| A Comisión Europea pretende sacrificar bosques para plantar agrocombustibles |
| Escrito por Montse Fernández |
| Venres, 05 Febreiro 2010 16:59 |
|
Un documento filtrado da Comisión Europea mostra os seus plans para utilizar o polémico aceite de palma como agrocombustible e denominar "bosques" ás plantacións. A expansión deste cultivo é a principal causa da deforestación do bosque tropical. No borrador da comisión afírmase que talar bosques tropicais e plantar palma sería posible baixo as leis europeas que pretenden deter os agrocombustibles "insostibles".
"Este documento mostra a hipocrisía da Comisión cos seus nefastos intentos de favorecer o aceite de palma mediante leis pensadas en teoría para evitar a destrución dos bosques do planeta. Permitir a expansión das plantacións de palma para abastecer o consumo de coches e camións en Europa, vai ter un impacto desvastador no clima, a biodiversidade e as persoas cuxo medio de vida depende destes bosques. Se a Comisión Europea realmente pretende combater o cambio climático e a perda de biodiversidade necesita rematar co legado dos agrocombustibles e garantir urxentemente que non se sacrifiquen os bosques para encher depósitos de coches", di Blanca González Ruibal, de Amigos da Terra España.
Segundo Nacións Unidas o rápido crecemento da superficie de plantacións de aceite é nestes momentos a principal causa da perda constante de chuvia en Malaisia e Indonesia.
Aínda que os lexisladores europeos esperan que o uso de agrocombustibles reduza as emisións nocivas para o clima, na actualidade está aceptado que o impacto da expansión da agricultura para cultivar agrocombustibles aumenta as emisións. Por exemplo, a conversión de bosques tropicais en plantacións de aceite de palma crearía unha "débeda de carbono" e serían necesarios 86 anos de uso de agrocombustible procedente da palma para compensar as emisións producidas pola deforestación.
|





