencio premeditado e o engano son un insulto para os traballadores e traballadoras forestais de Galicia, observamos como a estratexia política de desinformación, mentiras e manipulación estadística fai que o conxunto da sociedade non valore o traballo que realizan a cotío.
Amigos da Terra tamén vai a solicitar, unha vez máis, a creación dunha "Mesa de Traballo" sobre incendios forestais no Consello Forestal de Galicia para intentar o indispensable consenso do que ten que ser unha política de prevención e extinción axeitada. Rematar coa eiva incendiaria é posibe, para conquerilo é imprescindibl a colaboración do conxunto da sociedade, hoxe máis que nunca é precisa esta colaboración diante da incompetencia dos xestores públicos da Xunta de Galicia. |







Comentarios
Suscrición de novas RSS pra comentarios desta entrada.