| Aspecto actual do río Lagares e da praia de Samil logo dos vertidos contaminantes |
| Escrito por Montse Valencia |
| Mércores, 24 Setembro 2008 16:14 |
|
Amigos da Terra achegouse a comprobar o estado das augas, da vexetación e da fauna do río Lagares e da praia de Samil dous días despois de que o concello de Vigo anunciase a existencia de ameazas por novos vertidos de “importantes cantidades de deterxente, lixivia e incluso un depósito de gasoil con máis de mil litros de carburante”, que aínda quedan no polígono de O Gorxal.
Pese a que é difícil saber canta fauna piscícola se perdeu co desastre, si que se contabilizan moitos menos parrulos polo río. Iste é un dos principais apuntes dos veciños que coñecen ben a zona e pasean a diario polas beiras do Lagares.
Estanse tomando medidas de precaución pola administración para evitar un novo desastre ecolóxico. O que aínda se descoñece son as causas que desencadenaron nesta grave situación e que deron como resultado unha importante afección ambiental á canle fluvial do Lagares e da praia de Samil a súa chegada do citado río.
O río Lagares foi tradicionalmente o sumidoiro das verteduras domésticas e industriais de Vigo. A construción dunha depuradora e a conexión das verteduras ao colector pensáronse como solución á situación, permitindo a recuperación deste espazo de gran valor natural e cultural.
Dende un punto de vista ecolóxico, o río Lagares constitúe para Vigo un dos seus emblemas máis importantes; actúa como certo eixe estrutural, elemento paisaxístico e medioambiental da cidade.
Este tipo de recursos fluviais, ademais de ser clave no desenvolvemento social, cultural, económico e histórico dunha cidade, constitúense como espazos ambientais de moitisima importancia para o municipio que atravesan. Pero pese a esta riqueza natural, os gobernantes vigueses ao longo das súas lexislaturas, nunca souberon pór fin á situación de contaminación gravísima que sempre sufriu o río e as súas ribeiras.
Pola súa parte, a praia de Samil ao longo dos últimos anos foi tamén vítima de continuos vertidos provintes da conexión que a praia mantén co río, xa que todo aquilo que afecte ao Lagares, inevitablemente, afectará á zona marítima de Samil por ser o destino da desembocadura final do río.
Un total de 230.000 litros de auga contaminada foron recollidos nos areais, afectados polo vertido de produtos deterxentes procedentes do río Lagares que se orixinaron tras o incendio na macronave de O Gorxal.
A dúbida que se suscita entre a poboación viguesa é que clases de medidas está a tomar o concello para cambiar unha grave situación ecolóxica xa coñecida e, inclusive, que tipo de medidas preventivas se toman dende dito Executivo para evitar ou controlar que un atentado ecolóxico coma o acontecido non volva repetirse.
As investigacións que dende Amigos da Terra se están a levar a cabo mediante a solicitude da documentación pertinente, servirán para clarificar os feitos e sinalar aos cumpables da desfeita ambiental acontecida.
|





