|
Escrito por Montse Valencia
|
|
Venres, 07 Novembro 2008 11:11 |
|
A Administración non facilita datos sobre os alimentos contaminados por organismos modificados xeneticamente
Amigos da Terra España presentou hoxe diante do Defensor del Pueblo unha queixa contra a Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN) por non facilitar información sobre a contaminación de alimentos por organismos modificados xeneticamente (OMG ou transxénicos). Ante a solicitude formal destes datos, a resposta foi o silencio administrativo. Amigos da Terra esixe o fin da política de ausencia de transparencia e control dos transxénicos en España.
Os transxénicos atópanse presentes na nosa alimentación a través de produtos que conteñen millo ou soia. Só se un alimento contén máis dun 0,9% de compoñente transxénico, esta información debe figurar na etiqueta. A AESAN realiza de forma periódica análise de alimentos con soia e millo para avaliar o cumprimento desta lexislación, pero publica os resultados con anos de demora e de forma incompleta.
Amigos da Terra España realizou un informe onde analizaba o grao de cumprimento desta lexislación, e constatou que os transxénicos entran na alimentación dos cidadáns en baixas doses sen que haxa posibilidade de evitalo. Algúns dos alimentos que se consumen conteñen transxénicos, incluíndo produtos tan sensibles como iogurtes, papas e leites infantís.
Os resultados do informe, a partir de datos da AESAN dos anos 2004 e 2005, salientaron o incumprimento da lexislación en produtos como pan, galletas ou produtos cárnicos, que presentaban porcentaxes altos de transxénicos sen informar ao consumidor.
A lexislación non permite que os consumidores exerzan o dereito a non consumir transxénicos. A pesar do rexeitamento social, estes alimentos entran na alimentación cotiá sen que, en moitos casos, haxa información.
Amigos da Terra España solicitou á AESAN información sobre as análises realizados no 2006 e 2007, así como información das empresas infractoras desta lei no período 2004-2007. A lexislación que regula o libre acceso á información en materia de medio ambiente marca o prazo dun mes para que a Administración conteste, e de tres meses para facilitar a información. A solicitude foi presentada o 28 de xullo, e non houbo ningunha comunicación por parte da AESAN.
A administración ten o deber de controlar que como mínimo se cumpra a lexislación vixente, e de actuar de forma transparente. Ao non dignarse a responder a un requirimento de información ao que a sociedade civil ten dereito, estase faltando ao respecto dos consumidores aos que a AESAN ten a misión de proteger. Esta actitude da AESAN correspóndese coa actitude xeral de absoluta falta de transparencia e información que caracterizou o cultivo e comercialización de transxénicos.
|