| O Ministerio de Medio Ambiente recoñece por primeira vez a existencia de afectados por transxénicos |
| Escrito por Montse Fernández |
| Xoves, 22 Outubro 2009 16:15 |
|
Estes efectos sociais e económicos da presenza de millo transxénico en España levan sendo denunciados polas organizacións ecoloxistas e agrarias dende hai unha década. Non obstante, os niveis de irresponsabilidade política no Goberno alcanzaron cotas elevadas. Por exemplo, nunha recente reunión cos colectivos ambientais e agrarios, o director xeral de Desenvolvemento Sostible do Medio Rural, Jesús Casas, recoñecía que as empresas como Monsanto "realizan unha constante labor de lobby no Ministerio" e que "os casos de contaminación por transxénicos son indignantes". Non obstante, Casas afirmaba tamén que votaba sempre a favor dos transxénicos no Consello Interministerial de OMG (Organismos Modificados Genéticamente) do Goberno español, a pesar de recoñecer o mesmo que non entende sobre transxénicos.
Pero a pesar da existencia deste punto na orde do día da reunión de onte, e das afirmacións de Casas, tanto a presidencia da reunión coma os responsables do MARM presentes nela defenderon que os transxénicos son unha opción e que o Goberno de España non vai frealos. Así mesmo, cualificaron de acto político de dubidosa validez científica aquelas prohibicións que se están a disparar na UE.(3)
Outra mostra de irresponsabilidade, que foi percibida como unha afronta histórica contra as posturas críticas cos transxénicos e contra o conxunto da sociedade civil, foi a ausencia do propio Casas (quen convocou a reunión pero finalmente "por motivos de axenda" preferiu non estar presente). Non obstante, foron convocadas en bloque un conxunto de asociacións sectoriais como ASEBIO, ANOVE, FIAB, CESFAC (algunhas das cales se considera que exercen como lobby das multinacionais dos transxénicos) a pesar de non ser membros de pleno dereito do Consello Asesor de Medio (CAMA). A empresa Monsanto, por exemplo, principal responsable das contaminacións xenéticas no mundo e cuxo historial está enchido de escándalos, tiña varios representantes na devandita reunión, baixo siglas de polo menos dúas organizacións empresariais.
Na reunión, unha vez máis, rexeitouse tratar os asuntos que as organizacións ambientais e agrarias levan anos poñendo sobre a mesa e que se solicitara fosen parte da orde do día. Por exemplo, a falta de transparencia, a ausencia de rexistros públicos dos cultivos transxénicos, as irregularidades na etiquetaxe dos alimentos transxénicos, os reiterados casos de contaminación, etc.
Respecto a situación en Galicia, os datos facilitados confirman que seguimos sen realizar cultivos comerciais de transxénicos. A pesares destas novas non podemos esquecer que as multinacionais do sector, con Monsanto a cabeza, solicitaron este mesmo ano 5 permisos para a experimentación ao aire libre con millo transxénico en Galicia. No mesmo senso, cabe lembrar que os OXM (organismos xeneticamente modificados) que entran na nosa alimentación diaria o fan sobre todo a través de carne, ovos e derivados lácteos, provenientes de animais alimentados con pensos industriais que conteñen cultivos transxénicos.
Para Amigos da Terra é a presión social e a oposición xeneralizada da cidadanía a que fai que en Galicia sigan sen cultivarse transxénicos a nivel comercial. Os colectivos de consumidores/as, labregos/as e outras organizacións sociais e ecoloxistas agrupadas na Plataforma Galega Antitransxénicos, estamos a cubrir o grande baleiro informativo existente neste eido, sensibilizando e proporcionando alternativas viables á cidadanía.
Notas:
(1) O Goberno segue tolerando o cultivo a grande escala de Organismos Modificados Xenéticamente en territorio español en contra da tendencia da UE e da maioría de estados membros.
(2) Segunda Reunión do Grupo de Traballo de OGM do Consello Asesor de Medio (CAMA) 21 outubro 2009.
(3) O sábado 10 de outubro a coalición que goberna Irlanda publicou un acordo no que especifica que se "declarará á República de Irlanda Zona Libre de Transxénicos, libre do cultivo de calquera planta modificada xeneticamente,". Irlanda súmase así a Francia, Austria, Grecia, Luxemburgo, Hungría, Italia, Polonia e Alemaña que xa manteñen algún tipo de prohibición sobre o cultivo de organismos modificados xeneticamente. En marzo, 22 estados membros rexeitaron a proposta da Comisión para abolir as prohibicións existentes en Austria e Hungría (entre eles España).
|

Por primeira vez, o Ministerio do Medio, Medio Rural e Mariño recoñeceu onte a existencia de persoas e de empresas que sufriron os efectos da política de transxénicos levada a cabo polo Executivo español (1). Na orde do día da reunión convocada para onte polo Ministerio (2) aparece un punto no que se di textualmente: "Coexistencia de millo modificado xeneticamente con millo convencional e ecolóxico. Experiencias de agricultores afectados".


