| Manifestación Antitransxénica en Madrid o 17 de abril |
| Escrito por Montse Fernández |
| Mércores, 17 Marzo 2010 16:20 |
|
Decenas de actos por todo o Estado concluirán nunha manifestación en Madrid o 17 de abril. Agricultores, ecoloxistas e consumidores mobilízanse contra os transxénicos. 500 científicos e representantes da sociedade civil apoian unha declaración contra o seu uso en agricultura e alimentación.
Organizacións da sociedade civil anunciaron hoxe novas mobilizacións conxuntas contra o uso de transxénicos en agricultura e alimentación. Tras protagonizar a maior protesta contra os transxénicos que se recorda en Europa en 2009, a situación en España segue sendo desastrosa. Fronte á defensa dos intereses das multinacionais que representa o Goberno, e a imposición da pataca transxénica pola Comisión Europea, a sociedade española mostrará o seu rexeitamento a través de accións e unha nova manifestación o 17 de Abril en Madrid. Hoxe presentouse a nova edición da Declaración da Sociedade Civil contra o uso de transxénicos en agricultura e alimentación, co apoio de 500 científicos, docentes e representantes de multitude de sectores sociais.
España segue sendo o único país da UE que cultiva transxénicos a grande escala, e foi dos poucos países en apoiar a Comisión Europea para aprobar o cultivo da pataca Amflora, modificada xeneticamente para usos industriais. En 2009, España cultivou máis de 76.000 hectáreas de millo transxénico, e albergou a metade dos ensaios experimentais ao aire libre con estes perigosos cultivos. Todo isto, nunha situación de absoluta falta de transparencia e control. Fronte a esta posición, países como Francia, Alemaña, Austria, Grecia, Luxemburgo, Irlanda, Polonia, Hungría ou Italia puxeron freo aos transxénicos no seu territorio.
Ante esta situación, a sociedade civil séguese mobilizando, e protagonizará o 17 de Abril, Día Internacional da Loita Campesiña, unha nova manifestación estatal en Madrid, baixo o lema "Por unha alimentación e unha agricultura libres de transxénicos". España exerce a presidencia correspondente da UE, polo que a súa responsabilidade en materia de transxénicos durante estes meses é moito maior. As semanas previas, organizaranse protestas e accións informativas e reivindicativas na rúa, en supermercados, en campos, conferencias e charlas, proxeccións de películas, debates e reunións con axentes sociais. O eixe común destas mobilizacións é a enérxica protesta contra a imposición dos transxénicos na nosa agricultura e alimentación a pesar de que a oposición social segue sendo maioritaria, tanto no medio rural como urbano.
Resolución Defensor do Pobo sobre o cultivo de transxénicos en Galicia.
|





