| Madeira convértese na primeira rexión europea libre de transxénicos recoñecida oficialmente |
| Escrito por Montse Fernández |
| Mércores, 04 Agosto 2010 10:26 |
|
A Rexión Autónoma de Madeira, Portugal, converteuse na primeira rexión europea libre de transxénicos recoñecida de forma oficial. Centos de rexións e municipios europeos expresaron o seu desexo de permanecer libres de transxénicos e moitos deles lexislaran ao respecto. Non obstante, a Comisión Europea resistíase a permitir esta figura legal.
Madeira é a primeira que obtén a autorización oficial, o que abre a posibilidade de establecer rexións libres de cultivos transxénicos na Unión Europea. Catro Comunidades Autónomas españolas e varias deputacións ou cabidos insulares declaráranse xa libres de transxénicos. Amigos de la Tierra anima a estas e ao resto de rexións a seguir o exemplo de Madeira e realizar os trámites para prohibir de forma oficial e efectiva o cultivo de transxénicos no seu territorio.
A figura de Zona Libre de Transgénicos é unha demanda histórica das rexións e municipios europeos, que queren impedir o seu cultivo, en contra da súa imposición por parte da Comisión Europea, a industria ou Gobernos como o español. Máis de duascentas rexións e miles de municipios declaráronse dende entón libres de transxénicos, e aínda que lexislaron para evitar o seu cultivo, esixían ás autoridades europeas o recoñecemento desta figura legal.
No caso de Madeira, que xa non poderá ser recorrido por ningunha instancia europea, establécese a prohibición de introducir e cultivar sementes transxénicas no seu territorio, con multas de ata 44.000 euros para as empresas infractoras, segundo establece o decreto lexislativo aprobado por unanimidade na Asemblea Rexional.
"Madeira abriu un camiño esperanzador para que todas as rexións que se declararan libres de transxénicos legalicen a súa situación e impidan o cultivo de transxénicos no seu territorio. Recoñécese por fin o dereito das rexións a protexer o seu medio e a saúde pública, e conservar os seus modelos de agricultura fronte á imposición que supoñen os transxénicos", afirmou David Sánchez, responsable da Área de Agricultura e Alimentación de Amigos da Terra.
En España, País Vasco, Asturias, Canarias e Baleares, os consellos insulares de Mallorca, Menorca e Lanzarote, a Deputación de Málaga e preto de 200 municipios xa declararon o seu territorio libre de transxénicos.
Tamén o Parlamento Galego instou a que o seu territorio estivese libre destes cultivos. Mentres algunhas delas lexislaron para impedir o seu cultivo, dende o Ministerio de Medio, Medio Rural e Mariño sempre desprezáronse este tipo de iniciativas.
Non obstante, dende a Comisión Europea deuse o visto e prace a Madeira, o que supón un xiro na súa política, que se está a reflectir tamén en varias das súas recentes propostas. Nun intento de acelerar a aprobación do seu cultivo e importación, a Comisión Europea ofreceu unha maior flexibilidade para prohibir o cultivo de transxénicos por parte dos estados membro.
Ademais, nas novas recomendacións emitidas pola Comisión para regular a denominada "coexistencia", a convivencia dos cultivos transxénicos cos convencionais ou ecolóxicos, recoñécese tamén o dereito a establecer rexións libres de transxénicos.
"Dende Amigos da Terra rexeitamos as novas iniciativas da Comisión Europea, que pretende conseguir que se acelere a aprobación de cultivo e importación. Os Estados membro da UE xa podían prohibir o seu cultivo, e así fixérono Francia, Alemaña, Austria ou Hungría. Pero nun país cuxo Goberno defende os transxénicos custe o que custe como España, a declaración de rexións libres de transxénicos é hoxe por hoxe o único xeito de vetar o seu cultivo. "
España é o único país da UE que cultiva transxénicos a grande escala, con máis de 76.000 hectáreas de millo modificado xeneticamente cultivadas en 2009. Este millo, prohibido en 10 países da UE polos seus impactos ambientais, incertezas para a saúde e a imposibilidade de protexer outros modelos de agricultura da contaminación xenética, xerou graves impactos socioeconómicos tras máis de 12 anos de cultivo. O Goberno Español negou sistematicamente estas evidencias, aliñándose en todo momento coas multinacionais do sector, permitindo ademais que o 42% dos experimentos con transxénicos ao aire libre se realicen en territorio español e establecendo unha lexislación que só favorece a estas empresas.
O rexeitamento social fronte á imposición dos transxénicos en España manifestouse de forma reiterada a través de iniciativas lexislativas populares, mobilizacións, manifestacións ou mesmo accións de boicot dos campos transxénicos experimentais.
|





