Portada NOVAS Accións contra os transxénicos en Galicia
Accións contra os transxénicos en Galicia
Escrito por Montse Fernández   
Mércores, 14 Abril 2010 09:02
Chuza!DoMelhorLa TafaneraAupatuMenéameTuentiBuzzFacebookTwitter

analiaPEQRepresentantes da Plataforma Galega Antitransxénicos, da que forma parte Amigos da Terra, anunciaron onte o rexistro dunha solicitude de xuntanza co Xefe da área de Sanidade Vexetal e representante da Galiza no Comité Nacional de Bioseguridade, Ramón Jesús Lamelo Otero. Asimesmo, informaron sobre a situación das entidades locais en contra dos OXM´s e as últimas novidades sobre a Manifestación Antitransxénicos de Madrid, que terá lugar o próximo sábado 17 de abril.

 

Solicitude de xuntanza con Ramón Jesús Lamelo


Devandito encontro foi un compromiso contraido tanto por Lamelo coma pola PGA na reunión mantida o pasado 15 de xullo de 2009, co obxectivo de establecer unha vía de comunicación e colaboración entre a Administración e a sociedade.

A finalidade desta xuntanza será coñecer a situación das solicitudes de experimentación realizadas por parte das multinacionais da biotecnoloxía na Galicia, aclarar o posicionamento oficial da Consellería de Medio Rural sobor das liberacións ao medio e experimentación con organismos xeneticamente modificados dentro do territorio galego e coñecer o plan de traballo da Xunta da Galiza para cumprir os acordos acadados no Parlamento Galego relativos aos Organismos Xeneticamente Modificados (OXM) no noso país.

 

Entidades locais na contra dos OXM´s


As representantes da PGA valoraron tamén positivamente a xornada de debate realizada en colaboración co concello de Ames o pasado venres 9. Lembramos que esta xornada cumpre co acordado na resolución aprobada por unanimidade na que se declarou o concello coma libre de transxénicos, e mediante a cal foron tomadas decisións realmente ubicadas na vangarda desta loita como a prohibición de servir alimentación transxénica nos comedores escolares públicos.

Por primeira vez un representante de opinión favorable aos transxénicos accedeu a compartir mesa de debate, xesto que dende a Plataforma Galega Antitransxénicos agradecemos moi especialmente, xa que a tónica predominante é a negativa a participar nestas actividades, limitando a expresión do discurso pro-transxénico a eidos que carezan da posibilidade de réplica (como as entrevistas unilaterais ou os artigos asinados).

Na mesma liña de loita conxunta cos concellos da Galicia, ao tempo que se dá cumprimento ás resolucións acordadas para a declaración dun municipio “libre de transxénicos”, a principios de maio a Plataforma Galega Antritransxénicos e o concello de Chantada desenvolverán unha xornada informativa. Cómpre salientar a situación especial deste concello, que malia a terse declarado libre de transxénicos no 2008, foi solicitado para a realización de campos experimentais no ano 2009. A xornada contará cunha parte de debate informativo aberto á cidadanía en xeral, e outra dirixida a mozos e mozas do Instituto Lama das Quendas (de Chantada), que pretende fomentar a capacidade de análise crítica e complementar o traballo iniciado no centro educativo sobre as repercusións dos OXM e a súa situación no noso territorio.

 

Manifestación 17 de abril (Día da Loita Labrega)


A PGA trasladou a expectación coa que se están a vivir os días precedentes á realización da 2ª manifestación estatal contra os organismos xeneticamente modificados, á cal prevese unha asistencia maior que a da que se deu en chamar “histórica” mobilización contra os transxénicos o ano pasado en Zaragoza, o que mesmo suscitou a modificación do percorrido inicialmente autorizado pola Subdelegación do Goberno.

Tamén se rexistraron novas adhesións á convocatoria, que arestora agrupa tanto organizacións agrarias, coma ecoloxistas, de consumo, entidades veciñais, da xuventude, do eido educativo ou sindicatos obreiros.

Forma parte deste ambiente tamén o feito de que o Estado español ostente a presidencia europea xusto no momento en que, logo de doce anos, por primeira vez a UE autorizou a comercialización de tres novas variedades de millo transxénico Monsanto (MON863xMON810, MON863Xnk603 e MON863xMOPN810XNK603) e o cultivo da variedade de pataca xeneticamente modificada Amflora.

antioxmsMAD10-RAG1

 

Dende Galicia sairán autobuses na noite do venres ao sábado cara a manifestación de Madrid, estando de regreso sobre as 24:00hrs. do propio sábado 17.

Animamos á cidadanía a apuntarse para acudir a visibilizar a súa oposición aos organismos xeneticamente modificados e ao sistema produtivo que implican, mobilizándose canda a Plataforma Galega Antitransxénicos o vindeiro sábado en Madrid baixo o lema "Rexeitamento da sociedade civil á introdución de organismos xeneticamente modificados na nosa agricultura e alimentación". Pódense reservar prazas no bus de balde da PGA no correio Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo e nos telefones 981 554 147 e 680 118 479.

 

Debate Concello de Ames

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Engadir un comentario

Se aos teus comentarios queres engadir videos de YouTube, preme no botón YouTube e pega a URL do video.


Código de seguridade
Recarregar

área de Consumo Sustentable
Plataforma Galega Antitransxénicos

Facer unha doazón

Coa túa doazón tamén axudas a manter vivo este proxecto. Grazas!

Tipo de Doazón:
  Única Única
Moeda:
 EUR
Cantidade:
Amigos da Terra - Tel. 988 374318 · Fax. 988 511020 - Rúa da Concordia, 20 - 2º Esq. 32003 Ourense. Aviso Legal.
Este sitio esta feito con Joomla e SiteGround. Versión en galego de Joomla 1.5 facilitada pola CiberIrmandade da Fala. Joomla é Software Libre baixo licencia GNU/GPL.

Sitio web en galego subvencionado por Presidencia - Secretaría Xeral de Política Linguística.