| A Fundación Biodiversidad premia o documental sobre o Golfo de Fonseca |
| Escrito por Montse Fernández |
| Luns, 14 Marzo 2011 11:25 |
|
O documental "Golfo de Fonseca: A loita por un futuro sostible" realizado pola Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (AGARESO) e Amigos da Terra, gañou o segundo premio dentro dos galardóns que concede a Fundación Biodiversidad, na modalidade de comunicación e creación.
Os Premios Fundación Biodiversidade recoñecen o labor de emprendedores que fan unha decidida aposta pola xestión sostible dos recursos naturais, así como a comunicadores e creadores que contribúen a implicar a sociedade na mellora do medio ambiente.
Amigos da Terra e AGARESO, a través dun convenio de colaboración, comezaron no ano 2009 un proxecto de sensibilización para dar a coñecer o traballo que Amigos da Terra leva a cabo no Golfo de Fonseca en temas de pesca artesanal sostible. O primeiro paso foi o desprazamento a terreo de cinco reporteiros: a reporteira audiovisual, Laura López; o operador de cámara, Cristóbal Martín; o fotógrafo, Carlos Puga e as xornalistas, Estrella López e Eva Alonso, para visitar os proxectos que a asociación ecoloxista está a desenvolver en Nicaragua, O Salvador e Honduras, tres países que comparten esta zona, un ecosistema moi rico en diversidade biolóxica mariña - costeira.
Durante a súa visita, os reporteiros de AGARESO tiveron a oportunidade de entrevistarse cas cooperativas de pescadores artesanais, con responsables de empresas galegas que contan con instalacións no Golfo, institucións locais, cooperativas de mulleres e as contrapartes de Amigos da Terra, recollendo en formato dixital e a través de entrevistas os logros que se están acadando en diferentes aspectos, como a pesca artesanal sostible, a conservación dos recursos mariños ou a maior participación das mulleres no sector pesqueiro.
Este documental é froito desta visita, así como a exposición fotográfica que estamos a mover por toda Galicia e o blog elaborado polos reporteiros durante a expedición.
Os galardóns entregaranse nun acto, que terá lugar o vindeiro 2 de xuño no Ministerio de Medio Ambiente, con motivo da celebración do Día Mundial de Medio Ambiente, o 5 de xuño.
Parabéns para todos os que participaron neste gran proxecto! |






