| O uso racional dos recursos naturais clave para diminuír a pobreza |
| Escrito por Montse Fernández |
| Xoves, 07 Abril 2011 13:28 |
|
Amigos da Terra, Enxeñería Sen Fronteiras Galicia (ESF) e Cartolab (Laboratorio de Enxeñería Cartográfica da UDC) colaboran conxuntamente dende o ano 2010, nun proxecto co que pretenden contribuír a diminuír a pobreza e a vulnerabilidade alimentaria das familias da microcunca do río Laure (no sur de Honduras), promovendo para elo, o uso racional dos recursos naturais e sistemas sostibles de produción de alimentos.
Honduras atópase dentro dos países menos desenvolvidos de Centroamérica. Máis da metade da poboación do municipio de San Lorenzo, no sur de Honduras, localidade onde se desenvolve este proxecto, viven en situación de pobreza. O deterioro dos recursos naturais e o dano ecolóxico ocasionado polo mal uso destes, contribuíron de forma significativa aos baixos niveis de benestar socioeconómico da poboación. Paradoxicamente, o país conta con suficientes recursos naturais para promover avances no nivel de vida da súa poboación, sempre que estes recursos sexan utilizados de forma racional e sostible.
Por outra banda, a análise da situación da muller reflicte a gran fenda de xénero existente. Xeralmente teñen un acceso á terra moi limitado, perciben menores ingresos, atópanse con obstáculos para a súa integración na actividade económica e contan cun baixo nivel de escolarización (o 70% da poboación feminina total e o 90% da rural non tiveron acceso a educación ou só o tiveron ao nivel educativo primario).
Para contribuír a diminuír a situación de pobreza e vulnerabilidade alimentaria, así como aumentar o acceso das mulleres a este sector, as tres organizacións traballan con 215 familias de seis comunidades do municipio de San Lorenzo, promovendo o uso racional dos recursos naturais e sistemas sostibles de produción de alimentos. Para elo, traballan conxuntamente co Comité para a Defensa e Desenvolvemento da Flora e Fauna do Golfo de Fonseca (CODDEFFAGOLF), que se encarga de executar directamente o proxecto baixo o seguimento das organizacións galegas.
Ata o momento, conseguiuse dotar a 40 familias de parcelas de cultivos en crecemento, se elaboraron 60 plans de manexo de fincas, instaláronse 6 sistemas de rego por comunidade, impartindo os correspondentes obradoiros para que os/as beneficiarios/as coñezan os conceptos básicos do rego, o funcionamento destes microsistemas e o mantemento adecuado dos mesmos. Ademais, ofrecéronse obradoiros sobre técnicas sostibles e en abonos orgánicos, levando a cabo un seguimento dos produtos realizados, todo isto cunha participación activa dos/as beneficiarios/as.
Este proxecto está subvencionado pola Xunta de Galicia a través de Cooperación Galega.
Podedes seguir as actividades que se están a realizar neste proxecto, no blog que creou Enxeñería Sen Fronteiras Galicia. |






