| O Goberno aproba a posta en marcha do Centro Internacional de Cooperación en Enerxías Renovables |
| Escrito por Montse Fernández |
| Mércores, 17 Marzo 2010 17:54 |
|
A Comisión Delegada para o Cambio Climático, presidida por María Teresa Fernández de la Vega, aprobou onte a posta en marcha do Centro Internacional de Cooperación de Enerxías Renovables (CICER) en Valencia. O obxectivo deste centro é contribuír aos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio das Nacións Unidas, en particular erradicar a pobreza extrema e a fame e garantir a sostibilidade do medio.
Ademais, con este proxecto preténdese facilitar o acceso á enerxía, contribuír á loita contra o cambio climático e apostar polo uso as enerxías renovables nos países en desenvolvemento mediante a nosa a cooperación internacional.
O CICER promoverá o uso destas enerxías en países en desenvolvemento como medio de aproveitamento dos recursos enerxéticos propios, en colaboración con axencias nacionais e internacionais de desenvolvemento. Así mesmo, identificará oportunidades de desenvolvemento e propoñerá proxectos en colaboración con expertos nacionais.
Por outro lado, a Comisión analizou as prioridades que manterá España no marco das reunións de ministros e xefes de Estado da UE e de cara ao próximo Cumio sobre o clima que terá lugar en México a finais de ano.
Dende o punto de vista da axenda económica, a loita contra o cambio climático constitúe un piar fundamental da Estratexia 2020 da UE como elemento catalizador da transformación do modelo produtivo da Unión Europea e España apoiará para que o Consello Europeo, a celebrar o 22 de marzo, estableza entre os seus obxectivos clave para os próximos anos a enerxía e o cambio climático.
Ademais, España, como Presidencia da Unión Europea, está a traballar para manter o liderado da UE no ámbito internacional da loita contra o cambio climático.
Para iso, formulou de cara ao Cumio de México un borrador de conclusións que reflicten o seu claro compromiso co proceso da Convención Marco de Nacións Unidas para o cambio Climático e a súa actitude construtiva respecto aos pasos necesarios tras o cumio de Copenhague e as actuacións que deben emprenderse para alcanzar un resultado satisfactorio en México.
Por último, a Comisión Delegada estudou os avances do Instituto de Investigación sobre Cambio Climático (I2C2) en Zaragoza. Entre as actuacións máis inmediatas figuran a presentación pública en Zaragoza, a constitución legal do Instituto, así como a preparación do seu programa científico.
|








