| Os recheos no peirao de Vigo agochan un posible delito ecolóxico |
| Escrito por Montse Valencia |
| Venres, 08 Xaneiro 2010 16:31 |
|
O posible delito ecolóxico orixinado polos recheos no peirao de Vigo e denunciado polos ecoloxistas da plataforma A ría non se vende, proceden da manipulación das normas que regulan a avaliación de impacto ambiental, o que levou ao xulgado vigués a dictaminar onte un auto obrigando á inmediata paralización das obras de recheo.
Segundo se desprende das declaracións realizadas pola Autoridade Portuaria, o alarmante é que a xustiza sexa tan rápida, o que parece agochar a incapacidade para que dita Autoridade teña o tempo suficiente para realizar unhas obras a sabendas da súa ilegalidade.
A celeridade con que o xulgado de instrucción de Vigo dictou o auto polo que se debe paralizar inmediatamente a execución do proxecto do Areal, deixou sosprendida a Corina Porro que quere obviar que a decisión xudicial se dictaminou pola presunta existencia dun delito contra o medio ambiente e por prevaricación de funcionario público, ambos tipificados no Código Penal.
Amigos da Terra celebra precisamente esa rapidez xudicial, tanto pola posta en coñecemento dos feitos pola fiscalía ao xuíz, como pola toma da decisión xudicial de paralizar as obras namentres se verifica a existencia do delito ecolóxico e de prevaricación. A política de feitos consumados aos que a administración ten acostumados aos cidadáns, topa de fronte con este auto que é o resultado do traballo denunciado pola Plataforma ecoloxista A Ría non se vende, á que, dende Amigos da Terra, felicitamos.
Pola súa banda, a páxina web da Autoridade Portuaria recolle a necesidade de avaliar ambientalmente todos os proxectos e obras que fan porque levan unha “política de xestión ambiental sostible”. Esta aparente transparencia agocha incumprimentos, como ben acaba de declarar onte o xulgado de Vigo.
A tendencia política e empresarial no tocante ao medio ambiente, é a elaboración de normas ambientais febles coas que poder simplificar os trámites de esixencias medioambientais. Por iso, é tan importante a laboura de grupos de veciños e asociacións ecoloxistas que vixian polo estrito cumprimento das normas que a administración dicta e que a propia administración, INCUMPLE baixo aparantes programas de xestión ambiental sostible.
|





