| Banco de sementes e charla sobre agroideoloxía |
| Escrito por Montse Fernández |
| Luns, 01 Marzo 2010 20:22 |
|
O pasado sábado e por segundo ano consecutivo levamos a cabo dentro das Xornadas de Agroecoloxía de Ourense, o banco de sementes, un espazo que ten como obxectivo favorecer a recuperación e a conservación das variedades tradicionais de plantas, que foron obtidas ao longo dos anos polos agricultores/as tradicionais, evitando deste xeito, o cultivo de variedades transxénicas tan prexudiciais para a saúde das persoas. Ao tempo, que fomentamos que a xente cultive os seus propios alimentos, de moita maior calidade que os que podemos atopar nos supermercados.
Neste particular banco, puidemos atopar dende sementes de espinafres, pementos de padrón, fatóns, pillotas ata sementes de soia, nabicol ou chicaros forraxeiros, co aliciente de que ademais de sementes, intercambiamos coñecementos sobre estas plantas e o seu cultivo.
Por outra banda, o venres participamos nunha mesa redonda sobre agroideoloxía na que expuxemos o proxecto de As Corcerizas, como un exemplo viable de alternativas prácticas e reais no noso territorio para facer fronte aos principais problemas ambientais, dando pasos cara adiante na defensa da agroecoloxía e a soberanía alimentaria dos pobos.
Con esta actividade damos por finalizadas as IV Xornadas de Agroecoloxía de Ourense, aínda que estades a tempo de desfrutar da agroexposición "Retratos da Sustentabilidade”, que estará presente no CHOU-Hospital Provincial, na sala de Consultas Externas, ata o vindeiro 12 de marzo. |






