| Exposición "Golfo de Fonseca: A loita por un mundo sostible" en Cambados |
| Escrito por Angel Dorrio |
| Venres, 18 Novembro 2011 20:11 |
|
Dende hoxe, día 18 e ata o vindeiro 7 de xaneiro de 2012, o Pazo Torrado en Cambados acolle a exposición "Golfo de Fonseca: A loita por un futuro sostible", organizada por Amigos da Terra e AGARESO.
Amigos da Terra e AGARESO, a través dun convenio de colaboración, comezaron no ano 2009 un proxecto de sensibilización que permitirá dar a coñecer en Galicia o traballo que a asociación ecoloxista leva a cabo no Golfo de Fonseca en temas de pesca artesanal sostible. O primeiro paso foi a expedición de cinco reporteiros rumbo ao Golfo de Fonseca para visitar os proxectos que a asociación está a desenvolver en Nicaragua, O Salvador e Honduras, tres países que comparten a xestión e uso desa área xeográfica, un ecosistema que destaca pola súa biodiversidade mariño-costeira.
Neste proxecto, durante doce días os compoñentes de AGARESO tiveron a oportunidade de entrevistarse cas cooperativas de pescadores artesanais, con responsables de empresas galegas que contan con instalacións en O Salvador, institucións locais, cooperativas de mulleres e as contrapartes de Amigos da Terra, recollendo en formato dixital e a través de entrevistas os logros que se están acadando en diferentes aspectos, como a pesca artesanal sostible, a conservación dos recursos mariños ou a maior participación das mulleres no sector pesqueiro.
As 60 fotografías que engloban a mostra, realizadas polo fotógrafo de AGARESO, Carlos Puga, reflexan as primeiras impresións e vivencias deste grupo de reporteiros durante a súa visita aos proxectos da asociación ecoloxista.
A mostra permanecerá no Pazo Torrado en Cambados, ata o vindeiro 7 de xaneiro de 2012 e poderá visitarse de 17.00 a 20.00 horas de martes a domingo. |







