| Un novo informe mostra a política insostible europea dos agrocombustibles |
| Escrito por Montse Fernández |
| Luns, 29 Marzo 2010 15:30 |
|
Un novo informe da Comisión Europea confirma que a demanda de agrocombustibles en Europa prexudicará ao medio e agravará o cambio climático.
David Sánchez, responsable da área de Agricultura e Alimentación de Amigos de la Tierra España declarou que "a política europea sobre os agrocombustibles é cada vez máis insostible, e de non se revisar agravará os procesos de deforestación e emisión de gases de efecto invernadoiro.
Hai que rematar con esta trangallada e empezar a traballar con solucións reais que poñan fin ao cambio climático.
O informe avalía as implicacións europeas para obter un máximo dun 5.6% dos recursos enerxéticos empregados no transporte dos agrocombustibles para 2020, concluíndo que por enriba desta cifra se aumentarán drasticamente as emisións e os agrocombustibles rematarán volvéndose insostibles. A UE marcouse como obxectivo que para a subministración do transporte terrestre se utilice un 10% procedente de fontes renovables, do cal a maioría procederían dos agrocombustibles.
Tamén sinala que a ameaza dos cambios indirectos no uso do chan é real porque os cultivos destinados á subministración enerxética poderían expandirse a custa dos bosques. Así, o estudo demostra que as emisións de gases de efecto invernadoiro se dispararían a partir dun obxectivo do 4,6%. A Comisión Europea debe facer unha proposta a finais de 2010 sobre como facer fronte a estas emisións adicionais.
David Sánchez insistiu en que "estes resultados esixen unha revisión urxente da política europea sobre os agrocombustibles. Como vai restrinxir a UE o seu uso para que non prexudiquen ao medio ou ás persoas? Hai que rematar co obxectivo do 10%, que inclúe aos agrocombustibles. "
Global Trade and Environmental Impact Study of the EU Biofuels (Comercio Global e Estudo de Impacto Ambiental dos biocombustibles europeos)
|





