| Barroso autoriza o cultivo dunha pataca transxénica perigosa |
| Escrito por Montse Fernández |
| Mércores, 03 Marzo 2010 08:50 |
|
Amigos da Terra, CECU, COAG e Greenpeace denuncian que este tubérculo de BASF podería incrementar a resistencia aos antibióticos.
Unha das primeiras decisións da nova Comisión Europea foi autorizar hoxe un cultivo transxénico, o primeiro dende 1998. O Comisario de Saúde e Consumidores John Dalli, de acordo co Presidente Barroso, deu a autorización a través dun procedemento que evita o debate do Colexio de Comisarios.
Esta pataca transxénica, coñecida como Amflora, foi desenvolvida pola compañía agroquímica BASF e contén un xene que a fai resistente a determinados antibióticos. Por estar razón, Amigos de la Tierra, CECU, COAG e Greenpeace advirten que este cultivo supón un risco inaceptable para a saúde das persoas, os animais, e o medio.
Parece incrible que a primeira decisión da Comisión sexa autorizar un cultivo transxénico tan perigoso. En seis anos, Barroso non puido ocultar as evidencias científicas que cuestionan a seguridade da pataca transxénica. A nova Comisión tomou esta grave decisión sen un debate con todos os comisarios; o novo comisario Dalli, cuxa misión é protexer os consumidores, adoptou unha das súas primeiras decisións sen considerar nin a opinión pública nin a seguridade co obxectivo de compracer a maior empresa química do mundo.
A Organización Mundial da Saúde e a Axencia Europea do Medicamento advertiron da importancia dos antibióticos afectados pola pataca Amflora. A presenza da pataca de BASF nos campos podería aumentar a resistencia de determinadas bacterias a antibióticos imprescindibles en tratamentos contra a tuberculose. Resulta especialmente rechamante o feito de que se desen desacordos sen precedentes en varias avaliacións deste tubérculo mesmo na protransxénica Axencia Europea de Seguridade Alimentaria.
Ademais, a maior parte dos países membros da UE opuxéronse á autorización, ante o que as organizacións asinantes esixen aos Estados membros que prohiban o cultivo desta pataca no seu territorio.
A medicina está cada día máis preocupada pola resistencia a antibióticos. No 2001 adoptouse unha lei europea que requiría que os xenes de resistencia a antibióticos que supuxesen unha ameaza para a saúde das persoas e para medio fosen retirados paulatinamente ata o 2004. A empresa BASF solicitou a autorización para este cultivo como alimento humano e animal no ano 2005.
Amflora ten un maior contido en amidón e foi desenvolvida para uso en procesos industriais, pensos e fertilizantes. Non obstante, as patacas convencionais non transxénicas dispoñibles no mercado teñen case o mesmo contido de amidón pero sen os xenes de resistencia a antibióticos, o cal demostra que a pataca transxénica é absolutamente innecesaria.
Os cidadáns españois, cansos de vivir no único país da UE cuxo Goberno tolera o cultivo de millo transxénico a grande escala, manifestaranse o próximo 17 de abril en Madrid contra a política do ministerio do Medio, Rural e Mariño. Con esta nova aprobación teñen aínda maior motivo para facelo, dado que España foi un dos únicos países da UE que apoiou esta pataca no proceso de autorización. |





