Portada NOVAS Os cultivos transxénicos non son unha solución fronte ao cambio climático
Os cultivos transxénicos non son unha solución fronte ao cambio climático
Escrito por Montse Fernández   
Martes, 23 Febreiro 2010 19:28
Chuza!DoMelhorLa TafaneraAupatuMenéameTuentiBuzzFacebookTwitter

100223_transxenicosAmigos da Terra Internacional, coincidindo coa publicación dos datos sobre cultivos transxénicos a nivel global da industria, demostra nun novo informe que os argumentos sobre a suposta capacidade dos cultivos modificados xeneticamente para combater o cambio climático son esaxerados e totalmente prematuros. A superficie cultivada con transxénicos en Europa cae un 10%.

 

O informe "Quen se Beneficia de los Cultivos Transgénicos?" examina a realidade desas afirmacións e demostra que en realidade os cultivos transxénicos están a incrementar as emisións de carbono e non están a axudar a solucionar os problemas de fame no mundo. Isto débese a que os cultivos transxénicos son responsables de espectaculares aumentos no uso de pesticidas, tanto en EE.UU como en América Latina, intensificando o uso de combustibles fósiles. O cultivo de soia transxénica para alimentar a gandaría industrial está a contribuír en gran xeito á deforestación en América do Sur.

 

O informe mostra tamén que os cultivos transxénicos seguen confinados a menos dun 3% da superficie agrícola mundial e que máis do 99% destas colleitas se destinan a alimentar animais e a producir agrocombustibles (tamén coñecidos como biocombustibles), e non a alimentación.

 

As graves preocupacións sobre os impactos negativos dos cultivos transxénicos implican que moitos gobernos son aínda prudentes na súa adopción. India, por exemplo, aprobou recentemente unha moratoria ao cultivo de berenxena transxénica debido aos riscos sobre a saúde, o medio e os seus impactos socio-económicos.

 

En Europa, a superficie cultivada con transxénicos caeu por quinto ano consecutivo, cunha redución superior ao 10% respecto a 2008. Este dato reflicte a firme oposición social e a preocupación política polos impactos negativos dos cultivos modificados xeneticamente. En 2009, Alemaña converteuse no sexto país da UE en prohibir o cultivo de millo transxénico, co que a superficie cultivada con transxénicos en Europa supón menos do 0,5% da superficie agraria. O único país da UE que cultiva transxénicos a grande escala é España.

 

David Sánchez, Responsable de Agricultura e Alimentación de Amigos da Terra España afirmou: "O noso país debería seguir o exemplo de Francia ou Alemaña, e prohibir o cultivo de transxénicos en base ao principio de precaución. Non obstante, o Goberno español segue priorizando os intereses dunhas poucas multinacionais fronte á defensa dos dereitos dos consumidores e do medio, prexudicando os modelos de agricultura que nos poden axudar a afrontar o desafío do cambio climático, como a agricultura ecolóxica. "

 

A pesar de varias décadas de investigación, en gran parte con diñeiro público, non hai aínda nin un só cultivo transxénico comercializado que incremente os rendementos, sexa tolerante á seca ou á salinidade, mellore as propiedades nutricionais ou calquera outro dos supostos beneficios publicitados polas multinacionais da biotecnoloxía agraria.

 

Pero ademais os cultivos transxénicos están a prexudicar o desenvolvemento de verdadeiras solucións para a crise alimentaria e a crise climática. Absorben financiamento que podería ir dedicado a solucións reais e impide o acceso dos campesiños ás sementes e ao coñecemento. Os métodos agroecológicos e o coñecemento tradicional foron identificados por multitude de institucións internacionais como a clave para afrontar os desafíos climáticos e alimentarios.

 

Martín Drago, coordinador da campaña de agricultura e alimentación de Amigos da Terra Internacional afirmou: Os cultivos transxénicos están a ser promovidos como a solución ao cambio climático, cando en realidade están a destruír bosques, empeorando as condicións dos agricultores e incrementando as emisións de efecto invernadoiro. A realidade demostra que a agricultura transxénica non é precisamente a historia dun éxito. Os pequenos campesiños de todo o mundo están xa a utilizar métodos respectuosos co medio para alimentarse e contribúen a "arrefriar" o planeta. Estes son os métodos que deben ser apoiados en vez da agricultura transxénica, destrutiva dende un punto de vista social e ambiental."

 

Máis información

 

Informe "Quen se Beneficia de los Cultivos Transgénicos?"

 

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Engadir un comentario

Se aos teus comentarios queres engadir videos de YouTube, preme no botón YouTube e pega a URL do video.


Código de seguridade
Recarregar

área de Consumo Sustentable
Plataforma Galega Antitransxénicos

Facer unha doazón

Coa túa doazón tamén axudas a manter vivo este proxecto. Grazas!

Tipo de Doazón:
  Única Única
Moeda:
 EUR
Cantidade:
Amigos da Terra - Tel. 988 374318 · Fax. 988 511020 - Rúa da Concordia, 20 - 2º Esq. 32003 Ourense. Aviso Legal.
Este sitio esta feito con Joomla e SiteGround. Versión en galego de Joomla 1.5 facilitada pola CiberIrmandade da Fala. Joomla é Software Libre baixo licencia GNU/GPL.

Sitio web en galego subvencionado por Presidencia - Secretaría Xeral de Política Linguística.