| Amigos de la Tierra impulsa outra forma de viaxar: o ecoturismo comunitario |
| Escrito por Angel Dorrio |
| Mércores, 28 Setembro 2011 18:22 |
|
Amigos de la Tierra propón o ecoturismo comunitario como alternativa á industria do turismo tradicional. A través dos seus proxectos de cooperación, a asociación puxo en marcha un centro ecolóxico en Nicaragua, que busca protexer a biodiversidade e sensibilizar aos seus visitantes sobre o valor ambiental da zona.
A crecente necesidade por preservar a biodiversidade da Terra, por mor dos problemas sociais e ambientais derivados da actividade humana, supón unha nova formulación nos nosos modelos de vida. Este é o caso do ecoturismo, unha alternativa cada vez máis habitual que ofrece a posibilidade de coñecer e gozar das zonas visitadas de forma responsable e respectuosa coa contorna natural e cos seus habitantes.
Esta alternativa contraponse ao turismo tradicional de masas que produce un gran impacto nos ecosistemas naturais, transformándoos e devastándoos, coas construcións de grandes complexos hostaleiros e resorts, en moitos casos en zonas cunha alta riqueza natural.
A asociación de Amigos de la Tierra, desde 1999, comezou a apostar polo ecoturismo comunitario en contornas cunha biodiversidade privilexiada que permitise protexer a rexión ademais de ofrecer á cidadanía alí presente alternativas socioeconómicas compatibles co coidado dos ecosistemas naturais. Con este fin creouse "O Centro Ecolóxico Os Guatuzos", un centro de ecoturismo destinado á sensibilización ambiental. O Centro situado nun humidal de interese mundial polas súas características climáticas e a súa biodiversidade foi declarado sitio Ramsar e Refuxio de Vida Silvestre, ademais forma parte da Reserva da Biosfera Río San Juan.
O centro é agora un referente do ecoturismo en Nicaragua. Este mes de setembro recibiu o Selo Azul, outorgado polo Instituto Nicaraguano de Turismo (INTUR) ao cumprir cos criterios de calidade como centro adaptado ao turismo rural. E durante este verán, en agosto, o centro superou o número de visitantes con 168 persoas, 113 máis visitantes que o mesmo mes do ano pasado.
"O proxecto xurdiu coa intención de traballar man a man coas comunidades da zona, para promover un maior dinamismo da economía local, e mellorar as capacidades de xestión dos axentes involucrados no proceso. Ao favorecer un cambio de actitude do turista e dos actores locais está a lograrse desde o seu inicio un impacto positivo nas comunidades e na súa zona" sinala Ricardo Mota, responsable de cooperación de Amigos de la Tierra España.
Ademais das visitas para turistas, no centro impártense talleres de sensibilización ambiental a colectivos locais fomentando o compromiso e a responsabilidade ante os recursos ecolóxicos de Río San Juan. Os beneficiarios do proxecto coincidiron en que, o máis sobresaliente, é o cambio de concepción da xente sobre a xestión e coidado do medio ambiente compatible coas actividades socioeconómicas. |







