| Semana Galega contra a Pobreza |
| Escrito por Montse Fernández |
| Venres, 16 Outubro 2009 08:35 |
|
Amigos da Terra, Anacos da Cidade, Por un Mundo Máis Xusto, Solidaridad Internacional e Taller de Solidaridad, presentaron onte os actos da Semana Galega de Mobilización contra a Pobreza que se celebrarán na cidade de Ourense, nun acto que contou coa presenza do Alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez. Así mesmo, e dentro das actividades de incidencia política que acolle a Campaña Pobreza Cero, reivindicaron a necesidade de dedicar todos os esforzos para conseguir un Pacto Galego contra a Pobreza, e deste xeito por en marcha as medidas políticas que require o cumprimento dos Obxectivos do Milenio. Por outra banda, Hugo Torres, experto nicaragüense en incidencia política, aportou a súa visión sobre o cumprimento dos Obxectivos do Milenio no Sur, canto se fai dende a cooperación polo desenvolvemento e como debemos traballar no Norte para que mellore a situación.
¿Por que un Pacto Galego contra a Pobreza?
Galicia ten andado moito camiño na erradicación da pobreza. Nos últimos 8 anos, coa aprobación da Lei 3/2003 de Cooperación para o Desenvolvemento e coa instrumentalización desta cooperación a través do Plan Director da Cooperación Galega 2005/2009, tense establecido un novo marco legal para o traballo do sector da cooperación galega. Ademais, son miles as e os galegas/os, que participan dende 2005 nas diferentes concentracións, manifestacións e actividades que a Coordinadora Galega organiza cada ano en outubro, dentro da Campaña Pobreza Cero.
Esta lexitimidade do apoio da sociedade civil é a que faculta á Coordinadora Galega de ONGD, para emprender a marcha cara á firma dun Pacto Galego contra a Pobreza, que recolla os compromisos co cumprimento dos ODM que a cidadanía galega vén reclamando dende 2005.
O Pacto Galego contra a Pobreza recollerá compromisos concretos para pór en marcha as medidas políticas que require o cumprimento dos Obxectivos do Milenio. E sobre todo no cumprimento do Obxectivo número oito que se corresponde co COMPROMISO POLÍTICO DOS PAÍSES DESENVOLVIDOS na loita efectiva contra a pobreza. Unha loita que pasa por cambiar as políticas estruturalmente inxustas que veñen rexendo as relacións Norte-Sur ate o momento e que se refiren ao comercio internacional, á débeda externa e á calidade e cantidade da Axuda Oficial ao Desenvolvemento, materializada na esixencia do 0.7% do PIB de cada país.
Compromisos que esixe o Pacto:
- Acadar os ODM sen condicionantes políticos ou económicos. - Garantir un impacto efectivo da Axuda Oficial ao Desenvolvemento. - Cumprir os compromisos internacionais relacionados coa Declaración de París. Coherencia de Políticas. - Fomento da Educación ao Desenvolvemento, para informar á poboación galega sobre a interrelación Norte-Sur. - Transparencia na xestión da cooperación.
Accións que se levarán a cabo en Ourense: Día 16 de Outubro Mesa Informativa con reparto de materiais e acto simbólico para votar por un Pacto Galego contra a Pobreza, na rúa do Paseo fronte as Galerías Viacambre en horario de 12:00 – 14:00 e 17:00 – 20:00
|








